A revista Lvcensia cumpre 25 anos

presenta lucensia

Cunha convención de colaboradores celebrouse o 25 aniversario da revista Lvcensia o sábado 16 no Seminario. O número 50 de Lvcensia ten un carácter eminentemente práctico, indispensable para manexarse polos contidos dos 49 números anteriores, pois trae 6 índices. O primeiro recolle alfabeticamente o nome dos 275 autores, títulos publicados e localización. Noutros dous índices a anterior información está ordenada polo título de cada un dos 700 artigos aparecidos e pola materia (84 apartados, desde acuicultura a urbanismo). E os dous índices finais recollen as recensións (ordenadas polo autor da obra que se reseña) e os colaboradores.

No acto de presentación, o señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, sinalou que entre o 70 e o 75% dos artigos tratan de historia, lato sensu, e nótase o diálogo co mundo universitario presente en Lugo pola presenza de temas como agricultura, gandería, ciencias naturais. Tamén expresou o señor Bispo o desexo de que Lvcensia sirva para garantir a nosa memoria e abrir espazos de diálogo.

Xornada das Comunicacións Sociais 2015

xornada MCS cartel

 Na Xornada Mundial das Comunicacións que se celébrase o domingo 17 de maio, Solemnidade da Ascensión do Señor, invítasenos a reflexionar sobre o papel da comunicación na misión da Igrexa no mundo.

“Comunicar a familia” é o lema desta XLIX Xornada Mundial. Lémbrasenos como a pertenenza á familia pode atopar na comunicación unha canle de expresión que sexa servizo á humanidade.

[Materiais da Xornada]

Xosé Filgueira Valverde: A Igrexa e as linguas vernáculas

Logos n 49

A continuación reprodúcese parte da colaboración de Xosé Filgueira Valverde no último número (49) da revista Logos :

Logos ten de cote recollido as mostras da conducta agarimosa da Igrexa cara ás culturas autóctonas. Nas verbas acesas de Torrás i Pagés, nos xurdios exemplos de Flandes, de Gales… de Nápoles mesmo, nós temos atopado compridas rectificacións a cantos, guiados por feitos esporádicos, sen tradición e sen afincamento nos criterios da xerarquía, atacan á Igrexa como “adversa á personalidade dos pobos”. Por sorte, mesmo en Galicia pódese xa escolmar probas da falsidade destes ditos. […]

Lembro unhas agudas verbas de Maritain no seu derradeiro libro. Moitas veces, na historia universal e mesmo na historia persoal a iniquidade preséntase con máscara de xustiza, e a xustiza vestida de iniquidade. E nestes intres dolorosos de crise qué certo é este paradoxo das ideas e das condutas! Diante das masas que apostatan aldráxase o catolicismo en nome da xustiza social, do pacifismo e da liberdade dos pobos. Cando a xustiza social, o pacifismo e a liberdade dos pobos son tres postulados creados polo catolicismo, que soio baixo a doutrina de Cristo poderán ter de cheo a súa realización.

É tristeiro que as masas coiden que os homes de Cristo son por doutrina e por conduta adversarios dos humildes, partidarios das guerras imperialistas, ansiosas de afogar baixo a pouta de forzas cosmopolitas a vida enxebre das culturas vivas. Mais aínda é mais doloroso que o cristián para oporse ás forzas anticristiás non vexa mellor camiño que o de asumir o rol que esas forzas queiran sinalarlle e teimar na súa vida e nas súas obras polos tres postulados que sirven de eixo aos inimigos da alma: opresión dos pobos, guerra, capitalismo; ao servicio do demo, do mundo e da carne.

Eiquí en Galicia…

Na nosa terra este problema das máscaras da xustiza é mais agudo que en ningures. O divorcio antre as vilas e a aldea é a cada intre máis fondo. Case diríamos que a vila gosta da decadencia da aldea. A fame nos aldeáns fai baixar ao mínimo os prezos, a incultura aldeá asegura a especulación. Os partidos políticos que axitan o agro, con verbas de xustiza, non son por desgraza partidos que directamente se inspiren nas ideas católicas nin que leven un ideal de salvación cristián. Mais eles defenden as eternas verdades nosas, as fondas realidades da vida cristiá -xustiza, caridade, personalidade, fe no ideal, sacrificio- cicais moitas vegadas envoltas en máscaras de iniquidade -revolta, materialismo, estatismo- cicais moitas vegadas tamén manexadas somentes en proveito de intereses políticos.

Esas xentes, non nós, son as que falan hoxe de Galicia en Galicia. A liña Sarmiento-López Ferreiro-Lago González semella terse quebrado con nós. A personalidade de Galicia que foi unha realidade católica pode trocarse nun sulco da loita contra a Igrexa. A defensa das libertades tradicionais, amparada en tódolos pobos pola poboación católica, déixase eiquí en mans dos inimigos da tradición. 

Solemnidade da Ascensión do Señor

“Deus ascende entre aclamacións” así di a antífona do salmo 46 que se proclama na solemnidade da Ascensión de Xesucristo ao ceo. Antes, este día era un dos xoves do ano que brillaba máis có sol; agora posiblemente sexa unha festa que pasa máis desapercibida. pero o que nos ensina e o que celebramos ese día ten moita importancia para vivir e sobre todo morrer con esperanza. A clave e o significado deste misterio atopámolo moi claro na oración colecta dese día. Nela dísenos que alí onde nos precedeu El, que é a nosa cabeza, esperamos chegar tamén nós, como membros do seu corpo. Cristo ascende e vai ao ceo; e nós, en canto sexamos membros do seu corpo esperamos chegar algún día a ese lugar de vida plena e definitiva, onde non hai pranto, nin loito, nin dor, senón paz e alegrías eternas.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: