Os Centros de Orientación Familiar diocesanos de Galicia aúnan esforzos

Centro Orientación Familiar Lugo

O pasado martes día 9 de xullo, os Directores dos COF’s existentes nas dioceses galegas, Santiago, Lugo e Ourense, reuníronse para iniciar un camiño común. O lugar escollido foron os salóns parroquias de Silleda. O obxectivo era coñecerse, e tomar contacto de cara a unha coordinación, axuda mutua, derivación e formación común. Foi un encontro distentido e agradable. Estiveron por Santiago, D. Luis García Bernadal; por Ourense, D. Carlos González Prieto, e por Lugo o Director do COF Diocesano, D. Martiño Rodríguez-González. Espérase que desta colaboración poida haber máis capacidade aínda para servir ás familias das igrexas locais e no territorio onde elas camiñan. 

 O COF de Lugo está na rúa Ángel López Pérez, 12, local J

XII Campamento Monagos de Galicia

monagos-galicia 2013

As Delegacións de Pastoral Vocacional de Galicia organizan en Porto do Son o XII Campamento Monagos de Galicia.

Será do 12 ao 18 de xullo para nenos e nenas que participen habitualmente nas actividades das parroquias.

De cada Diocese galega poden ir ata 20 rapaces.

En San Xurxo de Piquín celebraron o remate das obras de restauración

Igrexa de san Xurxo de Ribeira de Piquín

O Bispo da Diocese de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidiu unha Eucaristía na igrexa de San Xurxo, en Ribeira de Piquín. Tratábase de celebrar os traballos de restauración que se levaron a cabo nos últimos anos.

Nos anos 1960 fixérase a  anterior actuación de relevancia na igrexa. Desde entón, só se reparara a cuberta.

Polo ano 2006 nacía a Asociación de Amigos da Parroquia de San Xurxo, en Ribeira de Piquín, co único fin de lograr os fondos necesarios para restaurar a súa igrexa, unha edificación neoclásica de 1782. A entidade está formada por máis de cen socios, a metade deles residentes fóra do municipio.

Ao longo de 2009 Blanca Besteiro restaurou o altar maior, presidido pola Virxe de Guadalupe, patroa da parroquia, e San Xurxo, no alto. Despois actuou sobre o retablo da Virxe do Carme e sobre unha pintura sobre cobre da virxe de Guadalupe, valiosa peza. Para a mellora dos altares de San Roque, a Dolorosa e o Rosario o Bispado de Lugo achegou 12.000 euros. Tamén se renovaron o chan de madeira e os bancos.

Miguel Ángel Álvarez: O verán, tempo para Deus

viñeta Deus vacacións

Estamos en disposición de gozar duns días de vacacións, ou, polo menos, de cambiar un pouco de estilo de vida, con menos présas e máis tranquilidade, mesmo, con máis optimismo.

E como sempre, independentemente do sol, da temperatura, do mes do ano en que vivamos, de se temos ou non vacacións… Deus sempre será o mesmo e sempre estará nos mesmos lugares onde o atopamos habitualmente. Xa o sabemos, Deus non pasa nunca.

Na tranquilidade duns días distintos, como son os do verán, temos unha boa ocasión para atoparnos con Deus, para falarlle, para escoitalo, para estar con El sen présas, gozando do momento e da súa compañía infinita.

Por suposto que non se entende que no verán poñamos de vacacións a nosa fe e a asistencia á misa dominical. Se durante estes meses non alimentamos a nosa vida espiritual, cando volvamos en setembro, atoparémola morta de fame. E, no canto de empezar un novo curso con alegría, farémolo coa tristeza que provoca que algo moi noso morrese.

Todo o bo vén de Deus, tamén o verán e as vacacións. Non o abandonemos durante este tempo.

Editorial El Espejo de la Iglesia – Cope Lugo

Concluíu a peregrinación diocesana a Lourdes

Hospitalidade Diocesana de Lourdes

Na peregrinación diocesana a Lourdes (1-5 de xullo) participaron un total de 642 peregrinos, acompañados de 28 sacerdotes e os 18 compoñentes da Xunta Directiva da Hospitalidade, que viaxaron en doce autobuses. Os peregrinos participantes eran: enfermos, persoal sanitario, hospitalarios e peregrinos, todos eles socios desta Hospitalidade diocesana.

Convén destacar a nutrida representación xuvenil que acompañou este ano a peregrinación, composta por 23 nenos e mozos. A peregrinación lucense foi a máis numerosa de todas cantas acudiron a Lourdes ao longo da primeira semana de xullo e unha das poucas que non suspenderon a súa viaxe, debido aos gravísimos danos ocasionados durante as recentes inundacións, que manteñen pechadas ou a medio uso boa parte das súas igrexas e instalacións, así como numerosos hoteis da localidade.

A peregrinación estivo presidida polo novo Vicario Xeral da Diocese de Lugo, D. José Mario Vázquez Carballo.

A %d blogueros les gusta esto: