Decreto de reorganización pastoral do Arciprestado de Abeancos

Nos, Dr. D. Alfonso Carrasco Rouco, pola gracia de Deus e da Sede Apostólica, Bispo de Lugo.

É moi grande hoxe a urxencia do coidado da fe do Pobo de Deus, de promover unha vida cristiá que se alimente constantemente das fontes sacramentais da gracia, de procurar que as nosas comunidades eclesiais sigan sendo próximas, visibles, accesibles en todo o noso territorio, para que o coñecemento e o amor do Señor Xesús permanezan vivos e transformen as nosas existencias e a nosa sociedade.

Por iso, xa no ano 1996, no Consello Presbiteral, presidido polo meu venerado predecesor Frei José Higinio Gómez González, creouse unha comisión de estudo para determinar e planificar as “zonas pastorais”, para estudar a presenza da Igrexa diocesana e reordenala para unha mellor actuación pastoral.

Os cambios demográficos e sociais vividos desde entón, que afectan tamén á vida da Igrexa na nosa terra, fixeron cada vez máis necesario afrontar a nova situación pastoral, sobre todo nas nosas comunidades rurais.

Levouse a cabo así na nosa Diocese, a partir do curso 2009-2010, unha reflexión sistemática, coa finalidade de atopar o mellor modo de que as nosas comunidades eclesiais, presentes no rural, poidan seguir sendo lugar de vida, de celebración e de transmisión da fe.

Nesta reflexión, guiounos a preocupación de espertar de novo a conciencia da prioridade da fe, da presenza do Señor, que nos constitúe como Igrexa no don do seu Corpo e do seu Sangue. É sen dúbida necesario, para que a fe permaneza, afirmar a pertenza a Cristo por encima doutras consideracións sociolóxicas e, por tanto, salvagardar o significado pastoral primario da convocación dos fieis á Eucaristía dominical.

Este camiño de reflexión fíxose en diálogo cos sacerdotes por arciprestados, así como co Consello de Arciprestes en varios encontros. Consultouse igualmente ao Consello Presbiteral en diversas ocasións. Procurouse, por outra banda, dar tempo suficiente e materiais para un diálogo con todos os fieis; así como para a acomodación desta proposta ás circunstancias das persoas e os lugares.

Neste proceso recibimos recentemente o impulso do Papa Francisco, que pediu con forza á Igrexa unha “conversión pastoral”:non podemos quedarnos tranquilos, en espera pasiva nos nosos templos” (EG 15); habemos de “avanzar polo camiño dunha conversión pastoral e misioneira, que non pode deixar as cousas como están. Xa non nos serve unha simple administración” (EG 25). E sobre a parroquia, dinos concretamente que, “se é capaz de reformarse e adaptarse continuamente”, de “estar en contacto cos fogares e a vida do pobo”, poderá ser “presenza eclesial no territorio, ámbito de escoita da Palabra, do crecemento da vida cristiá, do diálogo, do anuncio, da caridade xenerosa, da adoración e a celebración” (EG 28).

Agora, escoitando en concreto a proposta dos presbíteros pertencentes ao arciprestado de Abeancos e seguindo as indicacións que ofreceron en vista das formas pastorais adecuadas ao seu territorio e ás súas circunstancias, para que todos os fieis, tamén aqueles que viven no medio rural, poidan participar na Eucaristía dominical e nunha vida de Igrexa con todas as súas dimensións esenciais, decidín a distribución das parroquias do arciprestado en unidades pastorais, en cada unha das cales, salvagardando a integridade de cada parroquia, garantirase a existencia dun lugar de referencia ou centro interparroquial onde se celebre cada domingo a Santa Misa e se faga visible e experimentable a fraternidade cristiá, signo e instrumento imprescindible da vida, a maduración e a transmisión da fe.

 

Por todo iso, polas presentes DECRETO

A Reorganización Pastoral  das 56 Parroquias do

Arciprestado de Abeancos ao redor de 4 Unidades Pastorais,

Unidade pastoral nº 1:

1) Abeancos, San Cosme

2) Abeancos, San Salvador

3) Agrón, Santa Eulalia

4) Ánxeles, Santa María

5) Barreiro, San Mamede

6) Campos, Santa María

7) Cazallas, San Xosé

8) Folladela, San Pedro

9) Furelos, San Xoán

10) Leboreiro, Santa María

11) Liñares, Santiago

12) Maceda, San Pedro

13)     Meire, Santiago

14) Melide, San Pedro

15) Melide, Santa María

16) Moldes, San Martiño

17) Oleiros, San Martiño

18 )Varelas, San Martiño

19) Vimianzo, Santa María

20) Xubial, Santiago

21) Zas de Rey, San Julián

Establécese un Centro Interparroquial para esta unidade pastoral na parroquia de San Pedro de Melide.

Unidade pastoral nº 2:

1)         Barazón, Santa María

2)         Beigondo, San Cosme

3)         Belmil, San Pedro

4)         Niñodaguia, San Pelaxio

5)         Novela, Santa María

6)         Rairiz, Santa Eulalia

7)         Ribadulla, San Vicenzo

8)         Pezobre, San Cristovo

9)         Pezobrés, Santo Estevo

10)     Ponte Arcediago, San Xoán

11)     San Román, San Pedro

12)     Santiso, Santa María

13)     Serantes, Santa Eulalia

14)     Visantoña, San Xoán

Establécense dous Centros Interparroquiales para esta unidade pastoral nas parroquias de San Xoán de Visantoña y San Xoán de Ponte Arcediago.

Unidade pastoral nº 3:

1)       Brañas, Santa Mariña

2)       Capela, Santa María

3)       Gondollín, San Martiño

4)       Mangüeiro, San Tomé

5)       Monte, Santa Eufemia

6)       Monte, San Xulián

7)       Ordes, Santa María

8)       Paradela, San Pelaxio

9)       Pedrouzos, Santa Mariña

10)  Vilamor, Santo Estevo

11)  Vilouriz, Santiago

Establécese un Centro Interparroquial para esta unidade pastoral na parroquia de Santa María de A Capela.

Unidade pastoral nº 4:

1)          Baltar, Santiago

2)          Boente, Santiago

3)          Castañeda, Santa María

4)          Figueroa, San Pelaxio

5)          Golán, San Xoán

6)          Grobas, Santa María

7)          Maroxo, Santa María

8)          Orois, Santa Cristina

9)          Rendal, Santa María

10)        Vilantime, San Pedro

Establécese un Centro Interparroquial para esta unidade pastoral na parroquia de Santa María de Rendal.

Encomendándome á protección da Santísima Virxe dos Ollos Grandes, Santa María de Lugo, pido a Deus que esta iniciativa pastoral sirva ao ben dos nosos fieis e á vida das nosas parroquias e a nosa Igrexa, e sexa útil tamén, por tanto, para o futuro de toda a nosa sociedade. Nada hai máis decisivo que a salvagarda por sacerdotes, persoas consagradas e laicas dunha fe viva e relevante para as súas vidas, o que non poderá ser senón edificando sobre a Palabra de Deus e vivindo da súa gracia, que se nos dá nos sacramentos e, en primeiro lugar, como sempre se soubo e se celebrou con especial devoción nesta Diocese, na Santísima Eucaristía, presenza real do Señor Xesús, Sacrificio agradable ao Pai, fonte e cumio da nosa Comuñón eclesial.

Esta reorganización entrará en vigor o día 15 de maio do presente ano, solemnidade de Pentecostés, cos nomeamentos conforme á nova organización pastoral.

En Lugo, Cidade do Sacramento, a 03 de maio de 2016, festa dos apóstolos San Felipe e Santiago.

Últimos días dos mercados solidarios de Mans Unidas e Santiago A Nova

M Unidas 2

O mercado solidario que mantén aberto Mans Unidas na rúa San Pedro (Lugo) estará aberto ata o martes 24. O diñeiro recadado destínase aos dous proxectos que a Delegación de Mans Unidas Lugo financia este ano en Honduras e Zambia.

O grupo de persoas maiores da Parroquia de Santiago A Nova (Lugo) abriu o 7 de maio o Mercado solidario de manualidades e produtos ecolóxicos, que permanece aberto tamén esta semana. A recadación irá destinada aos pobres. O grupo de maiores da Nova aproveita esta ocasión para facer chegar a súa gratitude a cantas persoas veñen apoiando este fin solidario. A exposición e venda está situada na sancristía da parroquia, a carón de Correos na rúa San Pedro, de Lugo.

Mercado solidario A Nova

Relación de premiados no III Concurso de Fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso”

Concurso fotografía

O 18 de maio, o xurado do III Concurso de Fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso” en Lugo acordaron por unanimidade conceder os seguintes premios:

Este concurso, está organizado dentro dos actos do V Encontro Eucarístico Lucense que comezará o vindeiro xoves, día 26 de maio e que pretende resaltar o valor da Eucaristía en Lugo, a cidade do Sacramento.

1. Apartado Patrimonio Relixioso

– Primeiro premio, dotado con setecentos cincuenta euros e trofeo, á fotografía ”Puerta de herrería” de Óscar Abelleira Ferreirós.

– Segundo premio e trofeo dotado con catrocentos euros á fotografía “Coro” de Peperei.

2. Apartado Eucaristía en Lugo.

– Primeiro premio, dotado con setecentos cincuenta euros e trofeo, á fotografía “A luz de Cristo” de Ana Criado Sánchez.

– Segundo premio, dotado con catrocentos euros e trofeo, á fotografía “Eucaristía en branco e negro” de Alejandro Buján Lorenzo.

Os premios entregaranse o día 28 de maio ás 12.30 h no salón de actos do Seminario diocesano de Lugo. As fotografías premiadas, así como unha selección de todas as recibidas, expoñeranse durante un mes neste centro.

Con este concurso, o Centro Eucarístico Lucense invita a artistas, profesionais ou afeccionados á fotografía, a fixarse no rico patrimonio cristián e eucarístico da nosa terra. Os organizadores agradecen a gran acollida prestada a esta iniciativa.

Concerto benéfico organizado por Mans Unidas Lugo

5 MAIO DÍA 22 CONCERTO MANS UNIDAS - copia

O vindeiro domingo día 22 de maio de 2016, ás oito da tarde, no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, celebrarase un concerto benéfico. Actuarán a Banda Municipal de Lugo, dirixida por Rosendo Ivorra Jover, e o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Manuel Fernández Mosquera.

As entradas poden adquirirse no local de Mans Unidas (rúa da Cruz, 1 B, 1º9 de 11 a 13 horas, teléfono 982 25 55 67; ou no propio Círculo das Artes desde unha hora antes do concerto. Todo o diñeiro recaudado cos 5 euros de donativo que custa cada unha, será destinado aos dous proxectos que a Delegación de Mans Unidas Lugo financia este ano en Honduras e Zambia.

A %d blogueros les gusta esto: