A comuñón interdiocesana

 

familia

Desde fai máis de 20 anos oín a xente queixarse de que na Igrexa somos poucos, que cada vez hai menos persoas dedicadas á pastoral, son máis maiores… Certamente é así. En concreto, no campo da pastoral familiar (PF), os retos actuais fan inviable permanecer no modelo co que se traballou ata agora. Polo menos… se desexamos dar unha resposta real e significativa. Cómpre  emprender novos camiños. E creo que un é o da comuñón interdiocesana.

A maioría das dioceses españolas non contan xa cos recursos humanos e/ou económicos que serían necesarios para afrontar as esixencias actuais ante as que nos coloca a PF. Atreveríame a dicir que este é o caso dun 80 ou 85 % das dioceses. Soas, illadas, traballando como illas -malia que non o son-, non poden afrontar estes retos. Quizais estean conseguindo, con sorte, afrontar algún ou algúns deles; pero a PF non pode axudar ás familias se está compartimentalizada. Na PF non é posible axudar aos noivos se non se axuda ás familias; ou axudar aos fillos sen axudar aos pais. Non nos consolemos con parches. Xa non funcionan. As familias merecen máis. Necesitan máis. Unindo os recursos económicos e especialmente ás persoas coas que conta cada diocese -traballando unidos-, buscando xerar proxectos conxuntos, compartir recursos, apoiarse mutuamente… abriremos un novo camiño con novas posibilidades.

Por exemplo, se unha zona conta cun bo perito-psicólogo, este podería colaborar con varios tribunais eclesiásticos que non teñan moitas causas. Os COF de dioceses próximas poderían compartir algúns profesionais que se desprazasen unha vez á semana a outro COF, e mellorar así a atención ás familias. A organización dunha xornada de formación en PF, cun relator excepcional, ben organizada e suscitada con ilusión, podería facerse coordinadamente entre cidades ou dioceses veciñas, facilitando que todos se sintan invitados -en particular as familias- e xerando unha asemblea máis enriquecedora e ampla. A PF hoxe necesita persoas dedicadas a tempo completo e específicamente formadas en determinados campos; quizais non é posible afrontar este reto en solitario pero si coa unión varias dioceses.

Fai unhas semanas, María Álvarez de las Asturias publicaba no seu blog, na web de Alfa y Omega, unha entrada titulada “Unificar a Pastoral Familiar”. Nela apuntaba a necesidade de buscar unha maior comuñón e coordinación intradiocesana. Non podo estar máis de acordo con ela. A comuñón intradiocesana é imprescindible. Soamente sendo familia poderemos axudar ás familias. Pero o que desexo suscitar aquí é que a comuñón intradiocesana é unha meta necesaria pero non suficiente. Quizais o fose no pasado, aínda que supuxese unha redución de horizontes. Actualmente, suscitar a PF coma se cada diocese fose unha illa, autónoma, independente… supoñerá para o 80 % das dioceses verse abocadas a un progresivo declive. Pola contra, creo sinceramente que abandonar esta posición autosuficiente podería supoñer un novo camiño cheo de grandes e fermosos froitos. Porque os retos da PF hoxe só poden afrontarse se as dioceses empezan a tomar, con determinación e valentía, decisións de gran calibre. E a enerxía e claridade necesarias para dar certos pasos só é posible atopalas no seo da confianza que xera a comuñón.

Martiño Rodríguez González

Doutor en Psicoloxía, director do COF diocesano de Lugo

(Artigo publicado orixinariamente en Alfa y Omega, n. 984)

Actividades de verán do Servizo de Atención á Infancia e Xuventude de Cáritas

adolescentes

Campamento Adolescentes: Do 1 ao 5 de xullo en Laxe (A Coruña) Dirixido a mozos e mozas de 14 a 17 anos. Centro de Interese: “Escola de Verán 2016”

Campamento Urbano XXII – Do 11 ao 22 de xullo en Lugo no Colexio María Auxiliadora Dirixido a nenos de 8 a 13 anos. Centro de Interese: “A volta ao mundo en 12 días”

Estas actividades teñen un carácter innovador, educativo e de relación estreita coas familias. Varios monitores implícanse desinteresadamente na elaboración da programación, trasladando material, encargándose da montaxe de escenarios e vídeos, realizando actividades… Cáritas tamén agradece á Directora e Comunidade do Colexio María Auxiliadora que cedan as instalacións para a realización do Campamento.

A “última comuñón”

ultima comuñón

Estamos en época de primeiras comuñóns, pero eu titulei a reflexión de hoxe así: A “última comuñón”. Pensarán que estou un pouco tolo ou que son demasiado pesimista. Quizais debería estar moi contento ao ver como segue habendo nenos que queren ser amigos de Xesucristo, pero non estou tan seguro. Cóntolles.

Fai máis ou menos un mes, fun celebrar unha eucaristía á capela das Irmás da Cruz na que un neno recibía a primeira comuñón. Aquel día impresionoume un canto das Irmás do que non recordo a letra, no que se repetía con frecuencia un estribillo: “O día da miña Primeira Comuñón”. Foi unha celebración sinxela, con poucos invitados, pero que todos vivimos con moita emoción. Notábase especialmente a presenza de Deus. Podo dicir que foi como un “monte Tabor”. Pero do monte Tabor hai que baixar. Con frecuencia a realidade é dura e descóbrenos a mentira na que vivimos: cantas veces a primeira comuñón é máis ben a “última comuñón” ou a “única comuñón”!

Sospeito que hai nenos que asisten a misa por primeira vez o día da súa primeira comuñón. Se é así, é doado ver que o que fixeron os seus pais con estes nenos foi, máis ben, “a primeira, a única e a última comuñón”. Se nunca viñeron antes, tampouco volverán despois.

Sei de compañeiros que explican con insistencia ás familias a importancia de que os nenos que van a catequese tamén asistan á misa dominical cos seus pais. Estes mesmos compañeiros e algúns catequistas tamén me contan como observan moitas veces que algúns pais levan aos seus fillos a misa e eles esperan fóra. Hai parroquias que programan a catequese xusto antes ou logo da misa para obrigar aos nenos que vaian á eucaristía dominical. Pero xa sabemos, as cousas á forza adoitan funcionar mal e queda todo nun cumpri-mento”.

Falo das comuñóns, pero pódese dicir o mesmo das vodas, confirmacións, bautizos, funerais, ou as mesmas festas e romarías que tanto abundan agora no verán.

Cunha comida unha vez na vida ou no ano, non sobrevivimos. Querer vivir a fe cunha soa misa ao ano ou cada dous anos é bastante complicado. Máis ben, é unha perda de tempo. Se imos á Igrexa para “comer” unha vez na vida ou no ano, é preferible buscar outro “restaurante” onde dean algo distinto, a ver se nos satisfai máis.

Non vou ser eu o que poña couto á graza de Deus nos sacramentos e fóra deles. Só comparto convosco os sentimentos que teño, especialmente nesta época do ano. Prodúceme moita pena que non saibamos aproveitar mellor todo o que Deus nos ofrece: uns sacramentos que nos traen a súa graza, o sentido da vida e da morte que nos dá a fe, unha comunidade de irmáns cos que camiñar unidos cara a Xesucristo, etc.

Cónstame que a primeira comuñón que celebrei nas Irmás da Cruz, e algunhas outras, non foron as últimas. Doutras moitas que fixen estes últimos anos, teño que dubidar. Laméntoo.

Se só temos en conta a opinión pública e o que din algúns medios de comunicación (bastantes) sobre a Igrexa e os bispos, nunca nos achegaremos á Igrexa, ou farémolo unicamente para celebrar de eventos sociais. Neste caso, como noutros moitos da vida, non podemos fiarnos só do que oímos. É necesario coñecer as cousas desde dentro. Asegúrolles que desde a proximidade todo é visto doutra forma e aproveitaranos moito máis. Unha vida á beira de Deus dun modo sincero e sen dobres intencións cambia sustancialmente en todos os sentidos. Supoño que moitos dos que estades lendo isto dádesme a razón. E aos que non ma dades, invítovos a probar e despois xa me contaredes.

Fai uns días faláballes da “BBC” e dos sacramentos convertidos en eventos sociais. Debíase, en parte, a isto que hoxe lles contei. Naquela ocasión pedíavos perdón pola ironía. Hoxe pídovolo polo pesimismo. No entanto, espero estar equivocado. Sería unha gran noticia.

Boa semana a todos e un recordo especial aos que pronto ides comezar as vacacións.

Miguel Ángel Álvarez

Parroquia-e. Hoja Parroquial de San Froilán de Lugo, nº 104

Peregrinación diocesana a Lourdes

Cartel-peregrinacion-Lourdes 2016

Do luns 27 de xuño ao venres 1 de xullo baixo o lema “Misericordiosos como o Pai” ten lugar a peregrinación que a Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes organiza ao santuario francés co seguinte programa:

LUNS: Saen máis dunha ducia de autobuses desde Lugo, Silleda-Lalín, Chantada, Escairón, Monforte, Pobra de Brollón, Sarria, Rábade, Viveiro, Terra Cha, Meira, A Fonsagrada e Monterroso.

ACTOS EN LOURDES: Recepción da credencial do Xubileo; paso pola Porta da Misericordia; Misa de presentación; Vía Crucis no Monte; Eucaristía Internacional, na Gruta e de despedida; procesións; excursións optativas ás famosas Covas de Lourdes, aos Pireneos; convivencia-festa; outras celebracións. Os actos son organizados para a peregrinación de Lugo.

VENRES: Saída de Lourdes ás 8 h. e chegada ao lugar de saída ás 23 h.

Este ano, a peregrinación quere ser excepcional, por dous motivos: Cúmprense 30 anos de vida da Hospitalidade diocesana de Lourdes en Lugo (punto de chegada e partida) con participación de 14.020 peregrinos e por ser o Ano Xubilar da Misericordia.

Actividades do programa Emprego de Cáritas

Caritas emprego

Desde o pasado 13 de xuño Cáritas Lugo está levando a cabo uha acción formativa denominada “Operarios de limpeza”. Os participantes nesta actividade conseguirán os coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para desenvolver as tarefas propias deste labor profesional.

O próximo 4 de xullo dará comezo unha nova formación para o emprego: “OPERACIÓNS BÁSICAS DE RESTAURANTE –BAR”.

Por outra parte, o Servizo de Infancia e Xuventude ten programadas para as vindeiras semanas varias actividades.

A %d blogueros les gusta esto: