Retiro de preparación ao Advento

Delegacion Apostolado Segrar

O sábado 22 de novembro, de 10 a 13:50h, hai un retiro de preparación ao Advento organizado desde a Delegación de apostolado segrar. O lugar é o Seminario diocesano de Lugo, e cóntase con Alberto Leiva, párroco de San Antonio.

Será un bo momento para estar atentos ao que nos pide o Señor aquí e agora, e acoller este novo tempo de igrexa misioneira aberta ao mundo.

Miguel A. Álvarez: Como coñecín a novena da Medalla Milagrosa

Teño que comezar  facendo unha confesión que me avergoña bastante. Cheguei a Lugo no ano 1988, fun ordenado sacerdote no 1999, e ata fai 4 anos non sabía da existencia da novena da Medalla Milagrosa que congrega a unha cantidade considerable de devotos. Para min foi unha agradable sorpresa ver, aos poucos días de estar na parroquia de San Froilán, como se enchía a igrexa de persoas para rezar o Santo Rosario e a Novena e celebrar a Eucaristía.

No longo, escuro e triste mes de novembro esta Novena da Milagrosa supón un foco de luz e alegría. Non en balde, a imaxe da Milagrosa irradia luz. Os raios que saen das mans da Virxe María son símbolos das grazas que María alcanza aos homes, Cristo mediador e salvador.

Lembro coma se fose hoxe que a primeira igrexa na que entrei na cidade de Lugo foi na da parroquia da Milagrosa. Tiña 9 anos e fora con motivo da voda da miña prima Nieves. E no 1988, cando xa viñen definitivamente para Lugo, a primeira igrexa na que entrei foi tamén a da Milagrosa. Pero non remata aquí a historia. Ordenáronme de presbítero nesta mesma igrexa. E a miña primeira parroquia non foi a Milagrosa, como poderían estar esperando, senón a de San Froilán, que no seu día foi a nai da parroquia da Milagrosa, cando fai 50 anos a cidade de Lugo expandíase cara á zona norte. E como na parroquia de San Froilán venerábase a Virxe da Medalla Milagrosa, por influencia das Fillas da Caridade, púxose baixo o seu patrocinio a nova parroquia que despois deu nome a ese extenso novo barrio da cidade. Como ven, a miña vida en Lugo está moi marcada pola Milagrosa, aínda que non soubese da existencia da súa novena tan popular ata hai pouco tempo.

Todos necesitamos que Deus faga algún milagre en nós ou en alguén a quen coñecemos. Hoxe preséntolle ao Señor por medio da súa Nai, a Virxe María da Medalla Milagrosa, todas as intencións dos que están lendo isto e necesidades. Pido tamén polas parroquias de San Froilán e da Milagrosa, polas Fillas da Caridade e polos alumnos e profesores do seu colexio. !¡

O María sen pecado concibida! Roga por nós que recorremos a ti.

Miguel Ángel Álvarez

Novenas en honra da Virxe Milagrosa

A Medalla Milagrosa

Na Parroquia da Milagrosa, a partir do mércores 19 ata o xoves 27 de novembro ten lugar a novena na honra da Virxe Milagrosa, cos seguintes actos:

  • Rezo do Santo Rosario ás 19:00 (sete)
  • Eucaristía ás 19:30 (sete e media)
  • Exposición do Santísimo despois da misa
  • Confesións de 19 a 19:30 h.

Na Parroquia de San Froilán a novena, os mesmos días, terá o horario seguinte:

  • 19:15 h  Santo Rosario e exercicio piadoso da novena
  • 19:30 h Celebración eucarística. A proclamación da Divina Palabra estará a cargo do misioneiro comboniano P. Damián Bruyel.
  • ás 11 da mañá do día 27 será Misa solemne da festa da Santísima Virxe da Medalla Milagrosa.

Cáritas colabora cos enfermos de ébola. A Diocese de Lugo felicita a Teresa Romero

A Diocese de Lugo fai público o seguinte comunicado:

“A Diocese de Lugo quere expresar a súa alegría sincera pola curación de Teresa Romero, orixinaria dunha das nosas parroquias, na que segue tendo fortes vínculos familiares. Con ela, tamén nós damos grazas a Deus pola súa recuperación e seguirémola tendo presente nas nosas oracións.

Así mesmo, queremos manifestar a importancia de seguir apoiando a todos os que necesitan a nosa axuda nos países azoutados pola epidemia do ébola. Alí, a falta de recursos e a ausencia de suficientes infraestructuras sanitarias fan moi dificil, senón imposible, atallar esta enfermidade que se está cobrando miles de vidas.

Non podemos reaccionar só cando nos sentimos en perigo nós mesmos, nin escudarnos na lonxanía dos afectados para non ocuparnos deles. Teresa lembrounos que este non é un problema alleo a ninguén nin, en realidade, tampouco aqueloutros que afectan ao destino dos nosos irmáns.

O xesto da nosa Igrexa, a través de Cáritas Española cunha nova achega económica a Liberia, para apoiar os programas sanitarios de control da propagación do virus, acompañar aos enfermos e facilitar alimentos e artigos de primeira necesidade (que se suma á xa enviada ás Cáritas de Sierra Leona e Guinea Conakry), é expresión dunha fraternidade imprescindible, que supera fronteiras.

Enviamos o noso afecto e oración a todos os afectados, así como aos sanitarios, voluntarios, institutos relixiosos e asociacións que non están escatimando esforzos para socorrer aos nosos irmáns máis necesitados e enfermos”.

JUAN DE DIOS LARRÚ: “Identificar amor con emoción impide a maduración da persoa”

O sacerdote e teólogo Juan de Dios Larrú será o relator da 5ª xornada do Curso de formación en matrimonio e familia que se celebra en Silleda. A súa intervención leva por título “A familia e a educación en virtudes”. Juan de Dios Larrú é Doutor en Teoloxía e Decano do Instituto Juan Pablo II en España.

-Na sociedade actual fálase moito de valores. Son o mesmo cás virtudes?

– Virtudes e valores non son sinónimos. As virtudes son hábitos operativos bos e configuran a fisonomía moral da persoa que actúa. O valor é un concepto vinculado á motivación. É un contido esencial do acto humano dentro da súa dimensión de especificación. Por iso, máis que unha definición do mesmo, existe unha caracterización dos seus elementos definitorios mediante unha vía máis descriptiva da experiencia.

– Que son as virtudes e que importancia teñen na educación dos fillos?

– As virtudes son os modos de recibir os dons de Deus. Indican, pois, a inmensa capacidade receptiva humana, que fai crecer e madurar ás persoas. Teñen unha estrutura comunional, pois a plenitude á que apuntan é a comuñón das persoas.

– A cultura na que vivimos condiciona o modo en que pensamos, vivimos e nos relacionamos cos outros. Por que é negativo identificar amor e emoción?

– Porque é unha redución do amor, que impide o crecemento e a maduración da persoa no espazo e no tempo. O amor atópase na orixe dos afectos, e tamén é unha virtude e unha acción de toda a persoa. Ninguén nega a importancia do sentir, pero a persoa é máis grande cás súas emocións.

– Realmente ten a familia capacidade para influír na educación dos fillos ou son outros os que educan (medios de comunicación, amigos…)?

– A educación no uso dos medios de comunicación é singularmente relevante e delicada, pois estes medios cambiaron o noso modo de relacionarnos. A familia, indubidablemente protagoniza a tarefa educativa, e é preciso que aprenda a introducir prácticas concretas que axuden a usar estes medios segundo a idade e madurez dos fillos, dun modo virtuoso.

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: