Festival organizado por Taller de Solidariedade

Este Festival Solidario, que terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, o sábado 23 de maio ás 20:00 horas

A cultura en Lugo mobilízase en apoio do Proxecto “Wasi Nazaret” Centro de atención e prevención á muller e a familia en situación de risco, situado en Checacupe, Canchis, Cusco.

Este festival solidario é posible grazas á iniciativa do Comité de voluntariado de Lugo da Fundación Taller de Solidariedade, á implicación e ao compromiso solidario das Escolas Municipais de Música de Rábade & Begonte e Asociación Músico Crisanto, que actuarán de forma gratuita. O presentador do festival será o mago David Méndez.

A entrada do Auditorio Municipal Gustavo Freire (espazo cedido polo Concello de Lugo) contará cun stand para informar sobre o traballo que se está desenvolvendo.

VIII Encontro do voluntariado de Cáritas Galicia

Encontro voluntarios Galicia

O centro Europeo de Peregrinacións “Xoán Paulo II”, no Monto do Gozo, será o marco para a celebración do VIII Encontro do Voluntariado Galego de Cáritas. O día 30 de maio estarán no devandito lugar representantes das cinco dioceses compartindo experiencias e testemuños, coñecendo distintas realidades do voluntariado en Cáritas.

O secretario xeral de Cáritas Española, Sebastián Mora, pronunciará a conferencia central, co título “Presenza de Cáritas: Acción, sentido e espiritualidade”.

Os actos programados para a mañá pecharanse cunha Eucaristía, presidida por Jesús García Vázquez, delegado episcopal de Cáritas Santiago e na que participarán delegados episcopais e consiliarios da institución.

Trala comida de confraternidade, os asistentes trasladaranse á Cidade da Cultura para realizar unha visita guiada polas distintas exposicións centrándose fundamentalmente na actual “Camiño, a orixe”.

Para que Cáritas poida levar a cabo a súa misión, necesita organizarse e contar con persoas voluntarias, coas que facerse presente xunto ás persoas que viven a inxustiza da pobreza. No encontro insistirase en que o voluntariado é comprometido, activo, capaz de dar respostas, coherente coa misión que se lle encomenda, que vive os valores da solidariedade, a gratuidade, a igualdade. A denuncia das inxustizas sociais ocupa un lugar prioritario, así como a sensibilización e formación da sociedade.

Celebración do Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar

5 maio día 24 Apostolado Segrar

A Delegación de Apostolado Segrar de Lugo invita a toda as persoas, en especial aos laicos, a vivir con gozo a festa do Espírito Santo, lembrando que actúa en cada un de nós, e que nos chama a vivir a fraternidade de sabernos irmáns, pulando por defender a dignidade humana e transmitindo a alegría do evanxeo nas nosas familias, nos nosos ambientes e nos nosos traballos.

No salón de actos Seminario de Lugo, o venres 22 de maio, ás 20 h., contaremos coa presencia de D. Jesús Fernández González, bispo auxiliar de Santiago de Compostela, que impartirá unha charla en torno ao lema da CEAS para este ano: “A familia acolle e transmite a luz”.

Ao día seguinte, o sábado 23 de maio, ás 19h a vixilia de Pentecoste será nunha periferia da cidade do Santísimo, sendo por primeira vez na parroquia de S. Lourenzo de Albeiros de Lugo.

O día grande da Igrexa, o Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar, é o domingo 24 de maio, no que celebraremos a solemnidade de Pentecoste cunha Eucaristía, presidida polo noso Bispo, D. Alfonso Carrasco Rouco, na Catedral de Lugo, ás 13:00 h.

Como nos sinalaba o papa Francisco na Eucaristía de Pentecoste do ano pasado:

O Espírito Santo ensínanos o camiño; recórdanos e explícanos as palabras de Xesús; fainos orar e dicir Pai a Deus, fainos falar aos homes no diálogo fraterno e na profecía.

O día de Pentecoste, cando os discípulos «quedaron cheos de Espírito Santo», foi o bautismo da Igrexa, que naceu “en saída”, en “partida” para anunciar a todos a Boa Nova. Xesús foi perentorio cos Apóstolos: non debían alonxarse de Xerusalén antes de recibir dende o alto a forza do Espírito Santo (cfr Fei 1,4.8). Sen El non existe a misión, non hai evanxelización. Por isto con toda a Igrexa invocamos: ¡Ven, Santo Espírito!”

Que non nos quedemos no litúrxico, que non permanezamos pechados nas nosas inercias: toca saír fóra, toca abrir as portas, toca abrirnos aos irmáns que sofren e nos que se fai presente Xesús.

[Materias da Xornada]

Actuación da Coral do Hospital de Lugo no Círculo das Artes

Coral Hospital 2

O xoves 21 actuou no Círculo das Artes a Coral do Hospital de Lugo. A parte final do concerto consistiu nunha estrea, con interpretación de Indianas, seis canciones para cuarteto vocal o coro y piano de Carlos Guastavino (1912 – 2000).

Unha alumna do compositor arxentino, que mantén contacto coa coral desde que esta actuara no país americano hai 6 anos, enviou a Lugo os temas musicais interpretados na parte final do concerto. Foron pezas que constituíron todo un reto para a coral lucense, que saíu adiante coa colaboración do pianista Aurelio Chao.

 No concerto actuaron como solistas: Celia Vizcaíno como soprano, Concepción Corral como mezzosoprano; Luis Del Arbol. tenor e Carlos Roda como recitador. A dirección correu a cargo de Fernando G. Jácome.

Rolando Ruiz falou en Lugo da misión ad gentes

Rolando 2

O misioneiro xaveriano Rolando Ruiz Durán falou o día 18 de maio no Seminario de dous documentos da Conferencia Episcopal: “Actualidade da misión ad gentes en España hoxe” e “Orientacións sobre a cooperación misioneira entre as igrexas para as dioceses de España”. Para Rolando, o dinamismo misioneiro dos fieis é signo de madurez e a dimensión misioneira revitaliza toda a acción pastoral. Tamén resulta positivo entrar en contacto cos territorios de misión, sendo un exemplo disto a viaxe que fixo o Papa emérito Benedito XVI a África: cambiou a súa visión eurocéntrica que tiña os primeiros anos do seu pontificado.

 Con este acto concluían as tres xornadas de animación misioneira que veu realizando a Delegación Diocesana de Misións.

A %d blogueros les gusta esto: