Un cura non é un traballador da “BBC”

bbc

Durante os meses de verán, deixando de lado tamén obrigacións ministeriais, acostumo a traballar algúns fins de semana na ”BBC”. Si, non se asusten, sobre todo os sábados dedícome ás “bodas”, bautizos e comuñóns (“BBC”) reducidas case exclusivamente a eventos sociais. Se queren outra comparación poden tomala dos anuncios publicitarios dos restaurantes: “Salóns para vodas, bautizos e comuñóns…” no meu caso, é case o mesmo.

Teño claro que a misión dun cura non é a de ser un organizador de eventos sociais. Aínda que recoñezo que algúns sacramentos que recibimos os cristiáns ao longo da nosa vida teñen un compoñente festivo ou social moi importante; non obstante, é secundario.

O esencial dos sacramentos é Deus que pasa e chama para entrar e quedar na nosa casa. Se falla o fundamento, todo o demais convértese en fume que pasará sen pena nin gloria e que só servirá para incentivar un pouco a economía dalgúns negocios, e quedará todo reducido a un intercambio de agasallos: hoxe, ti; mañá, eu.

Asegúrolles que non decidimos ser curas coa intención de ser animadores de festas ou empresarios dos sacramentos, porque ata nisto, a Igrexa é a que menos gana. Na miña parroquia pedimos, para os que poidan pagalo, 100€ por un funeral ou unha voda (ter a igrexa aberta medio día, preparar todo: a cuestión administrativa e decorativa, a cerimonia, recoller todo e varrer o arroz e o confeti, que é o peor). E non pedimos nada por todo o demais: bautizos, comuñóns, confirmacións. Agora miren o que custa unha coroa de flores ou un cuberto nunha voda.

Tampouco somos guías culturais. É certo que unha parte importante do patrimonio cultural de España é da Igrexa Católica. Pero a Igrexa só ten a misión de conservar o mellor que se poida un patrimonio que é para goce de todos. Pero non é a súa misión esencial, é algo colateral. As manifestacións artísticas que hoxe valoramos tiñan dúas ou tres funcións: honrar ao Señor, ter un lugar para o culto e o encontro da comunidade con Deus para celebrar a fe e unha función catequética, daí as representacións bíblicas e das verdades da fe. Xa se sabe, onte como hoxe, unha imaxe vale máis que mil palabras.

Os curas estamos para servir ás persoas, pero cunha misión concreta e única. Non se enfaden cando un cura lles diga a algo que non. Pensen por un momento que van a unha carpintaría metálica a arranxar unha xoia e empéñanse en que o empregado ten que soldar un fino pendente cun soplete de acetileno, pensado para cortar as grosas chapas de aceiro dun barco. No noso caso é case o mesmo. Moitas veces, sen mala intención, pídesenos algo que non ten nada que ver coa misión da Igrexa e que, ademais, non é bo para quen o pide ou, no mellor dos casos, é unha perda de tempo.

Termino con dous exemplos reais para que vexan que non estou desvariando. Cando preparo as vodas cos noivos, moitas veces a única pregunta que me fan é como se teñen que colocar. Dígolles que estean tranquilos que xa os colocará o fotógrafo. E no caso dos bautizos, a pregunta é quen ten que coller ao neno cando se lle bote a auga. Dígolles que o colla o que máis forza teña. Perdóenme as ironías.

Miguel Ángel Álvarez

O Arquivo Catedralicio. Entrevista ao seu director Gonzalo Fraga Vázquez

Gonzalo Fraga

Con motivo de celebrarse o 9 de xuño o Día Internacional dos Arquivos, recuperamos a seguinte entrevista sobre o Arquivo Catedralicio. Ademais, no recente Festival de Órgano interpretáronse partituras que conserva o Arquivo.

– Onde está o Arquivo ?

– O Arquivo está nun pequeno local rectangular na torre suroeste da fachada da Catedral. A lonxitude total dos andeis non excede dos 52 metros lineais.

– No século XI pasou a haber dous arquivos: o episcopal e o catedralicio. Que supuxo iso?

– O Arquivo episcopal quedou con diplomas reais e outros documentos importantes e o catedralicio con documentos do cabido. Por iso, cara a 1230, o cabido mandou confeccionar o Tombo, chamado Vello desde o século XVIII, en que se fixo outro.

– Houbo sempre preocupación polo Arquivo?

– A través das actas capitulares, (en 46 libros desde 1549) vese como o cabido lucense estimaba o seu arquivo e preocupábase frecuentemente da súa organización para podelo utilizar convenientemente e sen complicacións cando fose necesario. En 1652, grazas ao benemérito lectoral Juan Pallares Gayoso, realizouse unha clasificación documental que non desmerece hoxe. No século XVIII encadernáronse libros (debe entenderse que tamén se formaron libros con papeis e expedientes de asuntos máis ou menos homoxéneos), confeccionáronse índices detallados doutros e transcribiuse un considerable número de documentos.

– Que tipo de fontes documentais alberga o Arquivo?

– Bulas pontificias, información de actividades do cabido, información sobre recursos económicos (bens, censos, rendas), libros de fábrica (16), pías vontades e fundacións, libros de confrarías…

– Hai códices?

– Dos tempos medievais só hai un breviario misal en pergameo, con 3 quilos de peso, atribuído aos séculos XII-XIV, e restaurado coa axuda do Ministerio de Cultura. Son importantes tamén os chamados Libro X e Libro XI. O primeiro contén 65 pergameos con privilexios reais e o segundo bulas papais de cinco séculos. Tamén hai 30 libros musicais de facistol, en pergameo, confeccionados por un organista da Catedral a finais do século XVIII. É de salientar tamén o fondo musical, agora catalogado, que contén fundamentalmente composicións dos mestres de capela.

– De que instrumentos de traballo e consulta dispón o Arquivo?

– Hai un inventario confeccionado en 1900. Sobre este fíxose posteriormente un índice de materias con orde alfabética non rigorosa. Dos libros de actas capitulares hai uns índices dos principais asuntos até mediados do século XIX. Actualmente catalógase e informatízase o arquivo. Hai unha biblioteca auxiliar con 250 libros.

– Que persoas acoden ao Arquivo?

– Profesores das Universidades de Lisboa, Bolonia, ademais de centros españois, acoden ao Arquivo para facer investigacións. Coñecen da existencia do Arquivo nalgúns casos a través da internet.

Esta entrevista publicouse no boletín @nosavoz  (7/11/2013).

O Santísimo Sacramento defensa ante ditaduras

anton_negro
Antón Negro

Escribía o coñecido sociólogo francés, Alain Touraine, nun artigo periodístico que a Relixión era a principal e a máis importante forza de resistencia ante os poderes ditatoriais, e modestamente coido que ten razón.

Tense escrito moitas veces que Franco sempre entraba baixo palio nas catedrais e isto non é tan verdade, pois houbo algunhas nas que non lle daban ese honor e entre elas temos que destacar a nosa Catedral de Lugo. Para min no cabe dúbida que é unha alegría que se lle negase ese privilexio a Franco. A razón de tal decisión é que o palio só lle pertence ó Santísimo e, por tanto, hai que rebaixarlle poder a quen pretenda ter un poder absoluto. Para os lucenses debe ser un motivo de orgullo que as cousas sucedesen así, ó meu modesto entender.

Apoiarse na fe para desobedecer ó poder témolo tamén na obra de Lope de Vega cando Pedro Crespo, Alcalde de Zalamea, xustifica a súa desobediencia ó rei con estas palabras: “iso pertence ó honor. O honor é patrimonio da alma e esta só pertence a Deus”.

Recoñecer a Cristo Resucitado no Pan Eucarístico como Señor da Historia leva consigo unha liberdade interior para resistir ós que queiran ser donos de vidas e facendas dispoñendo do noso futuro; ademais dános forza de espírito para loitar contra os opresores. O Deus de Xesucristo quérenos libres e protagonistas da nosa vida con responsabilidade.

No Evanxeo, Xesús contesta á pregunta de se deben pagar tributo ou non ó poder imperial con: “dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus”. Isto dinos que hai cousas que non pertencen ó Emperador que, por tanto, este debe ter limitado o seu poder.

Moitos gobernantes queren ter tamén o control da relixión e ata algún se chama Príncipe dos Crentes… incluso nun editorial propoñía o diario El Pais como modelo de relacións Igrexa-Estado ó Reino Unido, un estado confesional!, aínda que con liberdade relixiosa.

É comprensible que desde o poder ou dende os que aspiran ó poder sexan moi críticos coa Igrexa Católica, pois esta normalmente supón unha limitación ó exercicio do poder dos ditadores como o vimos no caso de Polonia onde a oposición se cobixaba nas igrexas, e na ditadura de Franco onde os partidos políticos e sindicatos se cobixaban nas igrexas, mosteiros, etc.

É verdade o que escribía S. Xoán Paulo II na encíclica Centesimus Annus: “O Estado totalitario tende, ademais, a absorber en si mesmo á nación, á sociedade, á familia, ás comunidades relixiosas e ás mesmas persoas. Defendendo a propia liberdade, a Igrexa defende á persoa, que debe obedecer a Deus antes que ós homes (Feitos 5,29); defende á familia, ás diversas organizacións sociais e ás nacións, realidades todas que gozan dun ámbito propio de autonomía e soberanía” (nº 45).

Isto vén corroborado polo feito, que a ninguén debe sorprender, de que pouco despois da visita pastoral do Papa Xoán Paulo caesen ditaduras como as de Chile (2 anos despois), Arxentina (1 año), Paraguai (9 meses), Filipinas, Polonia, Nicaragua, México (gobernado durante 71 anos por un partido que supón unha ‘contradictio in terminis’, o Partido Revolucionario Institucional), Guatemala, República Dominicana, Brasil… Isto é facilmente explicable para un estudoso de Ciencia Política que non teña prexuízos.

Que o Santísimo Sacramento fortaleza o noso espírito para ser persoas libres e solidarias en colaboración cos demais e especialmente cos máis pobres.

Antón Negro

Homilía de Mons. Leonardo Lemos na Ofrenda de Galicia ao Santísimo

fotoobispo

Coa vosa licencia, Soberano Señor Sacramentado,

Irmás e irmáns meus no Señor. Permitídeme, en primeiro lugar, saudar con afecto agradecido a D. Alfonso, Bispo desta Igrexa, que hoxe nos acolle para vivir este memorial do Señor e que me convidou a presidir esta solemne Eucaristía. Ao Sr. Arcebispo metropolitano e aos demais Irmáns no episcopado, ao Cabido Catedralicio desta Igrexa Catedral-Basílica, ás Autoridades civís e militares, membros da Adoración Nocturna e das demais Asociacións Eucarísticas desta querida Diocese. E con especial deferencia saúdo ao Sr. Alcalde da moi querida, nobre e acolledora cidade de Ourense que hoxe presenta a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

Irmáns e amigos:

Cando san Paulo escribe dende Éfeso a súa primeira carta á comunidade cristiá de Corinto, só desexa lembrar a aqueles fieis un acontecemento que el mesmo garda celosamente na súa memoria, tal como lle foi transmitido: Xesucristo, que como un pai de familia presidía a mesa dos discípulos e lles partía o pan, fíxoo dunha maneira nova e singular na súa última Cea, naquela primeira Eucaristía. O pan que agora daba, xa non era pan, senón o seu propio Corpo entregado e o viño que ofrecía era o seu propio Sangue derramado para a vida do mundo. E dende entón a “fracción do pan” centraliza a vida dos cristiáns, como memoria viva e anuncio perenne do mesmo Xesús crucificado e resucitado.

San Paulo lembra o feito da institución da Eucaristía para poñer de relevo as esixencias que derivan da súa celebración, porque aqueles cristiáns – igual ca nós- precisaban revitalizar a súa identidade como discípulos e testemuñas, no medio daquela cidade buliciosa e paganizada. Os fieis cristiáns, alimentados na mesa da Eucaristía, debían redescubrir que hai unha soa e auténtica sabedoría, a manifestada na cruz de Xesucristo.

Tamén hoxe, no medio das cidades e dos pobos, e entre as súas prazas e as súas xentes, os cristiáns estamos chamados a ser testemuñas que propoñen e comparten, con lexitimidade e mansedume, con ledicia e con verdade, os valores que nacen do Evanxeo, que non son rémoras que obstaculizan a vida social, senón todo o contrario. O xesto que fai da Eucaristía unha memoria, é a entrega de Xesús na cruz, a presenza viva do amor máis grande, o que dá a vida polos amigos. Por iso o papa Francisco dixo que Xesucristo “mentres instituía a Eucaristía, como memorial perenne de El e da súa Pascua, puxo simbolicamente este acto supremo da Revelación á luz da misericordia” (Misericordiae vultus, 7).

Esa misericordia fai que en cada Eucaristía naza o servizo da caridade: “A Eucaristía impulsa a todo o que cre nel a facerse «pan partido» para os demais e, polo tanto, a traballar por un mundo máis xusto e fraterno” (BIEITO XVI, Sacramentum caritatis, 88). De aí que a Eucaristía sexa un acontecemento e un proxecto de fraternidade (XOÁN PAULO II, Dies Domini, 72), que xera, se hai unha participación auténtica na súa celebración comunitaria, un “pulo para un compromiso activo na edificación dunha sociedade máis equitativa e fraterna” (XOÁN PAULO II, Mane nobiscum Domine, 28).

Por iso, a Eucaristía revélanos o seu auténtico sentido cando se converte en escola de amor activo ao próximo (XOÁN PAULO II, Dominicae cenae 6) e nunha gran escola de paz, “onde se forman homes e mulleres que, nos diversos ámbitos de responsabilidade da vida social, cultural e política, sexan artesáns de diálogo e comuñón” (XOÁN PAULO II, Mane nobiscum Domine, 27).

Ler máis

Actos na Catedral de Lugo no día da Ofrenda de Galicia ao Santísimo

V ENCONTRO EUCARÍSTICO LUCENSE 00

A Catedral de Lugo acolle a partir das 12 h do domingo 5 de xuño a solemne concelebración eucarística presidida polo Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet, que recibirá a Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento, e o delegado oferente será o alcalde da cidade de Ourense.
Na parte musical, á entrada tocarase a Marcha do Antigo Reino de Galicia para gaita e órgano. Acompañará a celebración o Orfeón Lucense, coro oficial da Catedral, que interpretará a Misa Galega de José Castiñeira e cantos en galego do P. Feijoo.
Despois da celebración, e durante a procesión, o Grupo Tradicional “Os Xílgaros de Lugo” dirixido por Óscar Pérez e o grupo de baile tradicional de “Espazo Artistico 10”, dirixido por Xabier Iglesias, interpretarán danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento.

A %d blogueros les gusta esto: