Exercicios espirituais organizados conxuntamente polas dioceses compostelá e lucense

Copia de Carlos-Cuartango

Do venres 26 ao domingo 28 de febreiro de 2016, as delegacións de Apostolado Segrar de Santiago e Lugo invitan a participar nos exercicios espirituais en Sobrado dos Monxes, impartidos polo prior, D. Carlos Gutiérrez Cuartango (á dta.). 

Os exercicios constan de catro charlas, transcurrindo as xornadas en atención á liturxia das horas. Hai tempos de silencio e tamén tempos de compartir experiencias. 

Atendendo aos consellos en torno a este Ano Xubilar da Misericordia, haberá un tempo en cada retiro para unha celebración compartida e unha vivencia profunda do perdón permanente que nos ofrece Xesús.

Abuso sexual infantil, aborto e agresións

Os que nos dedicamos á psicoterapia sabemos que cando unha persoa senta na nosa consulta pode aparecer calquera cousa no seu relato: abuso infantil, maltrato, violencia intrafamiliar, autolesións, ideas suicidas, unha violación, etc. Dá igual que poida ser alguén aparentemente feliz (sempre riseiro) ou que nos pareza que ha ter moita sorte (éxito persoal e profesional); o sufrimento que unha persoa pode gardar dentro de si é enorme.

Detrás da fachada de persoas que parecen felices habita, ás veces, un gran sufrimento. E, a miúdo, é vivido en soidade. Porque non é doado atopar un lugar no que un se vexa suficientemente seguro como para contar certas cousas. Con todo, a experiencia dinos que cando compartimos ese sufrimento e somos acompañados, somos máis felices e capaces de tomar decisións que nos conducen a un lugar mellor.

É o caso de N., un home de 42 anos, casado, con dúas fillas, que repetidamente sufriu abusos dun tío cando era neno. Ou a historia de A., unha muller de 56, empresaria, católica practicante, á que todas as súas amigas admiran e que, con todo, non deixa de lembrar o día en que lle fixeron crer que non podía ter ao seu cuarto fillo, e abortou. Agora todo o mundo dille que foi a súa decisión, que non pense máis niso, e que pase páxina. Ou a vida de C., na que un pai alcohólico moi violento (que a maltrataba a ela, aos seus irmáns e á súa nai) e unha violación por parte dun primo aos 17 anos, supuxo un mes na Uci por un intento de suicidio.

Tras un ano acudindo a terapia, C. dinos: «Eu tiña as miñs reservas, pero descubrín que a Igrexa si se preocupa de min. Acudín a outros sitios, pero o que atopei aquí non o atopei en ningún outro lugar». C. nunca pensou ir a un psicólogo. Parecíalle que a súa axustada economía non lle permitía `quitarlle’ aos seus fillos 50 ou 60 euros (o que un psicólogo custa de media en Lugo, por sesión), para ir pasar o tempo». Agora, grazas a unha beca do COF Diocesano e medio ano despois de recibir a alta, di: «Eu sei que comigo perdían diñeiro. Sei que a Igrexa regaloume algo que custaba moito máis do que eu achegaba por cada sesión. Considérome unha privilexiada. No COF Diocesano hai profesionais de primeiro nivel e é un centro acreditado pola Xunta».

Desde fai tres anos C., N., A. e outras 297 persoas beneficiáronse dos servizos do COF Diocesano de Lugo, unha Fundación do Bispado que realizou máis de mil sesións de orientación ou terapia, e que axudou de forma directa a outras 600 persoas a través das súas actividades formativas. Así pois, o lugar onde algúns percibiron a seguridade suficiente como para contar os seus sufrimentos e o lugar no que foron acompañados nun proceso que lles axudou a ser máis felices e capaces é a Igrexa Católica.

Martiño Rodríguez

Director do COF Diocesano de Lugo

Ciclo de conferencias “Occidente ante o século XXI”

Do 22 ao 24 de febreiro, o salón de actos da Deputación Provincial acolle ás 20h o decimocuarto ciclo de conferencias Occidente ante o século XXI que este ano teñen como lema “2016. Ano da Misericordia”. Os conferenciantes son:

Día 22

P. ISIDORO MACIAS MARTÍN `PADRE PATERA`

Frade franciscano cofundador da Orde Irmáns Franciscanos da Cruz Branca. Dirixe en Alxeciras a chamada ” Casa Familiar Virxe da Palma”, onde se recolle a todos os que chaman á súa porta, sobre todo a polisóns, inmigrantes regulares ou non, e xentes sen recursos. Conferencia: “Experiencias do Padre Patera

Día 23

P. ÁNGEL GARCÍA RODRÍGUEZ “MENSAXEIROS DA PAZ”

Estudou no seminario de Oviedo, onde se ordenou sacerdote en 1961. Un ano despois fundou, xunto ao tamén sacerdote Anxo Silva, a Asociación “Cruz dos Anxos”, ande acollían en fogares a nenos abandonados. En 1972 trasladouse a Madrid para crear unha Asociación de ámbito nacional, “Mensaxeiros da Paz”, que co paso do tempo estendeuse por moitos países de todo o mundo. Conferencia: “Un mundo mellor é posible

Día 24

P. JESÚS MANUEL SANTIAGO VÁZQUEZ

Cursou os estudos de Teoloxía no Instituto Teolóxico Lucense, ordenándose sacerdote no ano 2000. Estudou Teoloxía Patrística no Universidade de Teoloxía San Dámaso (Madrid), doutorándose no ano 2009 coa tese doutoral “A Teoloxía litúrxica de Tertuliano. Continuidade e conflito coa tradición precedente.” É Delegado Episcopal de Misións en Lugo e Vigairo Parroquial en San Francisco Xavier. Conferencia: “A Misericordia como misión da Igrexa

Este ciclo está organizado pola Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo

Javier M. Prades López clausurou as Xornadas Abertas de Teoloxía

Xornadas Teoloxía día 18 c

O xoves 18 o Rector da Universidade Eclesiástica San Dámaso, Javier M. Prades López, puxo punto final á trixésima edición das Xornadas Abertas de Teoloxía. A súa conferencia “Dar testimonio. La presencia de los cristianos en la sociedad” tivo dúas partes. Na primeira tratou do debilitamento antropolóxico da razón, da liberdade e da mesma realidade. O conferenciante explicou que o malestar existente en Europa ten a súa raíz non só na crise económica e no problema cultural e moral senón tamén na perda de confianza ante a propia experiencia de vida (capacidade de distinguir realidade e ficción, verdade e mentira, bo e malo…).

E na segunda parte da súa intervención Javier Prades expuxo tres maneiras en que pode darse a tradución cultural da fe: 1) identificar a fe como reforzo da cohesión ética; 2) limitarse ao anuncio, ao kerigma e 3) personalizar a fe, facer unha verificación existencial da mesma. Esta última sería a mellor opción por recoller toda a natureza do cristián.

Comunicado do Bispado de Lugo sobre a credencial de peregrino

Ante as informacións sobre a credencial do peregrino expedida en Lugo, manifestamos:

– Esta Diocese recibiu a última hora da tarde de onte unha nota da Oficina de Acollida ao Peregrino, que foi publicada na prensa, negando todo recoñecemento a unha credencial que esta Diocese tería expedido.

– Devandita credencial é, en realidade, iniciativa da Asociación Lugo Monumental, co patrocinio de La Voz de Galicia e o apoio explícito do Bispado de Lugo que considerou moi positivo este proxecto. Esta credencial foi presentada o 19 de novembro de 2015. A recadación pola venda da mesma (1 €) é destinada pola Asociación íntegramente a Cáritas diocesana de Lugo.

– Desde os inicios da historia da Igrexa, os Bispos expediron cartas credenciais ou documentos semellantes aos fieis que partían das súas Dioceses, coas que acreditar a súa condición de católicos ou de peregrinos, e sempre foron recibidas como válidas nas Igrexas ás que se dirixían.

– En todo caso, procurouse respectar a vontade do Cabido da Catedral de Santiago, manifestada nunha nota do 17 de decembro de 2015 e publicada no Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago, segundo a cal só recoñecerán como válida a credencial que eles emitan, garantindo a acollida doutras credenciais soamente ata o próximo primeiro de abril.

– Non comprendemos, xa que logo, o rexeitamento expresado agora pola Oficina de Acollida ao Peregrino en exclusiva a esta credencial. Confiamos que esta cuestión resolverase seguindo as canles eclesiais normais.

A %d blogueros les gusta esto: