Entrega de premios do Concurso de Tarxetas de Nadal de La Voz de la Verdad

Gañadores concurso tarxetas de Nadal

O día 12 de xaneiro foi a entrega de premios aos gañadores do VII Concurso de Tarxetas de Nadal que convocara a libraría La Voz de la Verdad. Houbo 2000 obras realizadas por alumnos de 15 colexios de ámbito provincial: Poeta Díaz Castro de Guitiriz, La Merced de Sarria, Colexio Público do Páramo, Colexio Público do Corgo, Veleiro Docampo de O Castro, Divino Maestro de Lugo, María Auxiliadora de Lugo, Illa Verde de Lugo, Rosalía de Castro de Lugo, Colexio de Casás de Lugo, Nosa Sra. da Asunción de Sarria, Padres Franciscanos de Lugo, Colexio Público de Antas de Ulla, Seminario Diocesano de Lugo e Divina Pastora Salesianos de Lugo.

[Relación de premiados]

Conferencia de Carmen Villora sobre o carisma salesiano

O xoves 14 de xaneiro ás 17:30h no Colexio María Auxiliadora de Lugo Carmen Víllora Sánchez pronunciará a conferencia titulada “A fermosa tarefa de educar: o carisma salesiano”.

Carmen Villora é doutora en Filosofía e licenciada en Filosofía e Letras, en Pastoral Xuvenil e Catequética. Durante 3 décadas dedicouse á educación de adolescentes e xoves. Ten coñecementos nos temas de valores, transcendencia e relixiosidade. Na súa experiencia como educadora potenciou o acompañamento educativo para o crecemento integral da persoa.

Carmen VilloraCarmen Villora é profesora de Filosofía da Educación no Centro de Ensino Superior en Humanidades e Ciencias de Educación Don Bosco.

Ademais do seu libro El pensamiento religioso de María Zambrano, publicou en varias revistas especializadas: Estudios Filosóficos, Analogía filosófica: revista de filosofía, investigación e difusión; Revista Digital de Educación…

Este acto enmárcase dentro das celebracións organizadas con motivo dos 25 anos de presenza en Lugo das Fillas de María Auxiliadora, salesianas.

Mans Unidas organizou unha conferencia sobre Laudato si’

Copia de Conferencia David Varela

O martes 12 de xaneiro Mans Unidas organizou unha conferencia sobre a recente encíclica do Papa Francisco Laudato si’.  O reitor do Seminario lucense, David Varela, que foi o encargado de pronunciala, repasou os contidos do texto pontificio e como introdución dixo que ata agora non había un documento papal que abordase dun xeito tan concreto o tema da ecoloxía. Tamén considerou David Varela que o texto está con pleno dereito dentro do grupo de encíclicas sociais e que, como é o normal no pensamento teolóxico, tanto este como Laudato si’  están elaborados en continuidade co xa dito pola Igrexa con anterioridade. Como conclusión, escolleu unha frase: 

“O xemido da irmá terra únese ao xemido dos abandonados do mundo, cun clamor que nos reclama outro rumbo” (Laudato si’ 53)

Mans Unidas asume a chamada de Francisco para contribuír, desde o traballo da organización, á renovación cultural baseada nunha conversión ecolóxica integral.

[Documentación de Mans Unidas sobre Laudato si’]

Os martes da parroquia de San Froilán

Martes da parroquia de S Froilán

Durante o ano 2016, con motivo do Ano da Misericordia, prográmanse Os martes da Parroquia de San Froilán (Lugo) ás 18:30h desde o 12 de xaneiro ata o 26 de xullo.

Trátase de buscar un espazo de oración e formación para adultos que queiran profundar no coñecemento e contemplación do Deus de Xesucristo.

O martes 12 de xaneiro hai oración e desenvólvese da seguinte maneira: exposición do Santísimo, vésperas, oración persoal.

O martes seguinte, 19 de xaneiro, comezan as sesións adicadas á formación. Trátase de ir coñecendo ou lembrando os fundamentos básicos da fe (existencia de Deus, revelación, Sagrada Escritura, sacramentos, liturxia…).

Nas semanas seguintes irán alternándose os momentos de oración (26 de xaneiro, 9 de febreiro, 23 de febreiro…) cos de formación (2 de febreiro, 16 de febreiro, 1 de marzo…).

Bautizados para a vida eterna

O dos chamados “bautizos civís” non é novo. A tentación é comparalos coas vodas civís; pero non hai comparación posible e o nome tampouco é o correcto. O recoñecemento civil é obrigado para unha institución de dereito natural como é o matrimonio. A acollida dun novo cidadán xa se produce, ás poucas horas de nacer, coa súa inscrición no Rexistro Civil, sen ser necesario ningún outro trámite administrativo. Outra cousa é a celebración festiva deste ou outros acontecementos importantes da vida das persoas.

compost
Pía bautismal de Torbeo

O Bautismo é un sacramento e a súa finalidade é perdoar o Pecado Orixinal e facer ao bautizado un novo membro da Igrexa. Non se celebra, xa que logo, a incorporación de ninguén á sociedade ou ao censo dun concello. Co cal, queda claro que non hai oposición de ningún tipo, podéndose dar as dúas cousas (civil e relixioso) ou, como é lóxico, a inscrición civil sen o sacramento do bautismo, pero non ao contrario. Non son incompatibles nin excluíntes.

Non nacemos cristiáns aínda que a nosa familia o sexa. Facémonos cristiáns cando recibimos o sacramento do Bautismo. Non é o caso, por exemplo, dos musulmáns que non teñen ningún rito de iniciación, pois para eles xa se nace musulmán.

A liturxia bautismal comeza á porta da Igrexa. Signifícase así o recibimento e a acollida solemne que lle facemos ao neno/a como novo membro da Igrexa. Despois “mergúllase” (que é o que significa a palabra bautismo) tres veces na auga bautismal para simbolizar os tres días que Xesucristo estivo no sepulcro e a súa resurrección a unha vida nova e definitiva, a vida eterna.

Polo bautismo, xa que logo, quedamos enxertados na vida de Cristo. De tal modo morreremos como Cristo morreu pero tamén resucitaremos como El: para a vida nova e eterna.

O nacemento dun neno sempre é unha boa noticia e unha alegría para a familia e é normal que se queira celebrar. Cando bautizamos a este novo membro da familia non só celebramos a súa vida terrenal senón que o poñemos en mans de Xesucristo para que semente nel a semente da vida eterna.

O bautismo acompáñanos durante toda a nosa existencia e ábrenos as portas para recibir os demais sacramentos da vida cristiá que necesitamos para facer o camiño natural de retorno á Casa do Pai.

Do mesmo xeito, ao final da vida, o día do noso funeral vólvense a facer presentes os elementos do bautismo, de forma especial a auga e o Cirio Pascual que representa a Cristo Resucitado. O día do noso bautismo Cristo acolleunos e incorporounos á Igrexa da terra. O día do noso funeral pedímoslle a este mesmo Cristo que lave os nosos pecados (aspersión da auga bendita sobre o féretro), que nos dea a vida nova e que nos incorpore á Igrexa do ceo.

Esta é a gran achega do Bautismo e non é pouco. Intentar comparar, dunha forma máis ou menos excluínte, o sacramento do Bautismo coas cerimonias civís de incorporación á sociedade ou aos trámites de inscrición no Rexistro Civil é confundir o touciño coa velocidade.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: