Reapertura do Museo Diocesano-Catedralicio de Lugo

O 23 de xuño tivo lugar o acto de reapertura do Museo Diocesano – Catedralicio de Lugo. O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e outras autoridades inauguraron oficialmente a reapertura deste Museo.

O bispo de Lugo afirmou que “a fondura da vivencia dos nosos antepasados, relixiosa e, máis en concreto, cristiá, visibilízase aquí especialmente no conxunto de pezas dedicadas ao misterio da Eucaristía, como representándonos en palabras de arte o antigo lema de Galicia: hic hoc mysterium fidei firmiter profitemur.
Proseguiu recordando que “esta experiencia de fe segue viva entre nós, de modo que a visita pode converterse en encontro, nun momento en que resoen de novo as fibras do noso corazón, non só por sentir próxima a presenza dos nosos maiores e nosas mesmas raíces, senón tamén por axudarnos a recordar e a descubrir de xeito novo a beleza e o valor inapreciable daquilo no que cremos e esperamos”.

Mons. Carrasco quixo agradecer o traballo de tantas persoas e institucións neste museo: “O Museo é, por fin, unha obra feita posible pola colaboración tamén hoxe de homes e mulleres de Igrexa, da Diocese de Lugo e da Xunta de Galicia, asumindo a súa responsabilidade para co noso patrimonio histórico artístico”.

[Ver álbum fotográfico]

Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento

A Catedral lucense acolle o día 25 de xuño a partir das doce a OFRENDA DE GALICIA  AO SANTÍSIMO SACRAMENTO. Este ano correspóndelle presentar a Ofrenda á Alcaldesa de Mondoñedo, Dna. Elena Candia López. O Bispo de Mondoñedo-Ferrol, Mons. D. Luis Ángel de las Heras Berzal, responderá e será o prelado que presida a celebración. En declaracións a COPE Mons. D. Luis Ángel, dixo que “a Ofrenda significa que o Santísimo está onde ten que estar, no máis alto das nosas vidas. Cando xurdiu a Ofrenda pretendíase manter o culto ao Santísimo Sacramento e hoxe continuamos con esa tradición. Mantela co esforzo económico que tivo no comezo, pero hoxe evidentemente imos máis alá, entendendo que manter este culto é algo que nos beneficia a todos. E a Igrexa de Galicia é un referente de por onde temos que camiñar e sobre todo é un referente porque o pobo galego, en calquera dos seus recantos, é relixioso, que considera ao Señor por riba de todo: é o seu mediador, o seu avogado, o seu guía”.

Jesús Folgado: A Catedral, lugar para amar e perdoar

A xornada do 22 de xuño, o Encontro Eucarístico Lucense adicouna á adoración ao Santísimo. E ademais, o profesor de Teoloxía de Getafe, Jesús Folgado, pronunciou na Catedral unha conferencia sobre o papel da Basílica.

Jesús Folgado explicou que unha finalidade da Catedral é alimentar como nai a todas as igrexas, primeiro celebrando novos sacerdocios e o resto dos sacramentos. Por iso faise mención específica ao crisma: os bispos son crismados, os fieis son crismados (confirmación, bautismo, unción de enfermos), aos sacerdotes únxenlles as mans.

O Bispo é a esencia do Pai, e como a esencia de Deus é a caridade e a misericordia, por extensión, a Catedral ten que ser a igrexa da misericordia e da caridade. Esta é a tarefa que ten que cumprir calquera Catedral. E aí están os penitenciarios.

Para Jesús Folgado “a Catedral lucense ten unha sorte que non teñen o resto de catedrais: todos os días pode lucrarse a indulxencia plenaria, cumprindo as condicións xerais e a visita ao Santísimo Sacramento, exposto permanentemente no Altar Maior. A Catedral é o centro da misericordia, a cal en Lugo non se reserva para uns días especiais: Lugo ten a sorte de ter un ano xubilar extraordinario, ou un ano xacobeo, todos os días.”

Celebración da Romaría do Corpiño

Venres 23  PRIMEIRO DÍA DA ROMARÍA

Misas desde as 9 da mañá. Ás 12 Misa Solemne cantada polo coro “Nosa Señora do Corpiño”. Recibimento da Virxe para a Procesión. Ofrenda-baile á Virxe. Pola tarde misas desde as 5:00 h

Sábado 24. GRAN ROMARÍA Á VIRXE MARÍA DO CORPIÑO

Misas desde as 9:00 h da mañá. Ás 11:00 h Misa de Enfermos. Ás 12:00 h Misa Solemne presidida polo Vicario Xeral, D. Mario Vázquez Carballo e cantada polo coro “Nosa Señora do Corpiño”. Procesión e Ofrenda-baile á Virxe. Despedida da imaxe da Virxe. Pola tarde misas desde as 5:00 h

Domingo 25.

Misas desde as 10:00 h da mañá. Ás 12:00 h Misa Solemne cantada polo coro “Nosa Señora do Corpiño”. Consagración de todos os devotos á Virxe do Corpiño Logo da Misa poxas das ofrendas realizadas á Virxe do Corpiño. Pola tarde misas desde as 5:00 h

Ata o día 23 está celebrándose a Novena ás 12 da mañá e ás 6 da tarde.

A celebración do Domingo de Corpus Christi en Lugo

O Corpus Christi, festa da Eucaristía, alcanza en Lugo unha maior dimensión pola tradición secular de devoción eucarística desta comunidade de fieis e polo privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento. O pobo de Lugo, desde os tempos do bispo mártir San Capito (século I d.C.), sempre destacou pola súa fe e a súa defensa do sacramento da Eucaristía, situándose contra a herexía priscilianista (que negaba a real presenza de Cristo nas especies consagradas) tanto en época de Santo Toribio (século V) como do rei suevo Teodomiro (século VI), data que numerosos documentos sitúan como inicio do privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento.

A festa do Corpo de Cristo foi instituída en 1264 polo Papa Urbano IV coa bula Transiturus de Hoc Mundo destacando Santo Tomé de Aquino na elaboración do Oficio da celebración; un santo representado maxistralmente polo pincel de José Terán na cúpula da capela maior (século XVIII) e polo cincel de Francisco de Moure (século XVII) no coro alto da catedral de Lugo.

A tradicional Eucaristía celebrouse onte no marco inigualable da Praza de Santa María, lugar que, grazas á man de mestres como Fernando de Casas y Novoa (capela da Virxe dos Ollos Grandes) ou Gaspar de Arce (torre das campás) e ao corazón de bispos como Cayetano Gil Taboada (palacio episcopal) ou Pedro de Ribera (nártex entrada norte), é considerado como dos máis belos de Galicia. A Eucaristía estivo presidida por Mons. Alfonso Carrasco Rouco, un prelado de cuxa erudición é testemuña a súa obra en numerosas publicacións, como Scripta Teológica ou Compostellanum, e que mostra a súa implicación neste privilexio lucense que supón a constante exposición do Santísimo Sacramento, e na Eucaristía, no Cáliz e a Sagrada Forma do seu escudo episcopal.

A procesión do Corpus Christi ten unha profunda tradición desde que en 1447 o Papa Nicolás V levase por Roma a Hostia Santa. O itinerario en Lugo foi minguando co tempo, sendo, a comezos do século XVIII, o seu inicio na porta norte da catedral e o remate, tras pasar polas rúas San Pedro ou San Marcos, na fachada do Bo Xesús; xa en 1761, en tempos do bispo Francisco Izquierdo y Tavira, que tantas obras promoveu para o beneficio da cidade, transitaba por diante dos conventos de Santo Domingo e San Francisco, terminando de novo na fachada do Bo Xesús tras pasar pola fonte da Pinguela.

Xornais da provincia de Lugo a comezos do século XX, como Las Dos Regiones, mostran a magnificencia con que os veciños preparaban a festa: “Fermoso, por máis dun concepto, foi o golpe de vista que presentaba a cidade coa profusión de colgaduras e bandeiras nacionais en todas as casas particulares e edificios públicos, ofrecendo relixioso aspecto o repique de campás e os acordes melodiosos das nutridas banda municipal e militar” (xuño 1908). A música na festa segue presente, sendo hoxe executada polo Orfeón Lucense, a Banda Filarmónica de Lugo e a Coral Polifónica do Hospital Xeral-Calde.

Dáse un novo paso na secular tradición do Corpus Christi en Lugo, unha das festas que mellor reflicte a fe da nutrida comunidade cristiá desta cidade e onde a tradicional choiva de pétalos e música exterioriza o que moitos lucenses levan no seu propio corazón.

Marcos G. Calles

Historiador da arte

A %d blogueros les gusta esto: