Hoc hic Misterium…

Carolina Casal
Carolina Casal

Pois si, é todo un misterio para moitos galegos e galegas, como se amosou estes días, o feito da Ofrenda do Reino da Galiza. Non mentirei, incluso para min unha muller que leva á Galiza da cabeza, no corazón e o que é máis importante, que a “ceiva” pola lingua, foi toda unha sorpresa cando recen chegada a Lugo me atopei de fronte cuns símbolos, os das armas desta terra asociados xa á memoria colectiva deste país, e cun acto tan singular de afirmación nacional e, tamén, de afirmación eucarística.

O certo é que eu non son unha experta no tema, quen me coñece sabe que eu investigo sobre o código do símbolo, sobre a imaxe e o que hai detrás dela nos “colosos” e nas pequenas igrexas esquecidas do Románico galego; mais, o feito diferencial atopado na Catedral de Lugo, a memoria colectiva deste meu pobo e a singular Ofrenda identitaria, leváronme por curiosidade e por realidade afondar nunha parte da nosa historia.

O feito en si, a Ofrenda ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo, comeza en 1669 nun momento no que a Catedral achábase na miseria económica, cousa que foi o leave motive na historia desta casa. Chamada a ofrenda dos “1.500 ducados”, esta imitaba a que por parte do Estado se levaba a cabo aos pes da imaxe de Santiago en Compostela, e ámbalas dúas supuñan unha axuda ao culto dos altares maiores destas catedrais. Mais en Lugo fundamentouse coma un acto de identidade propia.

Escudo LugoO cáliz, símbolo do banquete eucarístico e fonte de vida e saber, aparece por primeira vez como emblema das armas do Reino no manuscrito inglés de Segar’s Roll, copilado cara 1282. Para uns derivado das antigas lendas e para outros pura invención ou ocasión, ao coincidir fonéticamente GalyceCalice e presentarse como un símbolo dun reino sen armas, para min –unha medievalista- é canto máis que unha casualidade a elección de dito símbolo nun momento no que o Espírito Xacobeo chegaba aos confíns da Europa medieval. Dita elección, feita por un inglés, ben puido deberse ao ambiente que se respiraba na Europa do século XIII, no que a Presenza Real de Cristo na Eucaristía, sentir continuado da seo lucense e simbolizado no copo, estaba a ser negada por cátaros e valdenses.

Así é como o símbolo da “Magna celebratione divinitatis ibidem divinitus inspirata”, expresión empregada pola raiña Urraca en 1107, e sobre o que “… nocturnis ac diurnis temporibus ministeria celebrant divina” en Lugo, como indican en 1130 os condes Gutierre e Toda, convértese non só no emblema do Cabido lucense, tamén das armas da cidade e no brasón da Galiza. En realidade, e coma indica Pardo de Guevara, os emblemas heráldicos –as armas- no primeiro momento non foron máis que signos persoais de carácter fundamentalmente ornamental, é a historia a que lles fixo adquirir o valor de signos da individualidade persoal ou colectiva, como neste caso.

Completado posteriormente con sete cruces correspondentes ás sete antigas provincias desta terra e representadas na Ofrenda ao Santísimo polos seus alcaldes e alcaldesas, a heráldica cobra vida en Lugo e o pobo reafirma a súa identidade.

Carolina Casal Chico

Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento 2015

Altar concelebrantes

Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio:

“O misterio eucarístico sitúa ao cristián no corazón mesmo da historia e comprométeo a asumir a responsabilidade de construír un mundo novo a través da civilización do amor que nos esixe xustiza e conciencia solidaria a favor dos que sofren carencias materiais e espirituais. ”

Ás 12 da mañá do 14 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que se vén celebrando desde 1669, acto que pon fin ás celebracións do Corpus na nosa cidade.

O Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio presidiu a Eucaristía na que concelebraron:

O Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet;

O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro;

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco;

O Bispo auxiliar de Santiago, Mons. Jesús Fernández González;

O Bispo de Astorga, Mons. Camilo Lorenzo;

O Administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol, Rvdo. Sr. D. Antonio Basanta,

así como membros do cabido de Lugo.

Acompañaron á delegada rexia, alcaldesa de Mondoñedo, os representantes dalgunha das cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.

Na contestación á Ofrenda, o arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio comezou a súa homilía lembrando que hoxe en Lugo estamos “Seguindo unha tradición secular, profundamente arraigada no sentir relixioso e espiritual da comunidade galega” (…)  “Contemplamos nesta solemnidade a marabilla da presenza real e verdadeira de Cristo na Eucaristía, recordando como esta forma parte das raíces da nosa comunidade e da nosa vida; e pedindo que se vaia consolidando o proxecto de Deus na nosa historia”.

Continuou a súa intervención dicindo que “Compartir o pan da Eucaristía comprométenos a configurar a sociedade respectando a lei santa de Deus reflectida na lei natural e na recta razón, que mostra ao home o camiño a seguir para obrar o ben e alcanzar o seu fin”. E recordou que “a indiferenza relixiosa, o esquecemento de Deus, a lixeireza con que se cuestiona a súa existencia, a despreocupación polas cuestións fundamentais sobre a orixe e destino transcendente do ser humano non deixan de ter influencia no talante persoal e no comportamento moral e social do individuo… Certamente o home pode organizar a terra sen Deus, pero á fin e ao cabo, sen Deus non pode menos que organizala contra o home”.

Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo.

Carroza ultima cea ante a Catedral

[Ver texto da Ofrenda e texto da homilía]

 

Nota dos bispos de Galicia ante a Ofrenda ao Santísimo en Lugo

NOTA DOS BISPOS DA PROVINCIA ECLESIÁSTICA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA CON OCASIÓN DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA
AO SANTÍSIMO SACRAMENTO

A antiga tradición da Ofrenda das sete cidades do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento en Lugo foi posta en cuestión radicalmente nestes días. Xerouse un debate sobre a lexitimidade desta tradición nunha sociedade democrática en nome da “laicidade” do Estado, tal como a entenden algúns grupos ou partidos políticos.
A obxección non afecta só ao sentido deste xesto concreto tan significativo na nosa terra, senón que se refire á relación entre as nosas institucións políticas e a vida dunha sociedade libre, da que forma parte e é tamén expresión a Igrexa. Por iso, parece moi conveniente tomar en consideración con calma estes argumentos, en primeiro lugar para intentar comprender mellor o sentido deste xesto que se celebra en Lugo, e logo para evitar extraer conclusións que poderían ser erróneas.

A “laicidade” do Estado significa que este, nos seus responsables e institucións, non fai propia ningunha ideoloxía (ateísmo, por exemplo) ou relixión, nin polo tanto, as impón á sociedade; senón que, ao contrario, afirma o respecto e a promoción da liberdade e dos dereitos dos cidadáns, tanto na súa vida individual como comunitaria.
Polo tanto, a “laicidade” do Estado respecta e promove a variedade de conviccións existentes na sociedade. Esta, por definición, non será nunca “laica”; pois as persoas non poden ser neutras, carentes dalgunha forma de comprensión do mundo, de conviccións crentes, ideolóxicas ou relixiosas.
Noutros termos, as institucións do Estado, que non profesan unha fe determinada, sábense en cambio ao servizo dunha sociedade que sempre profesa algunha. Isto foi ben expresado no art.º 16 da nosa Constitución, que defende a liberdade de todos afirmando a non confesionalidade do Estado e, igualmente, comprende o valor da relación cunha parte tan significativa na nosa sociedade como é a Igrexa católica.
A “laicidade” do Estado sería destruída, non obstante, se se intentase facer das institucións políticas instrumento para a imposición da propia ideoloxía ou relixión á sociedade, ao pobo ao que se ha de servir.
O caso da Ofrenda ponnos ante unha tradición con moi profundas raíces na historia do noso pobo; máis aínda, é o único xesto público que aínda se refire ao Antigo Reino de Galicia. Responde evidentemente á nosa cultura e relixión de séculos, que hoxe segue viva en moitos galegos.
A “laicidade” do Estado non pode consistir en negar a relevancia pública deste xesto tan propio de Galicia, só polo feito da súa forma cristiá. Non corresponde ao Estado excluír aos cristiáns e ás súas celebracións do ámbito público e reducilos ao privado.
En efecto, a Ofrenda non é unha parte da actividade propia das “institucións políticas”, senón da vida pública da nosa sociedade, sen dúbida moito máis ampla que a puramente política. Por iso, esta Ofrenda podería non celebrarse, se perdese o seu humus vital na sociedade galega. Pero hoxe en día, non obstante, a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é un xesto cargado de significado; segue viva, como a tradición cristiá en Galicia.
O representante político non acode a un acto semellante como persoa privada, para expresar as súas conviccións ideolóxicas persoais, senón na súa específica función pública, precisamente a causa da “laicidade” das institucións, que recoñecen o valor dun xesto tan expresivo da vida do noso pobo.
Por outra parte, esta Ofrenda ten a peculiaridade de que se realiza en Lugo; e iso contribúe de modo moi significativo á percepción da historia da Galicia real, plural, con varios centros de referencia, que é moi necesario ter en conta hoxe.
A Ofrenda pon de manifesto o significado na historia galega das sete cidades do Antigo Reino, Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Polo que, para a cidade lucense, e en medidas diversas para as outras, a posta en cuestión da Ofrenda supón un menoscabo importante da súa identidade mesma.
Máis alá das circunstancias particulares deste ano, confiamos en que esta tradición da Ofrenda ao Santísimo seguirá estando viva, facendo palpable a identidade que expresa o escudo galego mesmo: a pluralidade das sete cruces que rodean o símbolo daquela fe coa que os nosos pais construíron Galicia durante moitas xeracións.
A “laicidade” que caracteriza o noso Estado non o impedirá, porque está destinada precisamente a garantir o respecto e a promoción da liberdade do seu pobo, e, en primeiro lugar, o respecto ás súas conviccións máis fondas, á súa fe, expresada privada ou publicamente.
Todos os galegos poden sentirse invitados a participar nesta celebración, na que se expresa a súa historia e a súa identidade, e na que cada un e cada cidade teñen un lugar propio.

+ Julián Barrio Barrio, Arcebispo de Santiago
+ Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo
+Luis Quinteiro Fiuza, Bispo de Tui-Vigo
+ Leonardo Lemos Montanet, Bispo de Ourense
+ Jesús Fernández González, Bispo Auxiliar de Santiago
+ José Diéguez Reboredo, Bispo Emérito de Tui-Vigo

Campaña en Lugo de Misioneiros Segrares Vicencianos para montar unha emisora de radio en Honduras

Ana misioneira vicentina laica en Honduras
Ana López

Misioneiros Segrares Vicencianos teñen o proxecto de montar unha pequena emisora de radio na comunidade de Barra Patuca (en Honduras). Ana López é a misioneira laica que se vai encargar deste proxecto. É natural de Lugo, cidade na que está estes días e pode contactarse con ela a través da Delegación de Misións (praza de Santa María, Lugo)

A comunidade de Barra Patuca, pola súa situación xeográfica vive nun illamento case total e de gran pobreza, o que acentúa os problemas de saúde, educación etc. Por iso crear unha pequena emisora de radio será un importante instrumento para o desenvolvemento desa comunidade. Coa creación dunha radio, lograráse un importante espazo de lecer e educativo, mellorando así a calidade de vida dos seus habitantes.

Solicítase axuda tanto económica como a doazón de equipos de son ou calquera material que se lles poida facilitar.

[Ver proxecto]

Actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

Os actos que se levarán a cabo con motivo da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento son os seguintes:

Sábado, 13 de xuño

Solemnes Vésperas na Catedral de Lugo ás 20 h con asistencia da Corporación Municipal lucense, Cabido catedralicio e Delegado Rexio.

Domingo, 14 de xuño

Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo ás 12 h

Solemne Concelebración Eucarística presidida polo arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio, que recibirá a Ofrenda, e a delegada oferente será a alcaldesa da cidade de Mondoñedo, Elena Candia.

Desenvolvemento da Ofrenda:

As autoridades civís situaranse no lugar reservado na Catedral (o coro) ocupando o primeiro lugar o delegado rexio, e á beira o resto dos alcaldes- ou os seus representantes- das restantes cidades que configuraban o Antigo Reino de Galicia.

Iniciada a celebración e tralo credo litúrxico ten lugar o acto da Ofrenda, no que a delegado rexia (alcaldesa de Mondoñedo) acompañada de dous clérigos e ante os restantes alcaldes, diríxese ao altar e pronuncia solemnemente os votos.

O Bispo da Diocese da cidade que presenta a Ofrenda (o Arcebispo de Santiago) dará resposta ao voto pronunciado polo delegado.

Tralo acto da Ofrenda a celebración eucarística continuará do xeito habitual.

A %d blogueros les gusta esto: