Curso de capacitación para axudar a mulleres embarazadas en dificultade

cartel proxecto anxo WORDPRESS

CANDO: 8 e 9 de Abril 2016

ONDE: Casa Diocesana de Exercicios de Lugo

HORARIO: venres de 17.00 a 20.30; sábado de 10:00 a 20:00

CONTIDO DO CURSO:

Tarde do venres

1. O proxecto Anxo como vocación e como ministerio eclesial

2. Espiritualidade do proxecto Anxo

3. Que é ser provida

4. O Evanxeo da Vida

Sabado

Mañá

1. Figuras e funcións de Anxo

2. Ferramentas para as funcións

3. Rescatador. Que dicir e que non dicir

Eucaristía

Tarde

4. Anxo : Comunicación

5. Facilitador : xestionar e saber dicir que non

6. Reflexións e consellos de implantación

Relatores de SPEI MATER España: María José Mansilla, presidenta e Jesús Chavarría, director espiritual.

– Matrícula: 15 €. Comida solta: 10 € (imprescindible reservar)

– É posible organizar aloxamento. Consultar.

  • Máis información en alabanza@hotmail.es, ou no teléf. 689873948

O Vivente

«Está vivo», «resucitou», «Paz a vós», «Por que buscades entre os mortos ao que vive?». De diversos xeitos e con expresións de gran riqueza, en todas as tradicións e escritos que chegaron ata nós, desde as orixes do cristianismo, atopámonos cunha afirmación unánime: «A morte non puido con Xesús de Nazaret; o crucificado está vivo; Deus resucitouno». Os seguidores de Xesús condensaron en fórmulas moi sinxelas o máis esencial da súa fe. Son fórmulas moi estables que circulan na fala da xente nas primeiras comunidades entre os anos 35 a 40 e que utilizaban para testemuñar a súa fe, proclamar a súa alegría e reafirmar a súa adhesión ao crucificado-resucitado. Soamente vinte anos logo da morte de Cristo, San Paulo ofreceríanos na `Carta aos Corintios’, o testemuño escrito máis antigo da resurrección.

Segundo unha antiga tradición, o segundo Domingo de Pascua chámase domingo «in albis» porque neste día os neófitos bautizados na Vixilia pascual poñíanse o seu vestido branco para celebrar con gozo a luz que o Señor lles deu no sacramento do bautismo. Despois quitaríanse o vestido pero debían manter acesas, no mediodo mundo, as chamas da verdade e do ben, da luminosidade e da bondade de Deus. Pero este domingo, e non esquezamos que estamos no Ano da Misericordia, celébrase tamén a festa da Misericordia Divina, celebración instituida por San Xoán Paulo II. É curioso que San Xoán Paulo II terminaba a súa existencia terrea (ano 2005) nas primeiras vésperas da festa que el mesmo instituíra.

Coincidindo con este tempo no que o cristianismo celebra a resurrección de Xesucristo, estréase tamén nos cines unha nova historia do «Vivente» titulada Resucitado. Non tiven oportunidade de vela aínda, pero os críticos din que merece a pena esta historia contada a través dos ollos dun non crente. Pode ser unha ocasión para achegarnos, de novo, a tan significativo acontecemento. É unha ocasión necesaria. Cada Pascua, de feito, recórdanos que non se pode ser cristián sen crer na Resurrección de Cristo, porque os acontecementos que ocorreron cara ao ano 30 en Xerusalén non son ningunha historia inventada. Baixo a impresión da morte de Xesús e da derrota da súa causa común, os discípulos fuxiron ou se refuxiáronse en agochos.

Bonhoeffer

Só a experiencia do encontro con Cristo resucitado liberounos do seu espanto e encheunos dunha fe entusiasta no Señor da vida e da morte. O teólogo D. Bonhoeffer (1906-1945), loitador da resistencia contra Hitler, asasinado no campo de concentración de Flossenbürg, afirmou con toda vehemencia: «Quen coñece a Pascua non pode desesperar» (Cf. Youcat, px. 69). Unha boa noticia que refresca o corazón cando fai unhas horas lía nos medios estatísticas tan terribles como que os suicidios seguen crecendo nesta.sociedade que algúns chaman do «benestar».

Retornar ás fontes da Esperanza pode ser unha boa medicación para tantas persoas sumidas no tedio. A fe é resposta a un Deus que sae ao encontro, como na pasaxe do encontro do Resucitado cos discípulos de Emaús. É froito dunha relación interpersoal, dun Deus que se interesa polo ser humano sabendo que non forza a resposta, pero a quen se lle pode atopar no camiño cando non se lle busca con microscopio, radiografías ou métodos científicos. As cousas da vida, do amor, da fe e da esperanza, de momento, non se poden manipular con aparellos de laboratorio, pero sabemos, os que temos a sorte de crer, que a fe é un vento intenso que atrae as certezas do Amor e afasta todo medo e inseguridade, toda dúbida e cálculo humano.

Mario Vázquez

Vicario xeral da Diocese

4 de abril, Xornada pola Vida

4 abril día 4 Xornada pola Vida cartel 2

 Este ano trasládanse a solemnidade da Anunciación do Señor e a Xornada ProVida do 25 de marzo ao 4 de abril por coincidir o primeiro día co Venres Santo. O lema deste ano é “Coidar a vida, sementar esperanza”. Os bispos da Subcomisión Episcopal de Familia e Vida piden unha defensa da vida humana porque “non hai nada nin ninguén máis digno na creación có ser humano, pois é a única criatura na terra que Deus quixo por si mesma e que coñece e ama de modo persoal: creounos á súa imaxe, somos amados incondicionalmente por Deus e estamos chamados a ser os seus fillos. Hai algo máis grande que isto?”.

O 4 de abril ás 19:30, a Eucaristía da parroquia de San Antonio de Padua, (Lugo) estará presidida polo señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco.

[Ver materiais da Xornada pola Vida]

Xornada de Axuda á Vida

O 2 de abril no Seminario Diocesano de Lugo organizouse unha Xornada de Axuda á Vida na que interviñeron o sacerdote tinerfeño Juan Carlos González Álvarez (O coidado da vida na vida da parroquia) e a xinecóloga Helvia Temprano (O agasallo da vida: indicadores de fertilidade, aplicacións prácticas)

 Tamén houbo unha mesa redonda na que se presentaron entidades de Apoio á Vida en Lugo:

Rosa Proxexto Anxo

Rosa Cruz falou do Proxecto Anxo. Ademais de 2 médicos, 1 enfermeira e un avogado, contan cunhas figuras propias: o rescatador, que primeiro dá a noraboa á muller embarazada (ás veces é a 1ª vez que a muller recibe esa felicitación) e atende, por exemplo, a mulleres que teñen medo a perder o traballo. Outra figura é o facilitador, que orienta á muller sobre os recursos dispoñibles en Cáritas, no Centro de Orientación Familiar Diocesano… E o anxo vai ofrecendo a experiencia de fe.

Pretenden poñer en marcha o programa “Parroquias pola vida”, co cal asentarían este Proxecto Anxo en parroquias da Diocese de Lugo.

Emilia Mtnez

Emilia Martínez comentou que Providav Lugo leva atendidas a máis de 50 familias (en total 60 bebés) con atención material e espiritual. Entre os casos que levan hai bastantes de mulleres moi novas, normalmente de familias desestruturadas. Denuncian que os traballadores sociais encamiñan á muller embarazada cara ao aborto, e se deciden ter o fillo, practicamente deixan de atender o seu caso.

Este acto estivo organizado pola Delegación de Pastoral Familiar en colaboración coa Fundación COF Diocesano de Lugo

Cristo resucitou. Estamos en Pascua

resurrección

Cristo resucitou. Esta é a boa noticia. A mellor noticia de todos os tempos. Non hai outra que se lle pareza. É única. Non foi superada nin sequera polo máis grande descubrimento da ciencia nin por ningún dos máis grandes acontecementos da historia da humanidade. Cristo resucitou e nel todos estamos chamados a resucitar.

Non se trata de volver a esta vida. Coa súa resurrección, Cristo inaugurou un novo modo de vida, a do Reino de Deus na súa plenitude. Non é tampouco algo que teñamos que esperar para o futuro. É unha vida que xa empezamos a gozar agora porque Cristo xa está connosco para sempre, xa que a morte foi vencida.

Esta presenza do Resucitado é a que fai novas todas a cousas e axúdanos a vivir con dignidade e esperanza malia os nosos pecados e limitacións. No medio das tebras, nas que estamos moitas veces, Xesucristo brilla como unha luz incombustible para iluminar a nosa historia e restablecer a dignidade de cada persoa.

Temos por diante un día de 50 días, a Pascua, que é imaxe do día novo que nunca se acaba. Acabáronse as procesións e os eventos propios da Coresma e Semana Santa. Agora toca festexar o gran acontecemento da resurrección do Fillo de Deus acompañados polo rexurdir da natureza na primavera, que tamén parece alegrarse por esta noticia. É o momento de vivir a alegría do Evanxeo, da que nos fala o Papa Francisco, e contaxiala a todo o mundo. Está necesitado de sementes de vida eterna que transformen os corazóns dalgúns para que todos poidan vivir con esperanza e dignidade. Desgraciadamente aínda hai moitos que están sufrindo o seu particular éxodo e loitando para cruzar “ríos” que lles permitan entrar na “terra prometida”.

Feliz Pascua para todos.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: