20 de setembro, Xornada de Oración pola Paz

logo_asis_2016

A trinta anos da histórica Oración das Relixións do Mundo pola Paz, convocado polo Papa San Xoán Paulo II en 1986, a Igrexa celebra o martes 20 de setembro unha Xornada de Oración pola Paz. Faise en coincidencia co Encontro Interrelixioso que terá lugar en Asís, presidido polo papa Francisco e baixo o lema “Sede de Paz. Relixións e culturas en diálogo”.

O desexo do Santo Padre é que en todas as igrexas particulares haxa actos pedindo por esta intención. Para facilitar este encargo, a Comisión Episcopal de Liturxia preparou un subsidio litúrxico para as celebracións eucarísticas do día 20 de setembro.

Deus é sinxelo

Álvarez-Miguel-Ángel-2 Admiro ás persoas que son sinxelas. Cando dicimos de alguén que é sinxelo estamos falando dunha persoa que ten claro que a liña recta é a distancia máis curta entre dous puntos. Ser sinxelos é unha virtude, sobre todo porque sendo así somos mellores para os demais.

O mesmo Evanxeo tamén nos invita a ser sinxelos en varias ocasións, a máis coñecida cando nos din que sexamos “sinxelos como pombas“ (Mt 10, 16b), pero sobre todo cando Xesús di “douche grazas, Pai, Señor de ceo e terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e entendidos, e llas revelaches á xente sinxela. Si, Pai, así che pareceu mellor“. (Mt 11, 25-26).

Dicir que Deus é sinxelo pode parecer que non é acertado e que estamos cercenando as infinitas calidades de Deus ao supoñer que, se é sinxelo, poderémolo comprender coa nosa intelixencia, que é limitada. Por iso, pode ser preferible dicir que as cousas de Deus son sinxelas, ou que chegar a Deus ou deixar que Deus chegue a nós é sinxelo.

Na relación de Deus convén ter claro o que dicía antes: a liña recta é a mellor opción. A complicación non é o mellor camiño. Se queren, tamén pode servir o que dicía Descartes: “ideas claras e distintas“. E non moitas, engado eu.

Non nos podemos achegar a Deus co pretexto de buscar un apoio que non é propio del. Por iso non podemos confundir o que Deus aporta a cada persoa co que necesitamos para organizar, quizais, só un evento social.

Tampouco nos podemos achegar a Deus fixándonos só nas prohibicións morais ou nas leis eclesiásticas sen entrar no espírito das mesmas. As normas son necesarias para organizar a vida dos cristiáns, pero se non as vivimos da forma adecuada complícannos a vida no canto de facela sinxela.

Despois están os que poñen o centro dos seus intereses en difundir lendas urbanas sobre a Igrexa, o Vaticano ou o mesmo Xesucristo (lembren o do código da Vinci), e que enganan á xente a base de confundir ficción con realidade. Intentar achegarse a Deus desta forma complícanos aínda máis a fe.

Termino cunha destas experiencias gratificantes que o Señor concédenos ás veces aos sacerdotes. Fai uns meses chamáronme para acompañar a un enfermo nos seus últimos días: sacramento da penitencia, unción de enfermos e viático e unhas palabras sinceras por ambas partes. Uns días despois do funeral, achegouse un fillo do señor para dicirme que se alegraba de terse equivocado comigo porque o seu pai morrera con moita paz. Tratábase só de poñernos nas mans de Deus. Así de sinxelo.

Non confundamos o importante co urxente, nin o normal co corrente no camiño da historia que Deus quere facer connosco. O camiño é sinxelo pero esíxenos tamén esforzo e abnegación para chegar á meta que é Cristo, por “unha coroa que non  murcha“ (1Cor 9, 25).

Deus é sinxelo. Deus creounos por amor e por amor quérenos salvar por medio do seu Fillo Xesucristo. Non hai nada máis. Os que complicamos todo somos os humanos. Deixemos a Deus ser Deus e todo será moito máis sinxelo.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Viaxe da Adoración Nocturna de Lugo a Viveiro

centenario-adorac-nocturna

O sábado 17 de setembro o Consello Diocesano da Adoración Nocturna organiza unha viaxe a Viveiro para asistir á Vixilia Conmemorativa do Centenario da súa Sección Adoradora. A saída será ás cinco da tarde desde A Mosqueira, con paradas diante do edificio administrativo da Xunta e na Fonte dos Ranchos.

 No programa do centenario da Adoración Nocturna de Viveiro incluíronse varias actividades desde o mes de xaneiro: conferencias, vixilias ordinarias e  extraordinarias, unha Eucaristía e unha comida de confraternidade o 20 de agosto, data do centenario de Viveiro. E finalmente o acto central será o 17 de setembro, presidido polo Bispo de Mondoñedo, e haberá unha vixilia extraordinaria e procesión especial polas rúas co Santísimo, como se fai en Corpus.

Jesús Higueras estivo na Semana de Formación dos Cregos de Galicia

jesus-higueras-e-miguel-asorey

 Na XXIVª Semana de formación permanente dos cregos de Galicia (12-14 de setembro) participou Jesús Higueras, Misioneiro da Misericordia: “A experiencia como Misioneiro da Misericordia foi sorprendente, pois non me imaxinaba que fose tanta a xente que acudise este ano a reconciliarse con Deus a través deste sacramento. Moita xente tiña medo pero o Papa Francisco mostra moi amablemente que as portas do corazón de Deus están abertas a todos. En moitas parroquias multiplicouse o número de persoas que comprenderon que o amor de Deus é para todos, e reconciláronse con Deus. Foi unha experiencia moi positiva, oxalá que se repetise moitas veces”.

 Tamén se referiu Jesús Higueras ao papel do sacerdote no mundo actual:

 “Nunha sociedade que carece de sentido, desestruturada, cunha humanidade rota, ferida, a figura do sacerdote que fai unha oferta da garantía do amor de Deus é máis necesaria que nunca. Os sacerdotes somos  moi necesarios porque desde a gratuidade da entrega da nosa vida  seguimos mostrando ao mundo que o amor de Deus é para todos. Nas súas debilidades, nos seus fracasos, todos son amados de Deus. Isto pode facelo o segrar, pero o sacerdote faino a través dos sacramentos da Eucaristía e da reconciliación, a través da comunidade parroquial, en comuñón con irmáns… Polo tanto o sacerdote é unha riqueza para a humanidade, e por suposto para o Pobo de Deus”.

Xornadas xacobeas na prisión de Bonxe

Próxima a celebración da Mercé, o centro penitenciario de Bonxe acolle os días 15 e 16 de setembro un acto cultural consistente nunhas xornadas sobre o Camiño de Santiago.

luciano-armasNo salón de actos da devandita prisión, o día 15 o párroco de Santiago A Nova, Luciano Armas, impartirá unha conferencia titulada “O Camiño de Santiago: trama da construción de Europa”. Porque a ruta xacobea, segundo Luciano Armas, foi un cauce ou unha trama sobre a que se construíu de maneira importante a unidade de Europa, mesmo a propia Europa. Houbo unha intercomunicación de peregrinos, de culturas, de arte… distintos aspectos que se puxeron en común. Foron moitos anos nos que isto se plasmou, e aí están a arte románica e a arte gótica.

lage-vigoE o día 16 haberá unha mesa redonda na que participará o párroco de San Lourenzo de Aguiar, Antonio Lage Vigo, que contará a súa experiencia que viviu hai uns anos como peregrino a Santiago de Compostela.

Tamén intervirán dous presos e un funcionario para falar das saídas programadas que organiza a Asociación Viandantes do Camiño Primitivo.

A %d blogueros les gusta esto: