Actos en Lugo no día de San Xoán de Ávila

O 10 de maio celébrase a festividade do patrono do clero español, San Xoán de Ávila. Houbo unha conferencia do Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco titulada “A indulxencia plenaria na Catedral de Lugo”, da que se extractan a continuación unhas liñas: 

“A concesión do privilexio da indulxencia plenaria, cotiá e perpetua á nosa Catedral de Lugo tivo lugar nos últimos días do Ano Xubilar da Misericordia.

“Esta indulxencia será sempre para nós, en primeiro lugar, unha obra de misericordia, na que resoan dalgún modo as obras corporais e espirituais da tradición católica: visitar ao enfermo, dar para comer ao famento, vestir ao espido -que analogamente se fai con quen busca indulxencia-, ou, igualmente, perdoar ao que nos ofende, consolar ao triste, soportar con paciencia os defectos do próximo, rezar a Deus polos vivos e os defuntos, etc. A indulxencia plenaria é, en si mesma, misericordia; e achegarnos a posibilidade de acceder a ela na proximidade das nosas casas, en Lugo e en Galicia, en condicións adecuadas ás nosas forzas, calquera día e todos os días, é tamén unha misericordia grande.

“En todo iso, no don desta “gran perdonanza” que se nos ofrece, brilla de modo singular e en especial a gratuidade profunda do amor. Non so porque nada ñxemos que merecese esta indulxencia, senón ante todo porque se trata dun compartir -totalmente libre- o persoal, o máis vivo e próximo ao corazón, aquilo en que Deus mesmo descobre a beleza, o ben e a verdade da vida dos seus, ao que quere recoñecer verdadeiro merecemento mesmo ante El.

“Neste compartir desinteresado móstrase a alma verdadeira do irmán e, por suposto, en primeiro lugar, de Cristo o noso Señor, que coa entrega de si mesmo, do seu Corpo e do seu Sangue, fixo xurdir esta “comuñón” de Deus e os homes, que atravesa os séculos e que chega hoxe a nos nesta indulxencia “lucense”.

 Trala conferencia, celebrouse a Eucaristía e a continuación un xantar. Na imaxe inferior, os sacerdotes que cumpren as vodas de ouro, co señor Bispo.

Celebración de San Xoán de Ávila

O 10 de maio celébrase a festividade do patrono do clero español, San Xoán de Ávila. Con ese motivo no Seminario hai un programa de actos que inclúe os seguintes:

  • 11:30 Oración, seguida dunha conferencia do Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco titulada “A indulxencia plenaria na Catedral de Lugo”

  • 13h Eucaristía

  • 14h Xantar

Este ano cumpren 50 anos de sacerdocio:

  • Roberto Cea Veiga, cura de Gondollín

  • Adolfo García Vázquez, xubilado

  • David Gil Mato, cura de Láncara

  • Manuel González Vázquez, cura de Cabanela

  • José Antonio López Pérez, xubilado

  • Antonio López Valcárcel, cura de Guldriz

  • Jesús Pérez García, cura de Pidre

  • José Piñeiro García, cura de Martín

  • Manuel Vázquez Arrojo, cura das Gándaras

Exposición intercultural “Raíces” no Colexio salesiano “Divina Pastora”

O Colexio Salesiano “Divina Pastora” de Lugo acolle no salón de actos unha exposición intercultural aberta ao público desde o 8 ata o 12 de maio en horario de 17.30 a 19.00 horas.

A Exposición chámase RAÍCES e conta con numerosas pezas que recollen elementos do labor de centos de persoas que desde fai máis de 135 anos desvívense para que ningunha persoa no mundo, sen importar raza, sexo ou relixión, sufra as desigualdades sociais.

O visitante da exposición pode achegarse aos cinco continentes en que existe presenza da ONG “Jóvenes y Desarrollo” e as Misións Salesianas a través de obxectos significativos de cada un deles. O visitante sairá máis convencido de que co esforzo de cada un de nós outro mundo é posible.

Na mostra hai utensilios do día a día doutras culturas, pezas de artesanía realizadas nas Misións, unha cabeza humana reducida pola tribo shuar, instrumentos musicais de diferentes continentes ou máscaras das tribos máis recónditas do planeta.

VII Congreso de Educadores Católicos

O 6 de maio celebrouse en Lugo o VII Congreso de Educadores Católicos, organizado polas Delegacións de Ensino e de Pastoral Universitaria.

O profesor da Universidade San Pablo CEU, Francisco Serrano Oceja, levou o peso do Congreso, intervindo mañá e tarde. Francisco Serrano alertou sobre o principal inimigo da transmisión da fe: o medo. Medo a dicir o que se pensa, medo a dialogar, a non resultar eficaces… En canto ao labor dos mestres, sinalou que non hai traballo que aposte máis pola esperanza có seu.

María Ángeles López Romero, Directora da editorial San Pablo, falou do compromiso cristián e a forza da súa pegada transformadora. É algo no que Mª Ángeles cre firmemente despois de ver a moitísimas persoas traballando e deixando unha pegada de amor, de solidariedade, de xustiza e facendo propostas moi especiais, moi ancoradas na realidade. E parten, non dos problemas e das necesidades, senón das capacidades das persoas. Ademais, é un compromiso que nace do seguimento de Xesús, de saber que entregou a súa vida, que El nos ama e márcanos un camiño para complicarnos a vida, como di o Papa Francisco.

Iván Prol Fernández, profesor do Colexio Divina Pastora, falou de Don Bosco e da historia da congregación. A mestra e psicopedagoga do mesmo centro, Marta Trashorras Gayoso, explicou o método pedagóxico salesiano, baseado en tres puntos: 1) pedagoxía do corazón: arte de educar en positivo (sistema preventivo); 2) encontro co mozo, co neno e 3) sustentación no amor, a relixión e a razón.

A clausura do Congreso correu a cargo do Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, que invitou a non perder a referencia de Xesús: Fillo de Deus e home sublime.

Si á democracia nos impostos

Na teoría política afírmase que nas democracias as persoas non somos súbditas do Estado, nin do partido político gobernante, senón que somos cidadáns libres e responsables. Isto leva consigo protagonizar a nosa vida persoal e asociada como membros da sociedade para facer que o mundo camiñe cara á meta que desexamos. Iso é a teoría.

Pero a día de hoxe podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que en xeral non temos dereito a decidir o que se vai facer cos impostos. Na actualidade non nos permiten decidir como se van investir os impostos que pagamos no IVE e en moitos outros. Entre os impostos especiais convén destacar, por exemplo, o das gasolinas onde está gravado máis do 50 % do seu custo.

A lexislación actual só nos permite decidir sobre o que pagamos no IRPF (Imposto sobre o Rendemento das Persoas Físicas), e tan só nunha ínfima porcentaxe, como moito o 1,4 % no caso de que poñamos as dúas cruces na Declaración da Renda, a da Igrexa Católica e a dos Fins Sociais.

Por outra parte, hai concellos que falan da elaboración de orzamentos participativos para que os cidadáns decidan onde gastar os cartos, pero trátase de decidir sobre unha ínfima parte deles (con frecuencia menos do 1 %). Por exemplo o PSOE criticaba a Compostela Aberta que nos orzamentos participativos do concello para 2016 só lles permitían aos cidadáns decidir sobre o 0’09 % do orzamento total de Santiago. Ademais a participación é só accesible aos usuarios de internet, sendo moi poucos os que participan (por exemplo en Madrid o proxecto máis votado rexistrou só 4405 votos).

Mesmo no IRPF hai persoas que queren quitar esa ínfima posibilidade de decidir que temos só nese imposto, é dicir, queren rebaixarnos a democracia nos impostos!! Iso supón quitarnos liberdade e desconfiar das nosas decisións. Na sociedade o que os demócratas necesitamos é ter máis democracia e, por tanto, máis capacidade de decisión sobre o destino dos impostos para que, a modo de exemplo, haxa tamén “casiñas” para dar ou non un aporte económico aos partidos políticos, aos sindicatos, á promoción de deportes, á axuda á arte e ó cine, etc. etc. porque iso non debe quedar á libre decisión dos políticos gobernantes.

Curiosamente, como case sempre ocorre, quen abriu o camiño neste exercicio democrático de decidir sobre os impostos foi a Igrexa Católica, en contra dos estereotipos propalados de que esta é unha institución contraria á democracia, o que está lonxe da verdade como este feito manifesta.

Recordemos que a democracia debe ser “o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”, segundo a clásica definición. Entón do que se trata é de ampliar a democracia no campo dos impostos ata que sexamos os cidadáns os que xestionemos todos os impostos, ata chegar a decidir a economía do país e do mundo nunha plena democracia.

Por iso, opoñerse á posibilidade de que os cidadáns decidan ese ínfimo  0,7 % para a Igrexa Católica, só se pode entender desde opcións ditatoriais ou inquisitoriais, por tanto, inimigas da liberdade, da democracia e do protagonismo económico e social dos cidadáns, especialmente dos pobres. Hai que aceptar a maioría de idade dos cidadáns para facilitarlles exercer a súa responsabilidade en liberdade dentro dunha sociedade plural e dialogante conforme ós Dereitos Humanos.

Consecuente co dito, a decisión é non renunciar a este chisquiño de democracia que me permiten na declaración do IRPF. Por iso poñerei as dúas cruces por estar basicamente de acordo coas institucións aí sinaladas, que ademais fan unha xestión do diñeiro recibido en favor dos cidadáns bastante mellor cá xestión dos nosos impostos que fai o Estado. Tamén quero seguir traballando e colaborando con outras persoas e institucións para acadar unha maior democracia neste ámbito dos impostos que pagamos e incluso da economía toda.

Antón Negro

A %d blogueros les gusta esto: