Miguel Ángel Álvarez: Tempo de recoller. Pasos no camiño da fe

O venres da semana pasada tivemos na parroquia de San Froilán a celebración do sacramento da Confirmación. 13 mozos foron unxidos co Santo Crisma polo Bispo.

Pronto empezaremos cos días das Primeiras Comuñóns aos que se unen varios bautizos e vodas, (xa tivemos dúas en maio) programados para os meses de vacacións e calor. É, xa que logo, tempo de ver os froitos do sementado durante os periodos de preparación.

Pero o camiño non está terminado, só iniciado. Por iso coñecemos o Bautismo, a Eucaristía e a Confirmación como os sacramentos da Iniciación Cristiá.

Os cristiáns imos facendo o camiño da vida con pequenos pasos. O alimento vénnos do mesmo Deus, e dánolo, precisamente, por medio dos sacramentos.

Feliz semana e felicidades para todos os que están vivindo e vivirán acontecementos importantes durante o final da Pascua e o verán.

Miguel Angel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Fernando Pardo Gómez falou dos cambios na medicina no acto de presentación de Lucensia

Presentación de Lucensia

Recollemos a continuación unha parte da intervención do doutor Fernando Pardo Gómez no acto no que se presentou a revista Lucensia o día 20 de maio:

“Os médicos rurais eran todo humanismo e moi pouca técnica, se queremos chamar técnica ao termómetro e ao fonendoscopio. Hubo un paso do humanismo á técnica pero non se compensou cunha continuación do humanismo e cun control da técnica. Se a xeración seguinte non aumenta un pouco o humanismo, a medicina pode fallar algo. Porque a medicina non é so curar, é coidar aos enfermos, confortar aos que van morrer véndoos de vez en cando para animalos e tratar aos que non está enfermos pero cren estalo e viven nun estado de angustia.

“O humanismo nas relacións médico-enfermo é fundamental. Segovia Arana dicía que a medicina non é un sistema matemático, e un enfermo que vai a un hospital non debe ser como un coche que vai ao taller. Pasa algunhas veces que un enfermo marcha da consulta dun médico comentando “non me dixo nada”. É certo que a vocación dos médicos nun 80% é fantástica, tapan unha serie de problemas que presenta a enfermidade hoxe e a xente está a gusto. Pero hai unha porcentaxe na que é necesario un cambio e que se adique un pouco máis, vocacional e humanamente, aos enfermos.”

Máis información sobre médicos rurais concretos, no artigo de Fernando Pardo titulado “La medicina rural en Lugo y su provincia”, Lucensia, nº 48

Begoña Ruíz: “Aprender a amar é cuestión de talento natural e traballo disciplinado e constante”

 

Curso formación matrimonio e familia

A profesora da Fundación Desarrollo y Persona, Begoña Ruíz, será a relatora da terceira xornada do Curso de formación en matrimonio e familia que organizan as dioceses galegas. O tema desta xornada, que se celebrará en Silleda o 24 de maio, será “A vocación ao amor na sociedade actual: retos e respostas”. A continuación, unha entrevista a Begoña Ruíz.

1. No mundo de hoxe, por como evoluciona a sociedade, segue tendo sentido falar de compromiso para toda a vida? A concepción do matrimonio que propón a Igrexa, non está algo trasnoitada?

Xustamente a primeira pregunta é a que vou tratar de responder ao longo da mañá de formación. A resposta á segunda pregunta, en breve, é non. Non é unha proposta trasnoitada porque mentres que o ser humano sexa o que de feito é, a vocación a vivir un amor capaz de desafiar o paso do tempo e as circunstancias da vida é a vivencia que mellor se axusta ao seu valor e dignidade.

2. Realmente pódese educar o amor?

Si, claro. Todas as persoas temos capacidade afectiva e como calquera outra capacidade xa sexa a que se ten para aprender matemáticas, física ou un idioma, o desenvolvela depende do talento natural que se teña de entrada e do traballo concienzudo por converter os talentos naturais en virtude. Nadal ou Messi teñen que traballar moito para converterse en artistas do seu respectivo deporte. Aprender a amar é cuestión de talento natural e traballo disciplinado e constante.

3. Algunha xente ten a opinión de que a Igrexa só se dedicou a reprimir e a impoñer normas sobre o amor e a sexualidade. Que pode aportar a Igrexa sobre este tema?

Moito. A Igrexa sempre dispuxo dun tesouro marabilloso a partir do cal comprender o valor do corpo e a sexualidade, o tesouro chámase “encarnación de Cristo”. Deus fíxose home porque considera digno de si todo o que é humano. A partir de aí a sexualidade non pode ser algo sucio ou malo. Claro que hai normas e prohibicións da mesma forma que as hai para xogar un partido de futbol. As normas son a condición indispensable para pasalo xenial xogando o partido. O mesmo ocorre na sexualidade, as normas son a condición para gozar do ben da sexualidade que non é outro que o amor.

Ler máis

Noticias que non foron noticia. Deus segue chamando

Xa case damos por feito que todas as noticias teñen que ser malas. Pois non, aquí nesta sección negámonos a que sexa así.

Por iso comentarei brevemente algunhas noticias que practicamente pasaron desapercibidas, pero que son importantes porque nos falan da presenza de Deus no medio da sociedade e das persoas. E iso é importante, moito máis do que cremos. Pois, que Deus estea preto de nós é o máis grande e mellor que podemos ter.

Sor Asunción, a “monxa do comedor”, celebrou 60 anos de vocación. Anos de fidelidade e servizo a Deus nos pobres. Todo un testemuño cando case todo dura demasiado pouco.

Segunda noticia. 6000 persoas, a maioría novas, celebran en Santiago un encontro vocacional con Kiko Argüello, iniciador do Camiño Neocatecumenal. Si, case 6000, e ademais xoves e cristiáns. Si, cristiáns. Dos que moitos se ofreceron para ser sacerdotes e monxas, e moitas familias, unhas 36, para ir de misioneiras a China. Si, deixándoo todo para seguir a voz de Cristo, O Bo Pastor.

Terceira e última por hoxe. A irmá Leticia fixo a profesión relixiosa temporal no mosteiro das Madres Agostiñas de Lugo. Si, en pleno centro de Lugo hai unha comunidade de monxas contemplativas, e aí mesmo fixo a novísima irmá Leticia os votos temporais.

Todas estas noticias non teñen unha explicación sociolóxica. Isto só enténdese desde Deus e o Evanxeo.

Miguel Ángel Álvarez

Miguel Ángel Álvarez: Unha vocación, unha entrega

Hoxe celebramos a festa de San Xoán de Ávila, patrón do clero secular español. En moitas dioceses de España, por este día, faise unha homenaxe fraternal aos compañeiros sacerdotes que cumpren 25 ou 50 anos de sacerdocio, anos de vocación e de entrega.

Deus chámanos a todos á vida para que a vivamos dunha forma concreta: no matrimonio, no sacerdocio, na contemplación, no servizo aos pobres e aos máis débiles. En definitiva, unha vida de entrega a Deus nos demais.

Hoxe celebramos as vodas de ouro de 12 sacerdotes da nosa Diocese, pero non só iso, con eles, e grazas ao seu humilde servizo, moitos lucenses tiveron, durante 50 anos, o alimento da Palabra de Deus e da Eucaristía que lles ofreceron as mans destes sacerdotes.

Por este motivo hoxe todos estamos de parabéns. É un día para festexar 50 anos de presenza de Deus nas nosas vidas, e para agradecer o don da fe, o don da vocación, e, en concreto, o don do sacerdocio.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: