A familia: alegría para o mundo

Se un pensa en Irlanda, deseguido facémonos á idea dun país católico. A súa historia certamente está marcada por unha relación tal co cristianismo que, negalo, supoñería negar a orixe de devandita nación. San Patricio, San Columbano, Santa Bríxida… Un sinfín de santos que conformaron a súa historia.

E reunímonos alí para celebrar o IX Encontro Mundial das Familias que o Papa convoca cada tres anos. As súas orixes remóntanse a un desexo de San Xoán Paulo II de unirse ao Ano da Familia convocado pola ONU en 1994. O primeiro encontro tivo lugar en Roma.

Iniciouse o encontro cunha oración nas catedrais de todas as diocesis irlandesas. Foron días festivos, marcados polo lema que o Papa propuxo: “O Evanxeo da familia: alegría para o mundo”, cun desexo de reflexionar durante varios días, a partir da exhortación Amoris Laetitia, sobre o que é a familia, a súa vocación e misión.

A beleza deste encontro reside en poder vivir a fe desde a experiencia dunha familia e vivir na Igrexa como a gran familia dos bautizados. Durante o congreso pastoral tivemos a oportunidade de coñecer moitos movementos, métodos de evanxelización e programas que se levan a cabo nos diversos países para falar da vocación ao matrimonio, da vivencia e comunicación na familia, da transmisión da fe, da espiritualidade matrimonial ou a educación dos fillos. Este congreso presentábanos a posibilidade de escoitar experiencias moi distintas pero cun único denominador común: a familia e a fe. “Se a misión da Igrexa é converterse nunha familia, á inversa, a misión da familia é converterse máis e máis en Igrexa”. Estas palabras do Cardeal-Arcebispo de Bombay, Mons. Oswald Grazas, aínda resoan nos nosos corazóns como unha verdade fundamental da nosa vida familiar e eclesial.

Os dous grandes eventos do encontro son o Festival das familias o sábado pola tarde, un momento lúdico-musical referente á cultura nacional e tamén doutros continentes, ademais de contar co testemuño de familias e un discurso do Papa. Xa o domingo celebrouse a Misa de clausura que presidiu o Papa.

Foron días para descubrir como a familia é o Nazaret onde os fillos crecen á fe e maduran na súa experiencia humana; é a pousada onde o Bo Samaritano déixanos para que curen nosas feridas; é a Betania onde un pode descansar e refuxiarse do cansazo existencial; é o Xericó no que somos salvados e invitados a erguernos de novo; é a Xerusalén que, como María cos Apóstolos, ensínanos a non ter medo e a confiar naquel que prometeu estar connosco ata o fin do mundo.

A este encontro engadíaselle a presenza do Papa. Era unha visita importante para o país e alentadora para as familias alí congregadas. O tema dos abusos acaparou parte dos titulares. A Igrexa alí sufriu moito con este tema. Perdón, foi a palabra máis repetida naqueles días. Pero tamén foi a ocasión propicia para volver manifestar a importancia dunha vida de amor, de entrega e de fe nas familias para que elas sexan o xerme dunha Igrexa que estea chea de homes e mulleres que busquen a conversión do corazón e a misericordia de Deus.

Termino cun texto pronunciado polo Papa eses días: “O matrimonio cristián e a vida familiar manifestan toda a súa beleza e atractivo se están ancorados no amor de Deus, que nos creou á súa imaxe, para que podamos darlle gloria como iconos do seu amor e da súa santidade no mundo. Pais e nais, avós e avoas, fillos e netos: todos, todos chamados a atopar a plenitude do amor na familia. A graza de Deus axúdanos todos os días a vivir cun só corazón e unha soa alma” (Discurso en Croke Park).

Nicolás Susena Presas

Vicario parroquial de A Milagrosa, Lugo

Está claro!

As persoas que lemos podemos atopar textos que son clarificadores para un mellor coñecemento da realidade. A continuación transcribo un que podería deixalo como se fose meu, pero considero máis oportuno neste momento facelo como cita literal:

“Salta ós ollos de todos, en primeiro lugar, que nos nosos tempos no só se acumulan riquezas, senón que tamén se acumula unha descomunal e tiránica potencia económica en mans duns poucos, que a maior parte das veces non son donos, senón só custodios e administradores dunha riqueza en depósito, que eles manexan á súa vontade e arbitrio.

Dominio exercido da maneira máis tiránica por aqueles que, tendo nas súas mans o diñeiro e dominando sobre el, apodéranse tamén das finanzas e dominan sobre o crédito, e por esta razón administran, diríase, o sangue do que vive toda a economía e teñen nas súas mans así como a alma da mesma, de tal xeito que ninguén pode nin aínda respirar contra a súa vontade.

Esta acumulación de poder e de recursos, nota case característica da economía contemporánea, é o froito natural da ilimitada liberdade dos competidores, da que sobreviviron só os máis poderosos, o que con frecuencia é tanto como dicir os máis violentos e os máis desprovistos de conciencia.

Tal acumulación de riquezas e de poder orixina, á súa vez, tres tipos de loita: lóitase en primeiro lugar pola hexemonía económica; establécese logo o rudo combate para apoderarse do poder público, para poder abusar da súa influenza e autoridade nos conflitos económicos; finalmente, pugnan entre si os diferentes Estados, xa porque as nacións empregan a súa forza e a súa política para promover cada quen os intereses económicos dos seus súbditos, xa porque tratan de dirimir as controversias políticas xurdidas entre as nacións acudindo ó seu poderío e recursos económicos.

Ultimas consecuencias do espírito individualista na economía son esas que vós mesmos no só estades vendo, senón tamén padecendo: a libre concorrencia destruíuse a si mesma; a ditadura económica apoderouse do mercado libre; por conseguinte, ó desexo do lucro sucedeu a desenfreada ambición de poderío; a economía toda fíxose horrendamente dura, cruel, atroz…”

Este texto téñoo empregado nas miñas actividades en diversos contextos. Cando pregunto quen será o seu autor as respostas son do máis plural e incorrectas. Pouco despois da crise de 2008 e do rescate que se fixo de certas institucións de crédito, dixéronme nalgún claustro de profesores que describía a situación económica tal e como era. Nalgunha exposición formativa que  teño feito, onde había persoas que si tiñan lido o documento do que procede o texto, non lograron recoñecelo.

Isto lémbrame o que lle sucedeu a Guillermo Rovirosa segundo nos contou un gran amigo seu. Rovirosa na metade do século pasado fixera un artigo para unha revista da diocese de Madrid e o censor tacháralle moitas liñas e parágrafos. Cando Rovirosa viu as correccións díxolle que lle acababa de ensinar o moito que lle faltaba para ser fiel ó maxisterio da Igrexa, porque en todo o tachado non había nada do escrito por el, senón que eran afirmacións literais do maxisterio. Entón o censor comentoulle que deberían ir os textos do maxisterio entre comiñas, ó que Rovirosa respondeu que non, pois el quería facer pensamento propio as ensinanzas da Igrexa. Por iso ten lóxica, e non nos debería estrañar, que Guillermo Rovirosa estea hoxe en proceso de beatificación na Igrexa.

Certamente que hoxe tamén moitos cristiáns suprimiriamos o texto que citei antes, porque non o considerariamos concordante coa fe cristiá. De feito non está incluído en diversos programas de formación cristiá. O texto pertence á encíclica Quadragesimo Anno de Pío XI, números 105 – 109. Do texto suprimín as palabras que teñen por finalidade dirixirse ós lectores e personalizalos, e que son: “venerables irmáns e amados fillos” (nº 109), pero que non engaden nada ó contido da citada encíclica papal.

Finalmente, tamén sorprende que este texto non apareza citado por persoas de fóra da Igrexa e que, a min non me cabe dúbida, estarían de acordo cos contidos destas afirmacións do papa Pío XI, ou acaso estou esaxerando?

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A hospitalidade

Xesucristo encárnase na historia nun contexto de inxustiza, de cegueira e de conflito. Así, podía afirmar que o Deus cristián, encarnándose, dándose gratuitamente, redime e practica a xustiza, baléirase de si mesmo e convértese nun de tantos, especialmente nun migrante, pasando por condicións de pobreza, de sufrimento, de persecución e de vulnerabilidade desde unha opción sacrificial e de solidariedade divina.

A fermosa pasaxe bíblica de Mateo 25 preséntanos a Xesús con esta extraordinaria parábola: ”Cando te vimos forasteiro e te acollemos?… Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo” (Mt 25, 38-40). Deste xeito, o Fillo de Deus, Xesús de Nazaret, faise un refuxiado, convértese nun migrante e iso implica que no contacto cos migrantes e refuxiados coñécese mellor, máis de perto, a presenza viva e real do mesmo Deus. En cada un destes máis pequenos é o mesmo Cristo o que está presente. A hospitalidade de Xesús, como nos nosos días, apóiase en sólidos alicerces: acoller no fogar e invitar á mesa; crear espazos de encontro para axudar a sanar, compartir, reconciliar, discernir, celebrar e ser testemuñas de esperanza. As comidas e celebracións son un elemento central na experiencia de Xesús como migrante e peregrino. En moitas ocasións, senta á mesa con pecadores e marxinados por razóns económicas, de saúde, raciais, relixiosas e ata morais. Deste xeito reconfigura as barreiras da puridade aínda a costa do rexeitamento e do escándalo. Algúns teólogos chegan a afirmar que Xesús foi crucificado pola forma en que comía.

En calquera caso, a familia migrante é unha institución privilexiada para a hospitalidade. O papa Francisco así o afirma na recente exhortación apostólica Amoris Laetitia (46): “As migracións representan outro signo dos tempos que hai que afrontar e comprender con toda a carga de consecuencias sobre a vida familiar. A mobilidade humana, que corresponde ao movemento histórico natural dos pobos, pode revelarse unha auténtica riqueza, tanto para a familia que emigra como para o país que a acolle (AL 46).

Por todo iso necesitamos recompoñer as nosas ideas, senón ideoloxías perversas, e aprender a mirar de novo, contemplando a vida exemplar de Cristo, o Mestre, e enfocando, con misericordia e sentido común, a perspectiva especial coa que necesitan ser miradas moitas familias. Refírome en especial ás mulleres e nenos que viven experiencias migratorias dramáticas e devastadoras, sobre todo, cando teñen lugar fóra da legalidade e sostéñenas circuítos internacionais de trata de persoas.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa de Lugo

O vindeiro mércores, 15 de agosto, a Diocese e o pobo de Lugo, con motivo da solemnidade da Asunción da Virxe María, renderá homenaxe á súa patroa baixo a fermosa advocación da “Nosa Señora dos Ollos Grandes”. En verbas do historiador Narciso Peinado, os lucenses temos o privilexio dunha “fermosa, orixinal e feliz advocación”.

Ás doce do mediodía, o Bispo da Diocese presidirá a Eucaristía que concluirá cunha entrañable ofrenda floral na capeliña barroca dedicada a Nosa Señora. Nese momento, acompañado do Cabido da S. I. Catedral, da Alcaldesa, dunha representación do Concello e das autoridades locais e cunha nutrida representación de fieis que se congregan física e espiritualmente na Capeliña da Señora, contemplan a imaxe da Patroa e venérana con filial devoción. Estamos ante unha devoción popular moi antiga. A cantiga 77 do rei Alfonso X o Sabio, recordando os milagres da Nosa Señora, é unha testemuña veraz da devoción a María expresada nunha imaxe moi anterior á actual. Parece evidente que esta imaxe actual da Virxe representa, dun xeito moi semellante, á que o Rei Sabio lle cantou no seu día. Na imaxe actual, María está representada de pé, con manto e túnica longas; a cabeza cuberta cun veo que deixa amosar unha fermosa melena ondulada; mentras suxeita o Neno coa man esquerda, ofrécelle a este, coa dereita, o peito nutricio (daí tamén a advocación da Virxe do Leite), branco e espido; o neno viste roupas amplas, leva unha bola na man esquerda, vai descalzo e coloca a manciña dereita sobre o peitiño da súa nai.

Pero que ten, pois, de orixinal esta advocación? Máis aló do argumento da fermosura do corpo e da grandeza dos ollos expresados na imaxe, agóchase un xeito popular de entender a devoción a María, unha Marioloxía dos ollos e das miradas, substractos teolóxicos con arraigadas fundamentacións bíblicas, froito dun pensamento ben elaborado e oculto, en ocasións, detrás de pregarias e expresións relativas ao corazón humano e a sentimentos fondamente relixiosos. Neste contexto pódese entender a tradición que asegura que, inspirado nesta imaxe, compuxo San Pedro de Mezonzo a “Salve Regina”. Os ollos son o correlato do corazón, e dado que o corazón se substrae a todas as miradas porque está escondido no peito, búscaselle unha correspondencia exterior que é precisamente a dos ollos.

Nun estudo sobre María e Galicia do ano 1947, o entón coéngo mestrescola e Reitor do Seminario de Santiago, referíndose ao desterro do Bispo Odoario, a reedificación do templo de Santa María e a recuperación da imaxe da Virxe no templo, afirma: “aquella imagen cuyos ojos grandes no se apartaron un momento de su pueblo escogido, durante los días del cautiverio”. Certamente os ollos da Virxe de Lugo parécense, coa súa mirada atraínte, a un imán. Así o testemuñan centos de fieis que cada día a contemplan. Nunca está soa. É notorio para os lucenses que Ela estende a súa doce mirada sobre todos os fieis e nunca os abandona nas peticións de auxilio e socorro.

Queira Deus que aprendamos a mirar limpa e misericordiosamente a todos como Ela nos mira.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

«Eu son o teu Pai!»

Se cadra nunca viches a saga Star Wars, pero si oíches nalgún anuncio ou viches nalgunha imaxe esta icónica, e xa lendaria, frase do cine. No episodio V, O imperio contraataca, Darth Vader, caracterizado polo son do seu respirador artificial, nunha batalla decisiva con Luke Skywalker, decide facerlle a confesión máis importante da súa vida (que ata podería ser o comezo da súa inacabada conversión): «Eu son o teu pai».

Trasladémonos por un instante á pasaxe de Lc 15. Si, o fillo pródigo. Na parábola, Xesús fálanos dun fillo -o menor- que decide malgastar a parte da herdanza que lle corresponde. Malgastada a fortuna e malvivindo mentres coida porcos, opta por regresar a casa do seu pai que é, en realidade, tamén a súa casa. O discurso que prepara só ten a pretensión de ter un lugar onde comer, vivir e durmir; traballar como outro xornaleiro calquera.

Pero entón entra en escena o pai. O máis importante deste personaxe é xustamente iso: que é pai! O texto di: «cando aínda estaba lonxe, viuno o seu pai». Alí estaba el, esperando ao seu fillo. Un pai que ama desexa volver reencontrarse co seu fillo; con máis razón cando o fillo decide marchar da casa!

Cinco verbos: «viuno e conmovéronselle as entranas; e, ás presas, botóuselle ao pescozo e cubriuno de bicos». En 5 verbos descríbesenos a acción amorosa deste pai. Unha acción que nace dun desexo: o regreso do seu fillo. E aquí está, volveu!

O máis curioso deste momento é que, mentres o fillo está empeñado en ser un xornaleiro, o pai, para falar del, chámao “fillo”. Quizais a frase de Darth Vader, malia ser o malo, é moi certa. É o seu pai e el sempre será o seu fillo. É o teu pai e ti sempre serás o seu fillo. Deus é o noso Pai e nunca cansará de chamarnos fillos, de esperarnos, de correr cara a nós e cubrirnos de bicos. E entón volveremos descubrir este abrazo paterno que nos protexe e dános vida. «Este fillo meu estaba morto e reviviu».

«A comunicación [entre pai e fillo] é ás veces difícil, a confianza diminúe e a relación coa figura paterna pode volverse problemática; e entón tamén se fai problemático imaxinar a Deus como un pai, ao non ter modelos axeitados de referencia. Para quen ten a experiencia dun pai demasiado autoritario e inflexible, ou indiferente e pouco afectuoso, ou ata ausente, non é doado pensar con serenidade en Deus como Pai e abandonarse a El con confianza» (Benedicto XVI, Audiencia xeral, 30-I-2013).

Que Deus é Pai é a primeira afirmación que facemos no Credo e é posible grazas a que Xesús pediunos que, cando oremos, digamos: “Pai noso”. Polo bautismo somos fillos de Deus; redescubrámolo como Pai, aprendamos a amar como fillos. El sostén, acompaña e guía as nosas accións, e, ademais, somos partícipes dunha herdanza: a vida eterna. «Quen non procurará non perder tal Pai?» (Santa Teresa).

Nicolás Susena

Vicario parroquial da Milagrosa (Lugo)

A %d blogueros les gusta esto: