Celebración da solemnidade do Corpus

O domingo 19 de xuño, solemnidade de Corpus Christi, ás 11h na praza de Santa María (sempre que o permitan as condicións meteorolóxicas, e de non ser así sería na catedral) celébrase a Eucaristía de Corpus presidida polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco.

Acompañarán a celebración o Orfeón Lucense, a Banda Filharmónica de Lugo e o Coro do Hospital. Estrearase unha obra do sacerdote e músico José Castiñeira, Misa Solemne a 5-6 voces, con arranxos de Uxío Domínguez. A continuación, procesión polas rúas da cidade.

A partir das 10.30 h na igrexa dos Franciscanos, a Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, repartirá pétalos de flores para arroxar ao paso do Santísimo.

Antes, durante e ao finalizar a procesión actuará o grupo “Os Xílgaros de Lugo”, dirixido por Óscar Pérez.

Por outra parte, entre os días 18 e 26 de xuño ten lugar na Catedral a Novena na honra ao Santísimo Sacramento “A Eucaristía, a Alianza das alianzas”. O predicador será o Delegado Episcopal de Laicos, Familia e Vida, Nicolás Susena Presas. O último día da Novena coincide co día no que se clausura o Ano da Familia.

Horario: ás 19:30 h Rosario e ás 20 h Eucaristía

Exposición de prataría no Museo Diocesano Catedralicio

O xoves 16 de xuño, ás 18.30 h no Museo Diocesano Catedralicio de Lugo (MDCL) inaugúrase a exposición temporal Adoro te Devote. Preséntanse un total de 25 custodias, ostensorios ou virís pertencentes a diversas parroquias da Diocese de Lugo, así como á propia Catedral. Preséntanse pezas de mestres como Rañoi, Somoza ou Meneses.

Nesta inauguración farase un percorrido guiado para os asistentes a cargo do delegado de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico da diocese, José Antonio Ferreiro, e do director do Museo, Marcos Calles.

O conxunto da mostra representa un percorrido temporal da evolución destas pezas litúrxicas ao longo do últimos cinco séculos: XVI – XX.

Destaca excesivamente na exposición a custodia de asento regalo do prelado don Diego Castejón Fonseca, regalada na primeira metade do século XVII e que foi a utilizada na primeira Ofrenda de Galicia realizada en 1672.

A decoración das custodias será un dos puntos centrais da mostra, realizando un repaso da iconografía que inclúe desde o Barroco ao estilo Neogótico.

A exposición, que está promovida pola Diocese de Lugo, estará aberta do 16 de xuño ao 31 de xullo de 2022, no horario de apertura do museo. Están previstas outro tres visitas guiadas gratuítas a cargo dos responsables da mostra.

Esta iniciativa complétase coa utilización dos medios audiovisuais do MDCL, incluíndo diapositivas referentes á investigación sobre as custodias (por exemplo as marcas de prateiros) ou sobre a localización das pezas. Por iso hai colocados banners con infografías relativas a esta selección de obras de prataría.

Hai unha primeira visita guiada o 20 de xuño ás 17 horas As vindeiras serán anunciadas na conta de twitter do Museo.

Intervencións no Congreso “O Mundo das Catedrais”

O 15 de xuño a Diocese de Lugo estará representada no Congreso Internacional VIII Centenario da Catedral de Burgos: O Mundo das Catedrais.

Ese día intervirá o director do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, Marcos Calles, coa comunicación “A evolución dos órganos da Catedral de Lugo durante a Idade Moderna”. E pola súa parte, o delegado Episcopal de Liturxia da diocese, José Antonio Ferreiro Varela, e o director do Departamento de Patrimonio Histórico-Artístico, Jesús Salvador López, presentarán unha investigación que leva por título: “Iconografía de San Froilán. A devoción polo Patrón na Catedral de Santa María de Lugo”.

Triduo na honra de San Manuel González

A partir do 2 de xaneiro na Catedral de Lugo celébrase un triduo na honra de San Manuel González, cos seguintes actos:

Domingo 2 de xaneiro ás 18 h: oración e vésperas eucarísticas.

Luns 3 de xaneiro ás 18 h na capela do Bo Xesús conferencia do prefecto de liturxia da Catedral, Manuel Castro Gay: “Llevar la Eucaristía a la vida y la vida a la Eucaristía según el pensamiento de San Manuel”.

Martes 4 de xaneiro ás 20 h: celebración eucarística. A colecta adícase ao Fondo Solidario San Manuel González.

Coñecemento a fondo da Catedral de Lugo

National Geographic convida a coñecer a fondo a Catedral de Lugo coa arqueóloga Eva María Expósito Vilches e o deán da Catedral, Mario Vázquez Carballo. Aquelas persoas que previamente se inscribiron farán a visita na tarde do 25 de novembro e serán recibidos polo bispo da diocese de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco e o director do departamento de patrimonio artístico da diocese, Jesús Salvador López.

A experiencia incluirá un longo paseo comentado por todos os espazos da basílica -as súas capelas, o coro, o presbisterio, a xirola e o claustro – e incluirá as torres, onde se contempla unha vista única da cidade. Tamén se visitará o Museo Diocesano Catedralicio, con pezas fundamentais da historia da arte cristiá como o Crismón de Quiroga.

A %d blogueros les gusta esto: