Aprendendo do feito catalán

Antón Negro

O ser humano caracterízase porque pode aprender do que lle pasa. Todo acontecemento vivido, tamén o sucedido en Cataluña, pode ser fonte de múltiples ensinanzas para acollelas e facer con elas experiencia de vida; é máis, co paso do tempo aínda unha persoa pode seguir sacando novas ensinanzas para a vida persoal e a vida social nas súas diversas expresións. A pesar de que algúns din que hai que ter vivido certas realidades para poder falar delas, é certo que se pode escarmentar en cabeza allea, é dicir, que se pode aprender do que vemos que lles pasa a outras persoas, tamén a través dos libros e doutros medios de información e formación.

Nesta reflexión resúmense as seguintes ensinanzas:

1) Na vida persoal e asociada OS SENTIMENTOS E EMOCIÓNS NON DEBEN SER O CRITERIO ÚLTIMO PARA TOMAR DECISIÓNS. É verdade que na prensa rosa e nos programas de corazón e cotilleo suxírese que se debe actuar por sentimentos e emocións. É máis, os sociólogos e profesionais dos estudos de Opinión Pública coas súas investigacións sobre “se me sinto só catalán, máis catalán ca español, igual catalán ca español, etc.” tamén colaboran a esa maneira de tomar decisións en base á emocionalidade.

Nembargantes non me cabe dúbida que o criterio fundamental para tomar decisións persoais e comunitarias ten que ser O QUE ESTÁ BEN, O QUE É XUSTO, O QUE É VERDADEIRO, O QUE É MÁIS SOLIDARIO… As emocións e sentimentos hai que saber gobernalos e dirixilos cara ao ben… Un pode sentir moitas cousas, pero debe actuar con xustiza e ética.

2) É de gran importancia NON CONFUNDIR A UTOPÍA COA REALIDADE, os soños coas realidades. Na vida necesitamos utopía, metas a acadar, ideal de vida… unha gran esperanza que nos alente nos traballos cotiáns e nos dea forzas para afrontar os obstáculos e dificultades da vida, que ademais teñen que superar o exame da ética e da xustiza. Pero igualmente necesitamos ter unha boa análise e coñecemento da realidade, se non queremos estrelarnos, e coñecer, tamén, o que outros decidirán ante os diversos acontecementos que se poñan en marcha.

3) Ninguén debe ignorar que OS COMPORTAMENTOS TEÑEN CONSECUENCIAS. Cando falo con algúns profesores de Ensino Secundario coméntanme a dificultade de facerlles entender aos adolescentes que as accións humanas teñen consecuencias, e que teñen que prevelas con anterioridade. No caso dos adultos, que non o saiban ou non o entendan, é aínda máis grave.

4) Debemos ser conscientes de que TODOS OS POBOS SON PLURAIS. Dicir que os cataláns, galegos, andaluces… queren “isto” ou “aquilo” nunca adoita ser certo, pois a experiencia móstranos que queren cousas distintas e mesmo contraditorias. Ademais esa pluralidade dáse nas diversas institucións sociais, incluída a familia e o matrimonio. As decisións humanas (políticas, económicas, culturais…) deben promover o Ben Común e non o interese egoísta e corporativo.

5) En diversas nacións do planeta AS REXIÓNS QUE RECLAMAN CON MÁIS FORZA A INDEPENDENCIA SON AS MÁIS RICAS. Tal como dicía a vella canción española: “Todos queremos más, y más y mucho más…”. Non deixa de ser curioso como a oligarquía económica catalá alentou e financiou o independentismo coa finalidade de sacar eles máis vantaxes dentro de España… pero ao ver que a independencia pode ser real, a fuxida de empresas e capitais faise case estampida.

En contraposición, alégrame que haxa unha institución que propoña continuamente camiñar cara á pobreza e nela hai bastantes que intentan vivir o voto de pobreza con máis ou menos dificultades. A virtude da pobreza manifesta que Deus é o Noso Pai e que debemos vivir en fraternidade.

6) Un cristián debe entender, con máis razón se desempeña cargos de responsabilidade, que A SALVACIÓN NON VÉN polos nacionalismos-independentismos, nin por levantar fronteiras e muros, SENÓN POR derrubar muros, tender pontes… e sobre isto o Papa Francisco realizou moitas accións. Tamén a Opción Preferente polos Pobres e o Destino Universal dos Bens teñen esixencias claras nestas cuestións.

Tamén sería boa ocasión para aprender algo de constitucionalismo e Constitución, Estado de Dereito e xerarquía normativa, tratados internacionais e dereito internacional. Igualmente sobre outras temáticas como a nación e a política vividas como secta relixioso-mística, o poder da ideoloxía e da economía, entender como grupos políticos irreconciliables entre si poden unirse contra outros cos que teñen moitas máis cousas en común… pero excede as posibilidades deste artigo.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deus non é un sentimento

Antes de nada quero aclarar que os sentimentos non son malos. Sabemos ben que os sentimentos, entendidos como un estado de ánimo ou disposición emocional cara a unha cousa, un feito ou unha persoa, son propios e exclusivos do ser humano.

Pero isto mesmo non impide que nos traizoen  os sentimentos de cando en vez e distorsionen abundantemente a realidade. O de “ollos que non ven, corazón que non sente” só serve para anestesiarnos por un tempo, pero non cambia a realidade. Sabémolo ben: as cousas non deixan de existir porque nós non as vexamos ou non as sintamos ou, simplemente, non as coñezamos. Cantas realidades hai que eu non coñezo!.

Pasando ao campo da relixión e a fe atopámonos con máis do mesmo. Con frecuencia escoitamos o de “só vou a misa cando me apetece”, “Deus para min non existe”, “Non creo que Deus exista”, “Deus é só un sentimento no meu interior”.

O razoamento é claro: a existencia de Deus (precisamente Deus) non está suxeita ás crenzas ou sentimentos das persoas, como tampouco o está calquera das outras realidades do universo.

Con frecuencia acudo a estas as palabras de Benedicto XVI na encíclica Deus caritas est: “Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá novo horizonte á vida e, con iso, unha orientación decisiva”.

Certamente, por moi bonito ou melancólico que puidese parecer, Deus non é un sentimento, unha idea ou unha decisión ética. Un deus así non achegaría nada á nosa vida nin, moito menos, poderíanos salvar ou darnos a vida eterna.

Deus é un ser persoal e deuse a coñecer plena e definitivamente no acontecemento da encarnación do seu fillo Xesucristo. O acontecemento de Xesucristo non é un día si e outro non. Non depende da situación na que nós esteamos. Se fose así, sería un deus moi débil ao que non poderiamos chamar deus. Non nos serviría de moito un deus que tivese condicionada a súa existencia e as súas capacidades polos nosos sentimentos, aínda que estes sempre fosen bos.

É verdade que non sempre estamos na mellor disposición para as cousas de Deus (nin as do mundo). A todos pódenos ás veces o cansazo, a apatía, os problemas, etc. Pero non lle podemos botar a culpa a Deus de que nós non sexamos capaces de coñecelo ou de velo con máis claridade. Deus está onde ten que estar, revelouse totalmente e respecta absolutamente a nosa liberdade, tamén cando nos equivocamos.

O anterior non quere dicir que o Deus de Xesucristo se desentenda de nós. Coñécenos perfectamente, está pendente de nós e impórtanlle as cousas da nosa vida. Abonda que nos acheguemos aos Evanxeos para ver que é así. Sabe o que necesitamos moito antes de que llo pidamos.

Estamos ante un Deus que é pai e que coida con amor entrañable dos seus fillos. Non é un Deus ausente ou impasible.

Nas nosas mans está, en boa medida, parte da solución á súa, ás veces, aparente ausencia: buscar a Deus onde se lle poida atopar, ou deixarnos atopar por Deus, porque El sempre nos busca.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Cura de A Fonsagrada

Imaxe: cathopic

Protagonismo dos pobres na súa liberación

No artigo anterior, “Pobreza herdada”, lembraba ao Papa Francisco chamando a unir as Xornadas Pontificias nun “Día Mundial dos Pobres” (19-XI-2017), na liña do que ben dicía León Bloy: “a máis tremenda das maldades é a de oprimir aos febles, aos que non poden defenderse”

O compromiso cos pobres, presente na historia da Igrexa, hoxe debe asumir a súa liberación segundo di San Xoán XXIII en Mater et Magistra: “Estamos convencidos, sen embargo, de que os autores principais do desenvolvemento económico, da elevación cultural e do progreso social do campo deben ser os mesmos interesados”. (nº 144).

Cando esta se publicou o cardeal Herrera Oria escribiulle ao Papa dicíndolle que había un erro de tradución, pero o Papa respondeulle que non había erro de tradución, en tal caso sería un erro do Papa (iso lle oín varias veces ao seu amigo persoal Julián G. del Castillo).

Fai anos un mozo, amigo persoal meu, preguntoulle a Jon Sobrino nun coloquio se el estaba de acordo con que os pobres son os protagonistas da súa liberación como dicía o Papa. Contestoulle que “os pobres e máis outros”, que se pode traducir como que os pobres precisan líderes, guieiros… como sosteñen moitos dirixentes e intelectuais.

Defender o protagonismo dos empobrecidos na súa liberación é ensinanza oficial na Doutrina da Igrexa. Ollemos esta clara clave para analizar  todas as realidades económicas dos Estados e Institucións Sociais: “Hai que avaliar as decisións (de política económica) á luz do que fan POR os pobres, do que fan Aos pobres e do que posibilitan que os pobres fagan POR SI mesmos. O criterio moral fundamental para tódalas decisións, políticas e institucións económicas é o seguinte: As mesmas deben estar ó servizo de todos e especialmente ao servizo dos pobres”. (Bispos USA, Xustiza Económica para Todos, nº 24). Lembremos que non é o mesmo permitir ca POSIBILITAR.

Este protagonismo está recoñecido en moitos lugares, por exemplo, nos estatutos da 1ª Internacional: “Considerando que a emancipación dos traballadores ten de ser obra dos traballadores mesmos” (Xenebra, setembro de 1866).

A pobreza non é só material, senón tamén cultural e de illamento das persoas. Por iso a historia do Movemento Obreiro lémbranos o seu berro: “Contra a ignorancia, libros!, e contra a miseria, Asociación!”. Traballar seriamente nestes dous ámbitos é a acción máis importante que podemos realizar para a liberación dos empobrecidos.

A formación, “a elevación cultural” da que falaba Xoán XXIII, é básica nos procesos de liberación humana. Poden axudar a entendelo as palabras de García Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo Fuente Vaqueros-Granada, que comeza coas palabras de Xesús:

“NON SÓ DE PAN VIVE O HOME. Eu, se tivese fame e estivese desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría MEDIO PAN E UN LIBRO… Ben está que tódolos homes coman, pero que tódolos homes saiban. Que gocen tódolos froitos do espírito humano porque o contrario é convertelos en máquinas ao servizo do Estado, é convertelos en escravos dunha terrible organización social…”. (setembro 1931)

A importancia da Asociación está contida na proposta de Vida Comunitaria que fai a Igrexa, porque cremos nun Deus Trinitario, Comunitario, e somos sociais por natureza. Por iso é de todo lóxico que manifestacións dos obreiros fosen baixo a pancarta: “Asociación ou morte!” (exemplo: Barcelona 3-VII-1855). Nos inicios do Movemento Obreiro tiñan claro que a forza dos pobres é a solidariedade, e a Asociación debe ser a canle organizada da solidariedade.

Para compartir cos empobrecidos o seu proceso de liberación, obriga de xustiza, é necesario atoparse vitalmente e desde a Fe con eles como dicía o Papa Francisco na convocatoria para dita Xornada: “Se realmente queremos atopar a Cristo, é necesario que toquemos o seu corpo no corpo chagado dos pobres, como confirmación da comuñón sacramental recibida na Eucaristía…” (nº 3)

Todos deben recoñecer este protagonismo dos pobres na súa liberación, e especialmente os que traballamos entre eles e con eles, se non queremos facelos dependentes e colonizados. É sabio Bieito XVI ao dicir: “Así como a subsidiariedade (protagonismo da persoa e grupos pequenos) sen a solidariedade desemboca no particularismo social, tamén é certo que a solidariedade sen a subsidiariedade acabaría no asistencialismo que humilla ao necesitado”. (Cáritas in Veritate 58)

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Pobreza herdada!!!

A algúns sorprendeulles o Informe FOESSA de Cáritas do 7 de abril de 2016 por afirmar que a pobreza se está herdando, xa que o 80 % de nenos pobres serano tamén de adultos, cousa polo demais totalmente lóxica, xa que a riqueza tamén se está herdando con “tódalas da lei”, e non se prevé que iso deixe de acontecer no futuro inmediato. Se a riqueza se herda con tódalas garantías do dereito, é de supoñer que aos pobres non lles queda outra alternativa que herdar tamén a pobreza, que xeralmente irá en aumento.

Que a riqueza se concentra nunha minoría, que cada vez ten máis parte da renda mundial, á vez que ós pobres lles toca cada vez menos desa renda, é algo constatado en moitos estudios económicos. A modo de exemplo no libro La secesión de los ricos de A. Ariño e J. Romero afírmase:

“O ingreso medio do 10 % máis rico da poboación mundial é aproximadamente nove veces o do 10 % máis pobre, mentres que era de sete veces fai vinte e cinco anos”. (p. 31)

“No 2013 os que posuían menos de 10.000 dólares eran o 68,4 % da poboación mundial e en 2015 son o 71 %, repartíndose un mesmo volume de riqueza: o 3 %. Idéntica porción da tarta para un maior número de persoas, posto que en datos absolutos pásase de 3.207 millóns a 3.386. Á súa vez, o 0,7 % máis rico en 2013 (32 millóns) posuía o 41 % da riqueza e en 2015 (34 millóns) dispón do 45,2 %”. (p. 54)

Neste contexto hai que entender que o Papa Francisco convoque aos católicos e á toda a humanidade á loita contra a pobreza. Con esta finalidade fixo un chamamento á “I XORNADA MUNDIAL DOS POBRES”, este pasado 19 de novembro. Para dar impulso á xornada publicou o 13 de xuño de 2017, Memoria de San Antonio de Padua, unha mensaxe. S. Antonio é un santo franciscano que combateu a usura e a explotación dos pobres e os franciscanos pronto puxeron en marcha institucións de crédito ao servizo dos pobres, os Montes de Piedade.

O Papa é consciente da realidade antes descrita ao afirmar: “Hoxe en día, desafortunadamente, mentres emerxe cada vez máis a riqueza descarada que se acumula nas mans duns poucos privilexiados, con frecuencia acompañada da ilegalidade e a explotación ofensiva da dignidade humana, escandaliza a propagación da pobreza en grandes sectores da sociedade enteira…” (nº 5)

Na súa mensaxe fai referencia ao exemplo dos apóstolos que elixen os diáconos para atender aos pobres, e a que ninguén pasaba necesidade entre os primeiros cristiáns (Feit. 6,3 e 2,45). Apela ao exemplo de Francisco de Asís de estar entre os pobres. Igualmente na mensaxe lembra que o Noso Pai é a oración dos pobres: “…O Pai Noso é unha oración que se di en plural: o pan que se pide é «noso», e isto implica comuñón, preocupación e responsabilidade común. Nesta oración todos recoñecemos a necesidade de superar calquera forma de egoísmo para entrar na alegría da mutua aceptación” (nº 8)

Na vida sociopolítica é frecuente atopar actuacións feitas en favor dos pobres pero sen contar con eles, por iso escribe Francisco: “Non pensemos só nos pobres coma os destinatarios dunha boa obra de voluntariado para facer unha vez á semana… deberían introducirnos a un verdadeiro encontro cos pobres e dar lugar a un compartir que se convirta nun estilo de vida…” (nº 3).

A loita cos pobres pola súa promoción para ser efectiva require escoitar o seu berro, comprometerse efectivamente con eles xerando un desenvolvemento real a fin de xerar un cambio histórico, como lembra o Pontífice.

O Papa Francisco quere que esta Xornada teña unha vinculación directa coas outras Xornadas Pontificias: “Quixera que, ás outras Xornadas Mundiais establecidas polos meus predecesores, que son xa unha tradición na vida das nosas comunidades, se engada esta, que aporta un elemento delicadamente evanxélico e que completa a todas no seu conxunto, é dicir, a predilección de Xesús polos pobres.” (nº 6).

Se os cristiáns non vivimos con máis seriedade a solidariedade cos pobres, a culpa non está no Maxisterio por non urxir a este compromiso, se non na nosa fraxilidade, comodidade ou egoísmo.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Pastoral de defuntos e “o punto limpo”

Se cadra vistes o outro día o programa de humor Land Rober na TVG. En clave de humor falouse dos funerais civís e dixo que era como levar o defunto “ao punto limpo” e deixalo alí.

Quero aclarar que non teño nada en contra dos funerais civís. Considero que son un acto de profunda coherencia para quen non cre en Deus. Máis aló da simple broma, non se pode comparar unhas exequias civís coa actividade dun “punto limpo”. O non crente non perde a súa dignidade de persoa nin deixa de ser querido polos seus, só faltaría. Ademais, no fondo, neste tipo de actos percíbese o desexo de eternidade e de que a morte non sexa o final absoluto: faise mención ás virtudes do defunto e maniféstase o desexo de que non morra para sempre.

Xa sei que este tema non é para facer bromas. Unha vez pasada a graza inicial non puiden sacar esta comparación da cabeza. Non polos funerais civís, que xa o aclarei antes, senón porque as confusións en materia de fe e costumes dos que nos chamamos cristiáns, ou solicitamos exequias eclesiásticas para os nosos defuntos, poden levarnos a facer cousas estrañas que non teñen demasiado sentido.

O 90% das veces que os fieis acoden aos curas, sobre todo nas zonas rurais da nosa Diocese, é por asuntos de pastoral de defuntos. Para os funerais de enterro xa nos chaman os da funeraria. Despois está a gran odisea de encargar misas por defuntos e atopar o día e a hora en que poidan vir todos (curmáns, sobriños e demais familia) ao aniversario, sen madrugar moito e volver ás súas casas antes de que sexa de noite.

Para cumprir con todo isto é no que gastamos a maior parte do noso tempo os sacerdotes ou, polo menos, as mellores horas do día e da fin de semana. Tampouco é un problema gastar o tempo, para isto estamos, para servir aos fieis, rezar con eles e por eles.

O problema é o que nos toca ver moitas veces e que nos produce bastante tristeza. Vemos a familias enteiras que descoñecen o que é rezar por un defunto, encomendalo a Deus, celebrar a Misa por el, etc. Persoas que nunca pensaron no que supón que Cristo resucite e que antes morrese na Cruz, para o perdón dos nosos pecados e poder ter unha opción (ou moitas) de salvarnos.

Se non cultivamos a nosa fe e a nosa vida espiritual, o cemiterio fácilmente convértese nun “punto limpo”. Cando un electrodoméstico deixa de funcionar ou  quedou obsoleto levámolo ao “punto limpo” para que desapareza, porque é un final sen retorno.

Para os cristiáns o cemiterio e a sepultura son signos de esperanza na resurrección. Lonxe de ser o final, son o comezo de algo absolutamente novo, a Vida Eterna.

Para rematar permítanme dous pequenos consellos máis. Non fagan as cousas por facer, ou por quedar ben, ou “polo que dirán”. Por favor, non fagan un simple “paripé”. Se teñen dúbidas ou non saben ben como facer, o sinxelo é a mellor opción. Non é necesario mobilizar a todo o mundo para rezar pola persoa que se nos foi. E segundo, por favor, non obriguen ao seu neto ou sobrino, que ten unha ideas totalmente contrarias á fe da Igrexa a ir ao funeral ou aniversario do avó. E, moito menos, non o fagan sentar no primeiro banco. Así nos evitamos pasalo mal todos, tamén o cura.

Lembren: “o máis importante nesta vida é que o máis importante sexa o máis importante”. (Stephen Covey). “Aos mortos non lles importa como son os seus funerais. As exequias suntuosas serven para satisfacer a vaidade dos vivos.” (Eurípides).

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Imaxe: Cathopic

A %d blogueros les gusta esto: