24 horas para o Señor

O vindeiro venres 9 de marzo iníciase a xornada de “24 Horas para o Señor”, promovida polo Pontificio Consello para a promoción da nova evanxelización.

Inspirándose nas palabras do Salmo 130, 4: “En Ti está o perdón”, facilítase a posibilidade de adoración nocturna do Santísimo, así como a confesión sacramental.

Esta iniciativa xurdiu en Roma fai cinco anos, e estendeuse a nivel mundial, unindo e espiritualmente ao Sucesor de Pedro coas Igrexas repartidas polos cinco continentes, co fin de ofrecer a todos a oportunidade de vivir a experiencia persoal da infinita misericordia de Deus.

O obxectivo é ofrecer a todos, especialmente a aqueles que aínda senten certa incomodidade ante a idea de entrar nunha igrexa, o abrazo misericordioso de Deus; unha ocasión para regresar ao Pai, que vai máis aló dos tempos e modos habitualmente coñecidos.

Hai a proposta de vivir “24 horas para o Señor” tamén nos cárceres. Neste sentido, foron avisados os capeláns para que tamén se sumen a vivir esta experiencia.

Imaxe: portada do subsidio pastoral do Consello para a promoción da nova evanxelización, Ed. San Pablo

 

Xaxún e Oración pola Paz en R. D. do Congo e Sudán do Sur

O Papa, que se mostrou visiblemente preocupado en diversas ocasións coa situación en República Democrática do Congo e Sudán do Sur, convocou unha Xornada Especial de Xaxún e Oración pola Paz en ambos países. Dita xornada terá lugar o 23 de febreiro (2018), venres de Coresma, e Francisco invitou a todo o mundo, católicos e non católicos, a unirse a ela.

A Diocese de Lugo súmase á iniciativa e invita a todos os fieis a participar o vindeiro venres 23 nunha Santa Misa na propia parroquia, para orar unidos e crecer na nosa responsabilidade segundo estas intencións do Papa. Farase igualmente na Catedral Basílica ás 20h.

[Subsidio litúrxico]

Xornada Mundial de Oración contra a trata

O 8 de febreiro, memoria de Santa Xosefina Bakhita, relixiosa sudanesa que padeceu a escravitude, é a Xornada Mundial de Oración e Reflexión contra a trata.

Para este ano 2018, o Papa convoca en torno ás migracións: “Emigrar sen trata”, “Si á liberdade, non á escravitude”.

Resáltase a traxedia humana da trata de persoas itinerantes: os migrantes, os refuxiados e os evacuados. O seu estado vulnerable fainos ser unha presa fácil para o tráfico sexual e laboral.

A Xornada invítanos a que deamos a toda esta realidade unha significativa centralidade nas nosas vidas e nos nosos corazóns, abríndonos á acollida, á esperanza e ao encontro.

I Congreso para mozos de Galicia organizado polos salesianos

A asociación Centro Xuvenil Abertal, socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, organiza o I Congreso “Es o que comes” para mozos e mozas.

A xuntanza comezará a partires das 10:45 horas no Cine Salesianos (R/ Venezuela) de Vigo, onde será a acollida aos máis de 100 mozos e mozas de 15 a 19 anos de idade que se xuntarán.

Ambientado no formato dun Congreso,  haberá un relatorio inicial, a cargo da médica de familia Ana Prejigueiro (experta en nutrición). A partires das 12:00 haberá seminarios nos que se traballarán distintos aspectos relacionados coa saúde: física, psicolóxica, social e espiritual.

Ás 16:00 horas, hai unha celebración na parroquia Mª Auxiliadora na que se recolle o vivido ao longo da mañá.

O acto de clausura deste encontro realizarase ás 17:15 h no patio do centro.

O lema deste ano é “Es o que comes”. E participarán mozos e mozas que forman parte dos grupos xuvenís de tempo libre que funcionan todo o ano cun ritmo semanal e teñen momentos fortes como son o campamento de verán no mes de xullo, o Campobosco no mes de novembro, esta xuntanza no mes de xaneiro e en Semana Santa a Pascua Xuvenil. En total son preto de 500 mozos e mozas os que participan asiduamente destes grupos en toda Galicia. En Lugo, Ateibo (colexio salesiano da praza da Milagrosa).

Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado

Na mensaxe do Santo Padre Francisco para a Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado deste domingo 14 de xaneiro articula a necesaria resposta a esta cuestión en torno a catro verbos: acoller, protexer, promover e integrar.

Acoller significa, ante todo, ampliar as posibilidades para que os emigrantes e refuxiados poidan entrar de modo seguro e legal nos países de destino.

Protexer xa na patria natal, dando informacións veraces e certas antes de deixar o país, e evitar as prácticas de reclutamento ilegal. No país de inmigración: asistencia consular, dereito a ter sempre consigo os documentos persoais de identidade, acceso equitativo á xustiza, posibilidade de abrir contas bancarias e garantía do básico para a subsistencia vital. Para quen deciden regresar á súa patria, facilitar a reinserción laboral e social.

Promover. Que todos os emigrantes e refuxiados, así como as comunidades que os acollen, poidan realizarse como persoas en todas as dimensións (relixiosa…) que compoñen a humanidade querida polo Creador.

Integrar. Para formar sociedades e culturas, facendo que reflictan cada vez máis os multiformes dons de Deus aos homes. Este proceso pode acelerarse mediante o ofrecemento da cidadanía, desligada dos requisitos económicos e lingüísticos, e de vías de regularización extraordinaria, aos emigrantes que poidan demostrar unha longa permanencia no país.

[Ver texto completo]  [Outros materiais]

A %d blogueros les gusta esto: