Xornada sobre a restauración do retablo maior da igrexa de Santa María de Bolmente, Sober

Na igrexa de Santa María de Bolmente, en Sober o martes 31 de outubro, ás 17:30 h, cóntase coa presenza da restauradora Dolores Lago Arce e tamén coa historiadora local Saleta López Vázquez, para falar sobre a restauración que se levou a cabo do retablo maior da igrexa parroquial.

Saleta López contará a historia que atopou nos libros sobre o retablo de Bolmente, sobre o seu autor, e sobre a súa construción. E por outro lado, a restauradora María Dolores Lago, falará de como se realizan os procesos de restauración, os pasos importantes, e cales son os criterios de conservación á hora de afrontar unha tarefa en patrimonio histórico artístico.

É un acto que organiza a Parroquia en colaboración co Departamento de Patrimonio Histórico Artístico da diocese de Lugo.

A restauración promoveuna o párroco, Ramón Piñeiro, e foi financiada polos fregueses de Bolmente.

Este tipo de actos realizánse por segundo ano consecutivo, enmarcados nas Xornadas europeas de patrimonio. Unas xornadas creadas polo Consello de Europa, que se centran na difusión, e sobre todo no contacto entre a sociedade civil e os propietarios ou os encargados da custodia efectiva da protección do patrimonio. Trátase de promover a idea de que o patrimonio é unha peza fundamental da nosa sociedade.

Curso bíblico 2023-24

O tema do curso 2023-2024 que organiza o Movemento Bíblico de Lugo será: Introdución ao Antigo Testamento. AS GRANDES EXPERIENCIAS RELIXIOSAS DO ANTIGO ISRAEL. En oito sesións adquírense coñecementos básicos da Biblia, achegándose ás grandes experiencias relixiosas do pobo de Israel e ás súas diferentes tradicións literarias.

A presentación do curso será o mércores 25 de outubro ás 5 da tarde nas aulas de teoloxía do Seminario.

Os interesados poden elixir a forma de participar presencial, en liña ou mixta.

Os encontros presenciais serán nas aulas do Seminario os mércores penúltimo ou último de cada mes, de 17: 00 a 18: 30 h. O encontro presencial será unha plataforma de diálogo e traballo colaborativo, profundizando na realidade comunitaria da Palabra de Deus, a escoita compartida, a comunicación de experiencias, o estudo de textos, debates.

As persoas que non teñan posibilidade de acercarse aos encontros no Seminario farán o estudo a través de Moodle e seguirán o encontro en liña.

Aqueles que fagan o curso a través de Moodle e tamén poidan acercase aos encontros seguirán o modelo de participación mixto.

Preténdese favorecer unha aprendizaxe personalizada, segundo os intereses do alumno, que será autónomo, consciente da súa propia aprendizaxe.

Vixilias de Oración con motivo do Domund

Con motivo da Xornada do Domund (domingo 22 de outubro), celébranse na Diocese dúas Vixilias de Oración nas que se rezará polos misioneiros e misioneiras e pola Igrexa en territorios de Misión. Están organizadas pola Delegación de Misións e Obras Misionais Pontificias – Lugo nos seguintes días e lugares:

  • venres 20 de outubro ás 20:00 h. na parroquia San Pedro, Lugo.
  • sábado 21 ás 19:00 h. na parroquia Santa Mariña, Chantada.

Un traballo decente é un traballo saudable

O traballo decente é máis que un simple medio de subsistencia, é un dereito fundamental de cada ser humano. Todas as persoas temos o dereito non só a procurar un emprego, senón tamén de acceder ás condicións laborais dignas e xustas que garantan a nosa saúde e benestar.

Neste senso, o obxectivo nº 8 da Axenda 2030 da ONU enfócase en promover o crecemento económico inclusivo, o emprego pleno e produtivo, e o traballo decente para todos.

Para compender plenamente á importancia do traballo decente podemos recurrir ás palabras do Papa Francisco cando afirma que non hai peor forma de pobreza material que aquela que impide a unha persoa gañarse o pan e lle priva da dignidade derivada do propio feito de traballar. Isto plantéxanos unha reflexión profunda arredor da relación entre traballo, dignidade e pobreza.

O traballo decente vai alén dun simple ingreso económico; é a oportunidade de sentírmonos valorados e realizados a través das nosas ocupacións diarias. Cando temos un traballo decente podemos satisfacer as nosas necesidades básicas, atender os gastos da nosa vida e manter as nosas familias. Pero ademais, o traballo decente bríndanos unha sensación de propósito e contribución á sociedade.

Non é abondo con ter un emprego, xa que un traballo decente tamén implica condicións laborais saudables. Estas condicións inclúen un entorno seguro, libre de riscos e a promoción da saúde física e mental das persoas traballadoras. É fundamental en todas as profesións, pero con énfase naquelas que están máis feminizadas. As profesións con maior presenza feminina adoitan estar relacionadas co coidado doutras persoas coma a enfermaría, o ensino, a atención ás persoas maiores, dependentes ou con algunha discapacidade, entre outras. É importante destacar a importancia de garantir un entorno laboral saudable e seguro independentemente do xénero da persoa.

En moitas ocasións, as mulleres enfrentamos desafíos adicionais debido a que adoitan ser elas as que principalmente asumen a carga de combinar a vida laboral coas tarefas domésticas e o coidado da familia. Isto pode xerar un maior estrés  e desgaste emocional, os cales afectan negativamente á saúde física e mental.

É fundamental para promover ambientes laborais saudables que se fomente a adopción de medidas de conciliación persoal, familiar e laboral, igualdade salarial efectiva e promoción de oportunidades para todas as persoas traballadoras, independentemente do seu xénero. Ademais é importante contar con políticas de prevención e atención da violencia de xénero no entorno laboral.

O traballo saudable conleva garantir tamén condicións de traballo seguras e respectuosas, así como promover a ergonomía e a prevención de riscos laborais.

Ademais, o traballo decente implica acceso aos servizos médicos e a unha protección social adecuada, así como a garantía de salarios xustos e oportunidades de crecemento persoal e profesional.

Lamentablemente, en pleno século XXI o traballo decente está lonxe de ser unha realidade para moitas persoas, e non só nos países menos desenvolvidos. Millóns de persoas sofren a falta de emprego e traballan baixo condicións de explotación.

Acadar que todas as persoas poidan acceder a un traballo decente é un desafío global que require a colaboración e o compromiso dos gobernos, das empresas e da sociedade no seu conxunto. É necesario seguir implementando políticas e medidas que promovan a xeración de emprego, protexan os dereitos laborais, fomenten a igualdade de oportunidades e aborden de maneira efectiva as desigualdades existentes.

É a nosa responsabilidade como sociedade traballar xuntos para garantir a implementación de políticas e accións que promovan o traballo saudable.

Amparo González Méndez

Directora de Caritas Diocesana de Lugo

Asemblea da Adoración Nocturna e Festa da Familia Adoradora

O venres 15 de setembro Adoración Nocturna de Lugo celebra a Asemblea Anual no salón de actos do Seminario. Previamente (19 h), na Capela do Seminario celébrase unha Eucaristía e a continuación será cando se presenten á Asemblea os informes de secretaría, tesourería e presidencia. Pechará o acto o Director Espiritual Diocesano e deseguido compártese un viño español.

O día da Asemblea (o vindeiro venres) é o último para apuntarse á Festa da Familia Adoradora, que se celebrará o domingo 24 de setembro.

O Consello Diocesano da Adoración Nocturna de Lugo, reinicia a tradicional Festa da Familia Adoradora, que chega á súa edición número 15. Esta vez será na Fonsagrada, onde funciona unha nova sección adoradora promovida polo actual párroco Miguel Ángel Álvarez Pérez. O programa é o seguinte:

10 h  saída desde a praza de Bretaña

11:45 h recepción de adoradores na Plazuela da igrexa parroquial

12 h  Santa Misa

14:30 h  Comida de confraternidade

17 h  Saída cara á igrexa de Santiago de A Fontaneira, onde se celebrará o acto mariano e regrésase a Lugo.

Os interesados en asistir reservarán praza chamando ao te. 636 693 208 (Ginel). Están invitados a participar adoradores de toda a Diocese (seccións de Lugo, Sarria, Chantada, Lalín, O Corpiño, Monforte).

A %d blogueros les gusta esto: