Celebracións en honra da Virxe

Algunhas das celebracións en honra da Virxe nesta 2ª semana de setembro na Diocese de Lugo:

O Faro: trala romaría do día 8, terá lugar ás 17h do día 9 a Misa e baixada da imaxe ata Requeixo, onde haberá Misa á chegada da imaxe.

O Cebreiro:  celebracións na honra do Santo Milagre e Santa María a Real. Misas no santuario pola mañá e pola tarde dos días 8 e 9.

Virxe dos Remedios en Antas de Ulla: Ás 13 h de cada un dos dous días 8 e 9 celébrase a Misa solemne seguida da tradicional procesión acompañada pola Banda Municipal de Antas e a charanga O Recodio (o día 8) e pola Banda de Música Virxe do Carmen e o Grupo de Gaitas A Fiadeira (o día 9).

Cadeiras, San Vicente de Pinol, Sober: Romaría na honra á Virxe dos Remedios. Os veciños baixaron a Virxe desde Cadeiras ata a igrexa parroquial. O mércores día 7 en torno ás 20:00 horas subiuse a Virxe dos Remedios ao santuario. O xoves a xornada iniciouse a partir das 11:00 horas da mañá coa celebración das misas rezadas. En torno ás 13:00 horas ofíciouse unha Misa solemne con procesión. O venres día 9 celébranse as misas rezadas a partir das 11:00 horas e a tradicional Misa solemne en torno ás 13:30 do mediodía.

Virxe das Dores, Montouto, Santa Baia de Losón, Lalín: O 10 de setembro ás 20:30h é a procesión de fachos e o día 11 desde as 9h santas misas. A das 13h será Misa solemne, cantada polo Coro Rociero de Ntra. Sra. del Socorro (Cádiz).

A importancia do testamento vital

Foto MarioVarias peticións de lectores obríganme a volver sobre este tema porque me manifestan o seu desexo de ter acceso a un modelo de testamento vital. O testamento vital é unha declaración asinada que facemos os católicos para que non se nos aplique a eutanasia nin tratamentos e medios desproporcionados que vaian contra a nosa vontade. Pódese copiar, adaptalo á vontade propia e asinalo indicando aos seres queridos o lugar onde se garda. Os católicos, desde fai tempo temos un modelo da Conferencia Episcopal Española que aquí transcribo:

“Á miña familia, ao meu médico, ao meu sacerdote, ao meu notario: Se me chega o momento en que non poida expresar a miña vontade sobre os tratamentos médicos que se me vaian a aplicar, desexo e pido que esta declaración sexa considerada como expresión formal da miña vontade, asumida de forma consciente, responsable e libre, e que sexa respectada coma se fose un testamento.

Considero que a vida neste mundo é un don e unha bendición de Deus, pero non é o valor supremo e absoluto. Sei que a morte é inevitable e pon fin á miña existencia terrea, pero creo que me abre o camiño á vida que non se acaba, xunto a Deus.

Por iso, eu, o que subscribe, pido que se pola miña enfermidade chegase a estar en situación crítica irrecuperable, non se me manteña en vida por medio de tratamentos desproporcionados; que non se me aplique a eutanasia (ningún acto ou omisión que pola súa natureza e na súa intención cause a miña morte) e que se me administren os tratamentos axeitados para paliar os sufrimentos.

 Pido igualmente axuda para asumir cristiá e humanamente a miña propia morte. Desexo poder prepararme para este acontecemento en paz, coa compañía dos meus seres queridos e o consolo da miña fe cristiá, tamén por medio dos sacramentos.

 Subscribo esta declaración logo dunha madura reflexión. E pido a quen teña que coidarme respecte a miña vontade. Designo para velar polo cumprimento desta vontade, cando eu mesmo non poida facelo, a ………

Faculto a esta mesma persoa para que, neste suposto, poida tomar no meu nome, as decisións pertinentes. Para atenuarvos calquera posible sentimento de culpa, redactei e asino esta declaración.

Ler máis

Cursiño de Admisión no Seminario

seminario Lugo 4

A partires do 5 de setembro terá lugar o segundo Cursiño de Admisión para o curso 2016-2017, no que participarán todos os candidatos a seren alumnos do Seminario Menor que presenten as solicitudes ata os primeiros días de setembro. As solicitudes poden ser descargadas da páxina web ou retiradas e entregadas na recepción do Seminario Diocesano (ou utilizando calquera das outras posibilidades: web, email, fax).

Nos últimos días de agosto houbo entrevistas individuais aos candidatos e familias que xa presentaron as solicitudes. A entrevista inclúe, ademáis do diálogo e da presentación do proxecto e ideario do Centro, unha visita guiada ás instalacións.

O Libro dos libros

Mario Vázquez Carballo

 Na maioría das revistas de divulgación, incluídas tamén as do corazón, aconséllase ler, aproveitando o tempo de lecer do verán, e encómianse as grandes virtudes da lectura para unha boa formación e o crecemento persoal. Totalmente de acordo. Creo que ninguén dubida da importancia do hábito de ler pero tamén é certo que iso require un esforzo e é preciso recibir unha recompensa. Aínda que é verdade que se le para aprender e instruírse, para crecer e contrastar outras formas de pensar, para afirmar a propia personalidade e informarse, tamén é certo que ler axuda a pasar un bo intre, educa o pensamento, relaxa tensións e fomenta a meditación. Divulgouse a celebración dos 400 anos do Quixote e a conmemoración da morte do seu autor, Miguel de Cervantes Saavedra, o 23 de abril de 1616. Tamén de acordo.

 Pero chama a atención o pouco que se fala e escribe sobre “o Libro dos libros”, o primeiro dos libros, o Gran Libro. Por iso, creo que convén lembrar que, con motivo da exposición sobre a imprenta no Museo Británico (1962) publicouse un volume que leva por título: Libros que cambiaron o mundo (München, 1968). Os dous primeiros que se citan baixo o epígrafe: “No principio era a Palabra”, son a edición da Biblia en latín, impreso por Juan Gutenberg en Maguncia (1455), e a edición en alemán impresa por J. Mentelin en Estrasburgo (1566). Seguen logo as edicións da Biblia en Praga (1468) e a valenciana (1478).

 Desde a Igrexa Católica e desde a Teoloxía, a Biblia foi recuperada xa a comezos do século pasado e posta no lugar de honra que lle corresponde; foi estudada na Igrexa e en España, dun modo particular, como nunca o foi na súa historia anterior; o Concilio Vaticano II, favoreceu de modo eminente o seu coñecemento, lectura e difusión; a mesma Conferencia Episcopal Española, logo de 20 anos de traballo e investigación bíblica implicando aos mellores expertos, publicou a súa propia versión e edición (ano 2010) presentada no Palacio de Congresos da Castellana en Madrid na clausura dun excelente Congreso sobre a Palabra de Deus.

 Aínda que é verdade que o século XX trouxo o problema da Biblia (crítica bíblica, modernismo, liberalismo protestante), tamén o é que trouxo grandes solucións bíblicas, divulgándoa, dándoa a coñecer, creando sociedades bíblicas e movementos (en Lugo o Movemento Bíblico impulsado por J. Antonio González, contribuíu enormemente a estas tarefas divulgativas), e converténdose así para todos os cristiáns en fonte de vida e fundamento de unidade. A Biblia é hoxe, xunto coa Eucaristía, a que conforma a dobre mesa eclesial onde se parte e reparte a Palabra de Deus. As mesas do Pan e da Palabra encárnanse así na nosa propia historia, nas nosas terras, no noso ser e nas nosas intelixencias.

Co Concilio Vaticano II, quero invitar á lectura desta gran xoia da literatura universal, porque ela é “a alma da teoloxía” e fonte primordial do coñecemento de Cristo. Recentemente, o descubrimento dos papiros do Novo Testamento e dos manuscritos de Qumrán, reavivaron os estudos bíblicos e son un novo estímulo para a procura da verdade.

Mario Vázquez Carballo

Festas da Milagrosa

Festa Milagrosa igrexa wp 2

 O venres 2 de setembro inícianse as festas na parroquia lucense da Milagrosa co pregón a cargo do párroco José Antonio Ferreiro Varela ás 20:30h.

 O domingo 4 ás 12 h será a Misa Solemne e trala súa finalización, o acto “Flores para a Virxe”, procesión polas rúas próximas á igrexa, ofrecéndolle á imaxe da Virxe Milagrosa flores brancas.

 Coincidindo con estas festas, nos locais da igrexa está aberto un mercado solidario.

A %d blogueros les gusta esto: