Grupo de apoio para nais traballadoras

Grupo xuntas logo

A Fundación Centro de Orientación Familiar Diocesano (COF) organiza un grupo de apoio para nais traballadoras, con algún fillo/a en idade escolar (2-14 anos) e con pouca ou ningunha axuda por parte da súa parella ou familiares (pais, irmáns, etc.), por diversas circunstancias: separación ou divorcio, distancia coa familia de orixe, falecemento da parella…

Ofrécese o seguinte:

– Acollida e apoio mutuo.

– Ser escoitada por outras persoas que comparten unha situación semellante.

– Un espazo de crecemento persoal (recursos compartidos, aprendizaxe recíproca, etc).

– Un banco de tempo. A posibilidade de ofrecer libremente un tempo persoal ao servizo doutras nais do grupo.

– Apoio do COF (gabinete psicolóxico, cursos, avogados…)

– Propostas de lecer conxunto e actividades organizadas.

Participar no grupo implica aceptar certos compromisos: respecto ás demais persoas do grupo, honestidade, sinceridade, liberdade.

Calquera persoa pode deixar de participar no grupo en calquera momento. Todo o que ofrece este grupo de apoio (atención aos fillos, etc.) é gratuito.

As reunións serán cada 3 semanas, os xoves pola tarde, de 19.00 a 20.30h. O primeiro xoves sería o 2 de xuño, logo 23 de xuño e 14 de xullo. A partir do 14 habería vacacións e comezaríase de novo en setembro. Realizaranse no Colexio Maristas de Lugo (Avda. Alcalde Anxo López Perez, 2 Lugo).

O grupo está coordinado polo Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo. As persoas responsables do grupo son Martiño Rodríguez (Psicólogo, Director do COF Diocesano) e Teresa Botana (Relixiosa, Serva de San Xosé).

[Máis información]

Corpus Christi

porta norte catedral

A fachada Norte da nosa Catedral é testemuño vivo, co seu excelente capitel pendurado, do antiquísimo e singular privilexio eucarístico que fai de Lugo A Cidade do Sacramento. Alí móstrase, para a contemplación dos lucenses e de quen nos visitan, con beleza extraordinaria, a Última Cea esculpida. É como un preanuncio no exterior da Catedral, do gran misterio eucarístico que se venera no interior, na Capela Maior. Sen dúbida, e nisto están de acordo os estudosos do tema, que na Eucarística Igrexa Lucense, por unhas razóns concretas que aínda ignoramos, e nun tempo tamén concreto, o culto eucarístico aquí foi especial e a exposición converteuse en permanente. Segundo os nosos insignes sacerdotes diocesanos D. Francisco Vázquez Saco e D. Jaime Delgado Gómez, “na Igrexa Lucense puido iniciarse xa o culto eucarístico fóra da Misa, cara a finais do século XI”. Este argumento defendeuno por primeira vez D. Francisco Váquez Saco a partir dun famoso texto nun diploma da raíña Dona Urraca e que está datado no 21 de xaneiro de 1107 referíndose a que na nosa Catedral “celébrase con magnificencia á Divinidade, por inspiración do mesmo Deus” (Cf. Jaime Delgado Gómez, “La eucaristía en Lugo y en el arte lucense”, Lvcensia 31, 288-289).

Na historia da Igrexa, a festividade do Corpus xorde máis tardíamente. Aparece no século XIII como reacción contra as herexías que negaban a presenza real de Cristo na Eucaristía e pola forte reacción do pobo cristián. É entón cando comeza a práctica da elevación logo da consagración e cando se define, no IV Concilio de Letrán, a fe da Igrexa na presenza real. Con posterioridad, no ano 1264, institúese para toda a Igrexa a festa do Corpus Christi e, pouco despois, Santo Tomé de Aquino compón os famosos himnos eucarísticos: Pange lingua, Tantum ergo, Lauda Sion Salvatorem…; nacía así, a gran tradición eucarística que hoxe perdura en tantos pobos, cidades españolas e en todo o mundo: as alfombras de flores, as procesións, as carrozas, e entre outros obxectos do enxoval eucarístico, as belas custodias, auténticas xoias e obras de arte para expoñer o Santísimo e portar o pan consagrado nas procesións.

Desde o punto de vista do compromiso que emana da fe, desta importante festa, temos que destacar dúas cousas: en primeiro lugar a afirmación explícita de que a fe cristiá debe facerse presente e expresarse tamén nas rúas, é dicir, nos ámbitos por onde circula a existencia humana e se desenvolve a vida cotiá. E, en segundo lugar, a celebración de Cáritas, o día da caridade, porque a fe na Eucaristía, na entrega do Amor Primeiro ata o extremo, debe levar aos cristiáns a vivir esa mesma entrega do Señor e a ser solidarios cos nosos irmáns máis pobres e necesitados. E aquí tocamos un aspecto central do Corpus, que a celebración da Eucaristía con gran recollemento e reverencia e a afirmación da presenza real de Cristo, debe repercutir nas nosas vidas, no noso compromiso pola unidade e traducirse en formas de caridade. Xa san Cipriano preguntaba: Cres que celebras o sacrificio do Señor, ti que non miras para nada a caixa das esmolas, que vés á celebración dominical sen ofrenda, que tomas parte da ofrenda que trae o pobre?

Hoxe, máis que nunca, un mundo famento de pan e xustiza, desencantado, que se cre equivocadamente satisfeito co insulso materialismo, ten necesidade de saber e de saborear o único Pan que pode salvar e que dá a vida: O Corpus Christi.

Mario Vázquez Carballo

Solemnidade do Corpus Christi

Corpus Christi 2016

Centos de fieis asistiron o 29 de maio á celebración do Corpus Christi na Catedral.

Acompañaron a celebración o Orfeón Lucense, o coro Solo Voces, e a Banda Filharmónica de Lugo.

Logo da eucaristía, as autoridades, movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias, colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese e fieis participaron na procesión de Corpus polas rúas da cidade. Tamén asistiron nenos de Primeira Comuñón. Durante o percorrido o Grupo Tradicional “Os Xílgaros de Lugo” dirixido por Óscar Pérez e o grupo de baile tradicional de “Espazo Artístico 10”, dirixido por Xabier Iglesias, interpretaron danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento.

Na súa homilía, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, recalcou o especial significado que a festa do Corpus Christi ten na nosa cidade e na nosa Diocese: “Ante o Santísimo Sacramento expresamos a conciencia que temos de nós mesmos, da nosa fe e da nosa identidade”.

“Ao instituir a Eucaristía, – continuou Mons. Alfonso- o Señor non só nos di que morrerá na cruz e resucitará por nós e pola nosa salvación; senón que tamén se nos dá El mesmo como alimento, como pan de vida (…) O sacramento da Eucaristía significa que o Señor sálvanos conseguindo que a súa vida e o seu amor entren tamén no noso corazón, que lata ao unísono co seu, que recibamos o seu Espírito. Sálvanos restaurando a nosa responsabilidade e a nosa dignidade”.

Nesta festa do Corpus, que celebramos con toda solemnidade e na que honramos o Corpo de Cristo expresamos e “afirmamos que o seu amor é a nosa esperanza, que esta amizade única que El establece no mundo é o camiño da vida e da verdade. E polo tanto confiamos na grandeza deste don eucarístico para renovar a nosa persoa, a nosa relación co próximo e con todo o mundo. (…) Coa súa vida entregada o Señor maniféstanos que todo o meu é voso, como todo o voso é meu. Tamén as vosas penas e a vosa morte é miña; como o meu amor, o amor inmortal de Deus que alenta no meu corazón, a miña vida resucitada é vosa”

Terminou a súa homilía recordando que o Corpus é tamén a festa de Cáritas: “Non esquezamos nunca como o Señor nos amou, contemplémolo sempre no Santísimo Sacramento; para poder amarnos tamén así os uns aos outros. Non esconderemos entón o rostro ante o sufrimento, recoñeceremos as necesidades e as miserias, os nosos propios pecados, practicaremos a xustiza; movidos íntimamente por este sacramento da unidade, da caridade e da paz”.

Corpus Christi 2016 a

Primeiros actos do V Encontro Eucarístico Lucense

Adoración eucarística en Antas de Ulla
Adoración eucarística en Antas de Ulla

O xoves 26 de maio iniciáronse os actos do V Encontro Eucarístico Lucense en Antas de Ulla, onde ás 19:30 h houbo unha adoración eucarística dirixida polo Vicario para a Nova Evanxelización da Diocese de Ourense Francisco José Prieto.

O mesmo día ás 20h na Catedral celebrouse o Xoves Eucarístico, con Eucaristía e procesió

O venres 27 maio na Catedral ás 20:45h primeiro concerto do III Festival Internacional de Órgano –Adoro te devote”- con Jean-Christophe Geiser, organista da Catedral de Lausanne e un dos mellores organistas europeos. Será un repertorio espectacular tanto pola calidade como pola facilidade para escoitar para xente que non estea familiarizada con este tipo de música.

Carta pastoral do señor Bispo con motivo do Corpus Christi

corpus_2016

Queridos irmáns,

Este último Domingo do mes de maio celebramos a gran Festa do Corpus Christi, no corazón do Ano Xubilar da Misericordia, que comezou o pasado 8 de decembro e clausurarase o próximo 20 de Novembro, festividade de “Cristo Rei do Universo”. A convocatoria deste ano xubilar na Bula Misericordiae Vultus facíanos volver a mirada ao Señor Xesús:

Xesucristo é o rostro da misericordia do Pai. O misterio da fe cristiá parece atopar a súa síntese nesta palabra.

Confesar con fe firme o misterio da fe”, honrar de corazón a presenza de Xesús Sacramentado convídanos a confiar e celebrar a súa misericordia, na que se fundamenta a nosa existencia e que orienta o noso obrar.

A procesión do Corpus é unha manifestación solemne desta certeza nosa polas  rúas dos nosos pobos e cidades: non podemos construír a nosa convivencia sobre a base do egoísmo, da loita polo poder e polo diñeiro. Coñecer a Misericordia, que Cristo trae definitivamente ao mundo, renova a vida de cada un e é o principio dunha cultura diversa, desexosa de xustiza e atenta ao próximo, cercana a todo necesitado.

De feito, a misericordia, con todas as súas obras, ás que nos convida con insistencia o Papa Francisco, está presente desde sempre no noso pobo cristián, na práctica cotiá dos membros da Igrexa de moitas maneiras. Porque a misericordia xera unha nova maneira de ser, unha experiencia humana movida pola esperanza e a caridade ante todos os desafíos da vida, aínda que as súas obras se realicen xeralmente de modo silencioso, segundo as palabras evanxélicas de que “a túa man dereita non saiba o que fai a esquerda” (Mt. 6, 3).

Tamén de modo silencioso, pero elocuente, séguenos falando este “sacramento” do Corpus Christi. No pan consagrado ofrécesenos toda a misericordia do Señor, que fai súas as nosas necesidades e miserias, e apórtanos remedio: pola Eucaristía únenos a El, fainos participar da súa vida e do seu amor, a nós que estamos necesitados de verdade e de xustiza, de deixar atrás o pecado e a mentira, que desexamos liberar a nosa vida da soidade e o abandono, da destrución e da morte.

Nesta festa do Corpus, unha vez máis, alegrémonos por este don inmenso do amor de Deus, acollámolo de corazón para que nos cure e de forma á nosa vida. Así poderemos ser discípulos seus e aprenderemos a vivir segundo a misericordia, a estar á beira especialmente dos irmáns necesitados, dos feridos pola mentira, a violencia ou a inxustiza.

A iso convídanos o Papa Francisco neste ano Xubilar: “É o meu vivo desexo que o pobo cristián reflexione durante o Xubileu sobre as obras de misericordia corporais e espirituais. Será un modo para espertar a nosa conciencia, moitas veces aletargada ante o drama da pobreza, e para entrar aínda máis no corazón do Evanxeo, onde os pobres son os privilexiados da misericordia divina. A predicación de Xesús preséntanos estas obras de misericordia para que podamos darnos conta de se vivimos ou non como discípulos seus.” (Bula Misericordiae vultus, 15).

Ten, pois, moito sentido que realicemos unha colecta especial a favor de Caritas neste día de Corpus. É un xesto que nos convida a unir a oración coa acción, a actuar cos criterios da fe – que creu na misericordia de Deus – non só nas nosas casas, senón tamén ante os desafíos da vida social e política, na vida privada e na pública. Esta é realmente unha posibilidade cotiá, á que todos estamos chamados, como nos lembra o lema da campaña deste ano: “Practica a xustiza, deixa a túa pegada”.

Xesús Sacramentado, presente na Santísima Eucaristía, esperta de novo a nosa esperanza ante a vida, e chámanos a ser protagonistas da nosa historia persoal e social, na construción dunha sociedade máis xusta. Que este ano nos faga especialmente conscientes da prioridade da misericordia, da urxencia das súas obras, e do protagonismo de cada un, da nosa responsabilidade para que na sociedade se recoñeza a dignidade de todos, empezando polos máis pobres e excluídos.

Que esta festa do Corpus sexa un día particular de graza para nós e as nosas familias, que nos faga sentir confortados e sostidos pola forza da misericordia do Señor. Confiemos no seu Amor e alabémolo sempre. El pode facer das nosas persoas e as nosas vidas instrumento seu para ben dos nosos irmáns.

Feliz festa de Corpus Christi!

Lugo, 12 de maio de 2016

+ Alfonso Carrasco Rouco

A %d blogueros les gusta esto: