Proxecto solidario da Parroquia San Antonio de Padua, Lugo

Caritas Parroquial de San Antonio de Padua de Lugo ten en proxecto a construción dun galiñeiro artesanal para unhas 20 galiñas. Este galiñeiro estará situado nun terreo situado en Santiago de Saamasas, nunha eira pertencente á casa de Domingo de Souto que a cede para tal fin.

OBXECTIVOS

1. Xerar recursos para a axuda solidaria ás persoas necesitadas da contorna da Parroquia.

2. Divulgar a acción solidaria que se realiza desde a Parroquia de San Antonio de Padua de Lugo.

3. Estimular iniciativas en beneficio dos desempregados e persoas que viven en precario.

4. Crear un espazo orixinal de encontro e integración para persoas que reciben axuda, no que se fomenten valores como o respecto e o esforzo.

5. Construír utilizando materiais reciclados, na medida do posible.

6. Recuperar os traballos e costumes tradicionais do mundo rural galego como medio para xerar recursos materiais e en especie.

7. Involucrar na construción do galiñeiro ao alumnado do centro escolar máis próximo.

8. Dar a coñecer este proxecto a través da venda dos ovos no mercado local ou noutro lugar adecuado.

REALIZACIÓN

Para levar a cabo este proxecto cóntase cun deseño elaborado polo alumnado do colexio Divino Mestre de Lugo. Así os estudantes coñecen de primeira man e participan activamente neste proxecto solidario. A realización concreta será os meses de setembro e outubro do presente ano 2017.

ORZAMENTO

Calcúlase un investimento total de 1000 euros.

DIVULGACIÓN

O proxecto vincúlase a un reto persoal que se levará a cabo a partir do 17 de xuño de 2017: completar en bici o Camiño de Santiago desde a cidade de Roma. Tres membros do Club Ciclista Melidense unirán dúas cidades emblemáticas, tanto pola súa historia como pola súa influencia social e cultural en occidente. Ademais, son dous destinos únicos de peregrinación. Os membros do club ciclista divulgarán a iniciativa solidaria da Parroquia de San Antonio a través dos seus contactos nas redes sociais.

Leave a Comment

%d bloggers like this: