Mercado solidario de Mans Unidas

Detrás da Casa Consistorial lucense Mans Unidas abre o seu mercado solidario o luns 11 de decembro e permacecerá aberto ata o venres 22 co seguinte horario: de luns a venres entre as 10 e as 13:30 h e de 17 a 20 h; o sábado de 10 a 13:30 h.

A organización humanitaria tamén sortea unha cesta de Nadal para o que vende papeletas na súa sede (Avenida Anxo López Pérez, 3, 10-12) e na librería La Voz de la Verdad (r/ Bispo Aguirre).

O recadado nestas actividades contribuirá a financiar un proxecto concreto: mellora da saúde materno infantil e erradicación da ablación en Casamance (Senegal), que é o proxecto financiado este ano por Mans Unidas Lugo.

Presentación da revista Lvcensia

A revista que publica a biblioteca do Seminario Diocesano, Lvcensia, sae á luz co número correspondente a este segundo semestre de 2023. E o xoves 16 de novembro na Aula Magna do Seminario Diocesano presentouse o novo número nun acto presidido por Mons. Alfonso Carrasco e dirixido polo reitor David Varela.

O primeiro en intervir foi o director da revista, Gonzalo Fraga, que deu a coñecer os contidos do número 67 de Lvcensia.

A continuación tomou a palabra o historiador Felipe Arias, coautor do primeiro artigo:

“A ara de Curbián é moi interesante porque presenta unha divindade prerromana, indíxena, e un dedicante, quen fai o voto, que ten uns nomes romanos. Ou sexa, é un símbolo, unha mostra moi clara e moi representativa do que supón a romanización.  Trátase dun sincretismo entre o panteón indíxena prerromano e o mundo romano. É igual que hai a ara de Curbián, dedicada ao deus Bandua Balecco, por un señor que ten nomes romanos, tamén hai aras que están dedicadas por homes de xinea indíxena, prerromana, castrexa a deidades do panteón clásico. Prodúcese ese intercambio e a ara de Curbián, vén completar moi ben ese panorama”.

A restauradora Uxía Aguiar, coautora do primeiro artigo, explicou o proceso de restauración da ara de Curbián:

“Primeiro determinouse cal era o estado real de conservación da ara toda vez que levaba tantos anos depositada en Curbián. Despois da diagnose deseñouse un tratamento específico para esta peza: retirada dos elementos que xeraban certo deterioro ou que enmascaraban as texturas, as inscricións, en definitiva, poñían en certo perigo a conservación da mesma. E trasladouse ao depósito diocesano de bens culturais que foi o espazo onde se restaurou para logo pasar ao Museo Diocesano e Catedralicio”.

Clausurou o acto Mons. Alfonso Carrasco, que sinalou o seguinte:

“Cando a identidade ten unha apertura profunda permite o encontro e o enriquecemento mutuo. E alégrome de ver que esta actitude, esta posibilidade, continúa na historia. Tambén hoxe a revista Lvcensia é un momento de encontro de xentes, de estudos diversos, de persoas que acudimos e reunímonos de novo. Esta casa segue sendo un lugar no que camiños, identidades, perspectivas culturais seguen encontrándose. Esta apertura é moi importante nos tempos que vivimos. Creo que é propio da fe cristiá ter unha apertura a todo o que é humano e poder valorar calquera cosa boa”.

A ara votiva de Curbián

A ara votiva de Curbián, do século II d.C, custodiábase ata fai pouco tempo na parroquia de San Martiño de Curbián (Palas de Rei). Don Tirso Villasante, o seu párroco, era o que atendía as peticións daqueles estudosos que se acercaban para poder vela, estudala ou fotografala. Esta ara trátase dunha peza de granito duns 80 cm de alto e aproximadamente uns 200 kg de peso.

A súa existencia era descoñecida ata o ano 1952, no que o sacerdote Vázquez Saco atópaa reutilizada na fábrica do que era unha antiga corte naquel momento. Sae ao coñecemento do mundo académico e científico dous anos despois, nun artigo, nun libro titulado Inscripciones Romanas de Galicia, Provincia de Lugo, escrito en coautoría con Manuel Vázquez Seijas e editado polo CSIC.

A partir de entón, a historiografía continuou estudando en maior ou menor medida esta peza, e centrándose especialmente na súa epigrafía. Entre outros autores temos que mencionar as análises de Blázquez Martínez, Vives, Vidán Torreira, Ares Vázquez, Gómez Vila e Arias Vilas.

Transcrición de parte da intervención de Jesús Salvador

 no acto de presentación da ara no Museo Diocesano e Catedralicio (19/VI/2023)

 

Precisamente Felipe Arias Vilas, xunto coa restauradora Uxía Aguiar Ballesteros, intervirán no acto de presentación do número 67 de Lvcensia onde ambos os dous publican un artigo sobre o proceso de recuperación da ara galaico-romana e a significación histórica da súa inscrición. O acto terá lugar o xoves 16 de novembro ás 18:30 h na Aula Magna do Seminario Diocesano.

Taller preparatorio da Xornada de Infancia Misioneira

A Delegación de Misións está a prepararse para a Xornada de Infancia Misioneira que se celebrará o 14 de xaneiro de 2024, baixo o lema “Comparto o que son”. E un dos preparativos consiste en realizar un  taller de formación, con estratexias de animación para todos os voluntarios/as que axudarán no encontro con nenos/as que haberá durante a Xornada.

O taller será o sábado 18 de novembro de 10:00 a 13:00 h. no Salón da parroquia San Froilán de Lugo.

[Programa da xornada]   [Inscrición de menores]   [Inscrición de adultos]

[Representante de Colexios e Parroquias]

 

 

Xornada sobre a restauración do retablo maior da igrexa de Santa María de Bolmente, Sober

Na igrexa de Santa María de Bolmente, en Sober o martes 31 de outubro, ás 17:30 h, cóntase coa presenza da restauradora Dolores Lago Arce e tamén coa historiadora local Saleta López Vázquez, para falar sobre a restauración que se levou a cabo do retablo maior da igrexa parroquial.

Saleta López contará a historia que atopou nos libros sobre o retablo de Bolmente, sobre o seu autor, e sobre a súa construción. E por outro lado, a restauradora María Dolores Lago, falará de como se realizan os procesos de restauración, os pasos importantes, e cales son os criterios de conservación á hora de afrontar unha tarefa en patrimonio histórico artístico.

É un acto que organiza a Parroquia en colaboración co Departamento de Patrimonio Histórico Artístico da diocese de Lugo.

A restauración promoveuna o párroco, Ramón Piñeiro, e foi financiada polos fregueses de Bolmente.

Este tipo de actos realizánse por segundo ano consecutivo, enmarcados nas Xornadas europeas de patrimonio. Unas xornadas creadas polo Consello de Europa, que se centran na difusión, e sobre todo no contacto entre a sociedade civil e os propietarios ou os encargados da custodia efectiva da protección do patrimonio. Trátase de promover a idea de que o patrimonio é unha peza fundamental da nosa sociedade.

A %d blogueros les gusta esto: