A Catedral acolle a inauguración do Curso Pastoral da Diocese

O luns, 2 de outubro, ás 20 h na Catedral de Lugo iníciase oficialmente o Curso Pastoral 2017-18 cunha Eucaristía presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco. Participarán membros de organismos, asociacións, movementos, catequistas, profesores de Relixión da Diocese…

As principais liñas da acción pastoral da Diocese para este curso son as seguintes:

1.- Comunidades como verdadeiras escolas de fe. É necesaria a presenza próxima do fiel cristián, do Pobo de Deus como realidade perceptible, experimentable nas nosas comunidades, coas súas tradicións, iniciativas e celebracións, para que exista unha verdadeira escola na que se cultive a fe.

2.- Prioridade da catequese. Sen dúbida un instrumento fundamental para a educación na fe e parte principal da actividade pastoral.

3.- Continuar a reorganización pastoral da Diocese. Vontade de axeitar as nosas estruturas para que sirvan mellor á tarefa da evanxelización. O anuncio do Evanxeo pasa pola constitución de lugares de referencia, vivos, próximos, en que estean presentes os trazos esenciais da fe: a palabra e os sacramentos, a unidade e a caridade. Iso non diminuirá o valor das parroquias máis pequenas, ás que se continuará coidando como parte de nosa propia identidade.

4.- Valorar, apoiar e aproveitar os privilexios da nosa Catedral (Indulxencia plenaria permanente e perpetua) e de O Corpiño (Ano Xubilar Mariano).

Reapertura do Museo Diocesano-Catedralicio de Lugo

O 23 de xuño tivo lugar o acto de reapertura do Museo Diocesano – Catedralicio de Lugo. O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e outras autoridades inauguraron oficialmente a reapertura deste Museo.

O bispo de Lugo afirmou que “a fondura da vivencia dos nosos antepasados, relixiosa e, máis en concreto, cristiá, visibilízase aquí especialmente no conxunto de pezas dedicadas ao misterio da Eucaristía, como representándonos en palabras de arte o antigo lema de Galicia: hic hoc mysterium fidei firmiter profitemur.
Proseguiu recordando que “esta experiencia de fe segue viva entre nós, de modo que a visita pode converterse en encontro, nun momento en que resoen de novo as fibras do noso corazón, non só por sentir próxima a presenza dos nosos maiores e nosas mesmas raíces, senón tamén por axudarnos a recordar e a descubrir de xeito novo a beleza e o valor inapreciable daquilo no que cremos e esperamos”.

Mons. Carrasco quixo agradecer o traballo de tantas persoas e institucións neste museo: “O Museo é, por fin, unha obra feita posible pola colaboración tamén hoxe de homes e mulleres de Igrexa, da Diocese de Lugo e da Xunta de Galicia, asumindo a súa responsabilidade para co noso patrimonio histórico artístico”.

[Ver álbum fotográfico]

Celebracións de Semana Santa na Catedral

Mércores 12 de abril, ás 11 h na Catedral de Lugo, o Bispo Mons. Carrasco Rouco, presidirá a Misa Crismal, na que concelebran os sacerdotes da Diocese. Nesta celebración, que manifesta a comuñón do Bispo cos seus presbíteros, bendinse os óleos que despois se reparten ás parroquias para a administración dos sacramentos.

Xoves Santo ás 18 h faise memoria da Santa Cea coa institución da Eucaristía e do sacerdocio. O lavatorio dos pés recorda que El anticipou o sacrificio supremo do Calvario, e deixounos como nova lei o seu amor. Preside o Sr. Bispo.

Venres Santo

Mañá, 12 h.: Sermón das Sete Palabras. Acto de piedade que comenta as palabras de Cristo na Cruz. Predica o Delegado de Xuventude, José Antonio Adrio.

Tarde, 18 h.: Celebración da Paixón do Señor presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco

Sábado Santo, ás 23 h SOLEMNE VIXILIA PASCUAL que preside o Sr. Bispo. Tras bendicir o Lume Novo, acéndese o Cirio Pascual, símbolo de Cristo que ilumina a todo home, e resoa xubiloso o gran anuncio da Resurrección.

Domingo de Resurrección, a partir das 11.40 h procesión do Santo Encontro e a continuación Solemne Misa Pontifical de Resurrección. Mons. Carrasco Rouco preside esta Eucaristía. Asisten autoridades civís e eclesiais e unha representación das confrarías; ao finalizar impártes a bendición papal. Trala Eucaristía, procesión do Cristo Resucitado.

Concerto de Noemi Mazoy na Catedral

Baixo o título “Misericordia e tenrura“ a soprano Noemi Mazoy dá un Concerto de Nadal o día 23 de decembro ás 20:30h na Catedral. Estará acompañada de Valery Zviarzhevich (acordeón) e Cristina Nogueira Pérez (violoncello). Interpretarán as seguintes pezas:

  • Panis angélicus (César Franck)
  • Ave María (Schubert)
  • Oh luz de Dios (canción alemana de Nadal)
  • How beautiful are the feet (Händel)
  • El tamborilero (canción popular épica. Letrista:
  • Katherine Kennicott Davis)
  • Ave María (Gounod)
  • Noche de paz (Franz Gruber)
  • Cantique de Noël (Adolphe Adam)
  • Canto de berce (R. Groba)
  • Ave María (Caccini)
  • Adeste fideles (J. Reading)
  • Berceuse (J. Brahms)

Únese así ás celebracións con motivo de que a Santa Sé concedese á Catedral a renovación do privilexio da indulxencia plenaria cotiá e perpetua.

Mons. Alfonso Carrasco: “O don da indulxencia brilla de novo na Catedral”

A Catedral de Lugo acolleu o 22 de decembro un acto de acción de grazas pola renovación da concesión da indulxencia plenaria cotiá e perpetua.

O grupo de música Antiga 1500 interpretou varias Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio e pezas eucarísticas. A continuación, e trala lectura do documento da Penitenciaría Apostólica da renovación da indulxencia, celebrouse a Eucaristía presidida polo bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco e concelebrada polo bispo de Ourense, Mons. Lemos Montanet, o vicario veral de Mondoñedo – Ferrol, Antonio Basanta, o bispo emérito de Astorga, Camilo Lorenzo, así como o cabido catedralicio.

Na súa homilía Mons. Alfonso Carrasco expresou a satisfacción pola renovación do don da indulxencia plenaria concedida pola Santa Sé: “Neste xesto, por medio da Igrexa e do sucesor de Pedro (o Papa Francisco), o Señor ofrécenos o abrazo da súa misericordia. Cando, seguindo as indicacións da Penitenciaría Apostólica, acheguémonos a adorar a presenza eucarística do Noso Señor Xesús, sempre exposta no noso Altar Maior, á luz desta gran perdonanza que agora se nos ofrece, poderemos sentir, como María, que o Señor verdaderamente fai proezas co seu brazo”.

Na súa intervención tamén sinalou que “non atopa ao Señor  quen se lle achega soberbio, rico e poderoso, o que non o necesita porque fiou a súa vida xa a outros recursos, a outras riquezas, a outros poderes”. Por iso recalcou: “Pidamos ao Señor non caer nesta tentación, tan antiga como Adán, pero moi contemporánea nun mundo en que, a miúdo, ponse o orgullo moi conscientemente en si mesmo, no poder, a técnica e a riqueza”.
Mons. Carrasco finalizou a súa homilía dicindo que do amor de Deus esperámolo todo “reconciliación, indulxencia, vida nova e eterna”.

Mons. Alfonso Carrasco Rouco agradeceu a presenza de autoridades civís e das forzas de seguridade, sacerdotes cos seus fregueses, membros da vida consagrada, as confrarías de Semana Santa de Lugo

Trala eucaristía celebrouse a tradicional procesión do Xoves Eucarístico polo claustro da Catedral. En diversos momentos da celebración houbo tanxido de campás por tratarse dun acontecemento extraordinario.

A %d blogueros les gusta esto: