Carta dos bispos de Galicia na Xornada Interdiocesana de Ensino Relixioso Escolar 2016

Clase de relixión

Queridos pais:

Durante estas semanas estades a tramitar a matrícula escolar para o próximo curso. O voso dereito como pais exprésase de maneira singular na educación que queredes para os vosos fillos. Para eles queredes un ensino de calidade na que profesores ben formados e competentes, provistos dos medios materiais adecuados, fagan posible aos vosos fillos o desenvolvemento integral de todas as dimensións da persoa, incluído o valor humanizador e transcendente do relixioso como horizonte de verdade, de esperanza e de liberdade.

O Ensino Relixioso non é un privilexio da Igrexa senón, ante todo, un dereito e unha responsabilidade vosa, dos pais e nais de familia: os vosos fillos han de recibir a educación relixiosa que corresponde ás vosas conviccións, de acordo coa liberdade de ensino e a liberdade relixiosa que recoñece a vixente Constitución española.

O ensino da relixión non é unha catequese escolar. Está presente na escola para procurar que os alumnos coñezan a súa propia tradición cultural, neste caso de raizame cristián, e realicen un estudo razoable dos seus contidos principais e da súa historia, coas súas implicacións éticas e sociais. É parte imprescindible dunha educación que queira lograr unha formación integral, unha inserción persoal e libre, construtiva na sociedade.

Ten moita importancia que todos os que interveñen na tarefa educativa, sen ceder ao prexuízo laicista, asuman a presenza do ensino relixioso como unha materia propia e rigorosamente escolar, equiparable ás demais materias nos seus obxectivos, no rigor científico dos seus contidos e no carácter formativo dos seus métodos. Sería desexable igualmente que o marco escolar da materia de Relixión quedase á marxe da oportunidade política.

Por iso, convidámosvos como pais cristiáns a inscribir aos vosos fillos na materia de Relixión Católica, como expresión do voso compromiso educativo e crente. Esta colaboración vosa será imprescindible para que a escola sirva realmente á formación integral da persoa.

Co noso agradecemento e alento aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor, Mestre que nos dá vida e sostén na esperanza.

+ Julián Barrio Barrio, Arcebispo de Santiago

+ Luis Quinteiro Fiuza, Bispo de Tui-Vigo

+ Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo

+ Leonardo Lemos Montanet, Bispo de Ourense

+ Luís Ángel de las Heras Berzal, cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol

+ Jesús Fernández González, Bispo Auxiliar de Santiago

IV Congreso de Educadores Católicos

Copia de IV Congreso educadores cartel

Co lema Educar para ser felices, o 3 de maio no Gran Hotel Lugo celebrarase o IV Congreso de Educadores Católicos, organizado polas Delegacións Diocesanas de Ensino e de Pastoral Universitaria. O programa é o seguinte:

– 10:30 Saúdo de benvida e oración
– 11:00 Influencia da ideoloxía de xénero na educación, por D. Benigno Blanco Rodríguez, Presidente do Foro Español da Familia. Avogado de Profesión
– 12:00 Descanso

– 12:30 Mesa redonda: Experiencias Educativas

 Proxecto Educativo dun colexio singular, historia e actualidade, Dna. Enyd Fernández López, Directora do Colexio Ferroviario de Monforte de Lemos

 Apuntes sobre o labor educativo de Cáritas-Lugo. 50 anos de historia Dna. Ana María Veiga González, do Programa de Infancia e Xuventude de Cáritas

 A ilusión polo educación dun sacerdote singular. D. Vidal López Ferreiro. O proxecto educativo do Colexio María Inmaculada. Historia e actualidade. D. Luis Fernández Eiré, Director do Colexio María Inmaculada de Silleda

– 14:00 Xantar
– 16:00 Sobremesa Máxica con Nacho
– 16:30 Homenaxe a educadores ilustres
– 17:00 Clausura a cargo do Xefe territorial da Consellería de Educación en Lugo, D. José Ramos Ledo e do Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco 

A %d blogueros les gusta esto: