San Xoán Bosco, mestre e amigo dos mozos

DON-BOSCOSan Xoán Bosco foi sacerdote, educador, pedagogo, escritor, poeta, mestre de mozos, fundador e sobre todo, santo.

Turín. Mediados do século XIX. Tempos difíciles para a supervivencia. Centos de mozos chegan á cidade fuxindo da miseria e da pobreza. Buscan unha vida máis digna nuns espazos novos e descoñecidos. Pero as súas esperanzas e os seus soños escurécense cando son explotados polos seus amos, cando teñen que traballar día e noite sen descanso e cando, en recompensa, só perciben malos tratos e soldos indignos. Na rúa, malvívese -prostitución, alcohol, frío- e a mala educación vai impregnando a existencia de miles destes mozos que, desconcertados, choran con nostalxia e desesperación os seus desexos dunha vida feliz.

E alí, faise presente un novo sacerdote, sinxelo, humilde, que chegara do campo, orfo de pai desde a infancia pero cunha vocación chea de tenacidade e confianza en Deus e capaz de encarnarse na realidade dos mozos ata convivir con eles, querelos, amalos e conseguir rescatalos daquela crúa realidade.

Tras ser ordenado e enviado como capelán ao cárcere de Turín, puido comprobar e sufrir nas súas carnes ata que punto a existencia dos residentes ía degradándose, perdendo e consumindo. Na rúa e no cárcere experimentou a experiencia da misericordia. Alí estaban os seus amigos, tirados ao bordo do camiño, feridos e abandonados, esperando a un bo samaritano.

Algúns dos seus contemporáneos, tanto da Igrexa como da sociedade civil, considerábano tolo e imprudente. Adoita suceder así coa maioría dos santos. Pero a historia real pon sempre as cousas no seu sitio e o seu prestixio como sacerdote e como educador dos mozos necesitados ou en risco,valeulle o respecto das autoridades civís e relixiosas do seu tempo e do seu país, así como unha gran fama no estranxeiro.

O día 1 de abril de 1934, soamente 46 anos despois da súa morte, Xoán Bosco era canonizado polo Papa Pío X. Xoán Pablo II conferiulle o título de `Pai, mestre e amigo dos mozos’.

Miles de poboacións, provincias, teatros, rúas, museos, colexios e universidades, levan o seu nome. Don Bosco segue vivo no pensamento e no corazón de moitos mozos de hoxe, na Congregación Salesiana, nas Asociacións de María Auxiliadora, nos oratorios, nos Institutos das Fillas de María Auxiliadora, e en innumerables lugares do mundo onde se aplica o seu sistema pedagóxico «preventivo» para a educación de nenos e mozos en situacións de risco. Hoxe é considerado o gran pai e mestre da mocidade.

A presenza das ramas masculina (Colexio Divina Pastora – Salesianos) e feminina (Fillas de María

Auxiliadora – Salesianas) en dous dos barrios e parroquias que máis creceron en Lugo cidade, A Milagrosa e Fingoi, é unha herdanza de Don Bosco que segue enriquecendo a Lugo no máis esencial para o futuro dun pobo: a educación.

Neste ano Santo da Misericordia, San Xoán Bosco, é un claro exemplo digno de imitar polo seu corazón próximo aos máis pobres e desvalidos ao estilo do corazón do Deus da misericordia.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Convenio entre Bispado e Consellería de Cultura para impulsar o Museo Diocesano e Catedralicio

Convenio Museo 2 Na presentación aos medios do convenio, o director do Museo César Carnero falou do convenio como un agasallo adiantado do cumpreanos, pois no 2018 o Museo cumprirá 100 anos.

O conselleiro de Cultura Román Rodríguez, afirmou que é o primeiro convenio que en Galicia se asina con esta orientación e agradeceu a sensibilidade de Mons. Alfonso Carrasco neste tema. Tras catalogar os bens de natureza artística da Diocese, as pezas de maior interese trasladaránse ao Museo. Desta maneira, segundo o Conselleiro, as persoas do lugar de orixe das obras de arte, sentirán orgullo delas.

Para o Bispo de Lugo, coidar o patrimonio artístico forma parte dunha gran empresa de coidar o noso rural e a nosa tradición. O Museo Diocesano e Catedralicio representará a vida da nosa terra, e quen o visite encontrará o eco da vida das parroquias. “Non quereriamos, dixo Mons. Alfonso Carrasco, que as nosas parroquias perdesen a súa memoria e identidade”.

O investimento total desta intervención será de 332.000 euros

Convenio Museo 3

Celebración de San Tomé no Seminario

Copia de San Tomé 2

O xoves 28 de xaneiro celebrouse a Festa de San Tomé de Aquino 2016 no Seminario Diocesano, Instituto Teolóxico Lucense e Extensións de Lugo do ISCRSD e do IITD.

A Capela Maior acolleu a Eucaristía presidida polo Excmo. e Rvdmo. Sr. Bispo de Lugo, Mons. D. Alfonso Carrasco Rouco. A continuación, na Aula Magna tivo lugar o acto académico no Ano Xubilar da Misericordia, consistente nunha conferencia titulada “La naturaleza del perdón divino” de D. Adolfo Rodríguez Iglesias, sacerdote diocesano de Astorga, Profesor de Teoloxía e Director-Delegado do ISCRSD de Astorga.

Os actos están abertos ao público en xeral.

Cadea de Oración pola Vida Consagrada

O día 27 de xaneiro terá lugar un novo encontro con motivo da Cadea de Oración pola Vida Consagrada. Nesta ocasión será na capela do Mosteiro da Inmaculada (praza de Santo Domingo, Lugo), coas Agustinas Recoletas.
Horario: 17:30 Rosario
18:00 Eucaristía e a continuación vésperas

O acto enmárcase na celebración do Ano da Vida Consagrada, que será clausurado o 2 de febreiro de 2016, na Xornada Mundial da Vida Consagrada

Do pergameo á era dixital

Arquivo

Todas as institucións van xerando documentación ao longo da súa historia. En orixe, esta documentación ten un valor xurídico que se vai perdendo co tempo para adquirir outro valor, o histórico. Son as pegadas do paso da institución pola historia as que nos evitan caer no alzhéimer e poder mirar cara atrás sen nostalxia para ver o treito do camiño feito en común. E así lle pasa, con máis razón, a unha institución bimilenaria como a Igrexa. E a Igrexa local ou diocesana tampouco é allea a estas circunstancias.

Dita documentación, xurídica ou histórica, sempre se conservou como ouro en pano, baste pensar nos papeis vellos que cada un de nós deposita nas súas casas. Ao mesmo tempo, os propios papeis constitúen un arquivo particular e determinado e, por extensión, o lugar onde se conservan -a arca- constitúe o arquivo, adquirindo así unha identidade propia. O paso dos anos fai que se incremente o volume da documentación conservada e, tamén, que se vexa afectada polos factores medio-ambientais. Por iso cómpre tomar as medidas necesarias para conservar os documentos e, en segundo lugar, difundilos.

Deste carácter introspectivo, de coñecer a propia identidade e de responder a preguntas, nace a disposición ao público da documentación para o seu estudo. Canto máis se facilite o seu acceso e o estudo, máis se progresará no coñecemento das propias institucións. Pero o uso da documentación tamén contribúe ao seu propio deterioro e destrución. Deste xeito, neste momento, temos outros medios e outros soportes para facilitar que se acceda á información sen necesidade de tocar os orixinais. Estamos falando dos medios dixitais que nos permiten consultar documentos en liña coma se tivésemos os orixinais entre as mans.

No caso da Igrexa de Lugo temos dous grandes arquivos: o Arquivo Diocesano, estrictamente xerado pola institución diocesana, polo Bispo e a súa Curia; e o Arquivo Central parroquial, que naceu para albergar os arquivos parroquiais nos anos 70 do século XX. A dixitalización -que non é máis que ofrecer a mesma información noutro soporte- dos libros que estamos levando a cabo afecta aos arquivos parroquiais. Neses arquivos consérvase a documentación referida á vida parroquial: desde os rexistros sacramentais (bautismos, confirmacións, matrimonios, defuncións) ata os libros de contas das parroquias ou os libros das confrarías existentes en cada unidade parroquial e abrangue, grosso modo, a documentación xerada desde finais do século XVI ata a actualidade, aínda que a correspondente aos últimos cen anos non está a disposición dos usuarios por motivos de privacidade e protección de datos. Nesta sección están os libros que conteñen os datos para reconstruír ou refacer historias familiares, aínda que non é toda a documentación e por iso é necesario recorrer a outras fontes arquivísticas. Dedúcese, xa que logo, que a orde do arquivo non é a orde que cadaquén queira darlle, senón que o arquivo ten vida propia, e os seus coidadores deben ser os que a descubrirán e os que han de saber guiar.

A Igrexa non ten medo á investigación e ao desenvolvemento da ciencia histórica e quere achegar a súa vida e a súa historia aos homes de boa vontade usando os medios que ten á súa disposición, tamén na era dixital.

Óscar González Murado

Director do Arquivo Diocesano

A %d blogueros les gusta esto: